Máis de un mes. Ese era o tempo que levaba eu esperando para que chegase o 6 de abril. Ese día o polémico facho olímpico pasaría por Londres de camiño a Pequín.O de Atenas, no 2004, pasara por Madrid, pero eu non fora ver. Pero esta vez non se me escapaba.
Por sorte, ese domingo tiña a tarde libre (cousa rara), así que uns días antes busquei en internet o percorrido que faría e as horas ás que pasaría por cada zona.
Decidido. Ás 14.45 na catedral de Saint Paul.
En realidade pensei: ás 14.45 en Bank, pero cheguei alí e vin que estaba demasiado valeiro. Equivocárame.
Despois comprobei que confundira Bank con Mansion House (debeu ser polo parecido dos nomes).
O caso é que alí estaba eu unha hora antes, ó carón da catedral de Saint Paul, onde se casaron Lady Di e Carlos de Inglaterra, para ver aquel bonito momento nun dos días máis fríos do ano. De feito, esa mañá nevou en Londres (lembrade, 6 de abril).
Frío, esgotamento porque viña directo do traballo e porque tiña que estar de pé, aburrimento… Non importaba. O caso era ver o facho olímpico.
Chegaron os manifestantes pro-Tíbet e segundo se achegaba a hora, máis e máis xente.
14.45 horas. Centos de persoas, moitas cámaras de televisión, bobbies everywhere, tres helicópteros, os berros de Free Tibet, China out e o barullo da xente facían aquelo enxordecedor.
¡Xa estaba chegando! Eu ca cámara preparada e case sen batería para gravar aquel momento. ¡Xa viña, xa viña! ¡Que emoción!
A gran velocidade pasou un grupo de policías en moto. Xa debía de estar preto.
Pasou un autobús cas persoas que escoltaban a chama. Debían ser os suplentes.
Pasaron as cámaras de televisión. Agora si que si. Xa tiña que estar moi próxima.
Pasou un autobús cos seguintes relevistas. A continuación seguro que viña o facho olímpico.
Pasou outro autobús con un home que levaba un facho apagado e facendo o parvo. Debía ser o relevista anterior ou o seguinte. A xente aplaudiulle. Debía ser alguén famoso.
Pasou outro grupo de policías motorizados. Despois deles seguro que chegaba o facho.
...
...
...
Pasaron uns segundos e, pouco a pouco, o público comezou a moverse, a invadi-la estrada ¿A onde ían? ¿Levaban tanto tempo esperando e xusto agora que ía pasa-lo facho olímpico marchaban? A xente invadindo o percorrido ¿e a policía non facía nada?
¡¿Pero qué pasa?! ¡¿Pero qué invento es este?!
Eu esperei. E esperei. E esperei máis, pero a xente seguía marchando.
Foi entón cando me din conta de que o facho olímpico pasara por diante miña e eu non nin me enterara.
Non o podía crer. Perdín tempo, pasei moito frío, fame e aburrimento para nada.
Con cara de parvo, gardei a cámara discretamente para que ninguén se dese conta de que eu fora o único que non vira o facho olímpico, e marchei.
Poñeríavolo vídeo, pero non hai. O máis precido que vin foi a foto que puxen ó comezo.
A ver se para os próximos Xogos Olímpicos o consigo.
Será en Londres no ano 2012.

