
Dende hai uns anos imos o primeiro sábado de agosto á Carballeira de Zas onde se celebra un festival de música folk. Pero a de 2005 foi especial.
Só Rocío, Naty e eu fomos á Carballeira dese ano. Levamos o coche da miña irmá Julita, pero ca condición de que á volta conducía Rocío, algo que ela quería saltarse á toreira.
Despois dunha divertida noite decidimos marchar para casa. Eu ía un pouco-bastante afectado polos líquidos dos meus amigos os deuses Dionisio e Baco, así que fun detrás delas facendo o parvo.
Pasamos por unha parella á que lle roubaran no coche e eu dinlle ánimos e ofrecinlle-la miña axuda. Logo continuei o camiño.
Cando elas dúas chegaron a xunta o coche berráronme:
-¡Ramón, roubáronche no coche!
Pero calquera que coñecera mínimamente a esas dúas lurpias faría o mesmo ca min e pasaría delas porque son unhas mentireiras (e máis comigo, porque o creo todo). Así que eu non lles fixen caso e continuei traquilamente camiñando cara o coche. Pero elas insistían e insistían en que me roubaran.
Cheguei a xunta o Corsita e si, roubáranme.
Tiña os vidros rotos, todo remexido, creo que unha luz rota... non me lembro ben.
Unha persoa normal estaría triste ou cabreada, pero xa dixen que eu ía afectado por Baco Dionisio, así que tomeino de coña.
Só tiña dúas preocupacións: que Naty non me rompera o mapa de estradas que intentaba poñer no asento para non cortarse cos cristais e verlle o cu a Rocío.
Si, o cu. Porque a Rocío, no medio do non-saber-que-facer, viñéronlle as ganas de mexar, así que alí se puxo, ó lado do coche, a miccionar. Eu fun pola volta sen que ela se dera conta. Foi entón cando Rocío dixo, enoxada e medio levantada, unha grande frase que pasará á posteridade:
-¡Algunha vez tiñas que ver un cu!
Pois si, algunha vez tiña que ser a primeira. Non puidemos parar de rir.
Despois de falar ca policía local e de asegurarlles de que volveríamos á Carballeira de Zas aínda que nos pasase iso, arrancamos para Laxe.
Pero non foi doado. Tivemos que convencer a Rocío para que levara o coche, porque ela negábase. Que eu estivese borracho e que Naty aínda non tivese o carné de conducir non lle parecían razóns de peso para ter que levarnos. Sen dúbida, o seu motivo era moi razoable: non era o seu coche e era de noite. Dúas grandes razóns para non conducir.
Finalmente, Rocío cedeu. Pero o traxecto que normalmente leva 15 minutos, a ela levoulle media hora, porque non ía a máis de 40 ou 50km/h. Aínda por riba, facía un frío que pelaba e, como nos romperan os cristais, tivemos que papar frío durante todo o camiño.
Para colmo, eu estaba a facer prácticas en La Voz de Galicia e na tira cómica do luns o chiste ía referido ós 15 coches ós que lle roubaron. Eu, por suposto, teñoo gardado.
Unha noite para recordar.
¡Ei, Carballeira!

