11 de julio de 2007

Tres días, dous coches


A primeira semana de xullo de 2007 é para esquecer.

As prácticas en La Voz de Galicia non son o que esperaba, o ambiente na redacción non é o mellor, os avisos de Endesa de que en calquer momento podíame deixar sen luz por non pagar unha factura dende outubro non me deixaba moi tranquilo...

Pero, sen dúbida, o peor da semana foron as miñas aventuras cos coches.

Luns, 2 de xullo. Comezo as prácticas ás 16 horas. Saio da casa con unha hora de antelación (Sabón está a 15-20 minutos) por se pasa algo. E, como non, pasaba por alí Murphy e a súa lei. Ía entrar nun cruce, despisteime e unha camioneta levoume por diante. Resultado: dende o faro ata a roda esquerda do coche do meu pai quedou todo desfeito. Polo menos a min non me pasou nada. Despois das prácticas fun ata a casa, deixei o coche do meu pai (que deu saltos de alegría porque tiña a excusa perfecta para cambia-lo coche), collín o da miña irmá Julita e marchei de novo para A Coruña.

Mércores, 4 de xullo. Volvo de La Voz de Galicia, ceo con Antía, vouna levar ó seu novo piso, cargámo-la equipaxe no maleteiro, encendo o coche e noto que a panca de cambios está solta. Non o podo crer. Era o segundo coche que fodía en 48 horas. Chamo á guindastre. Vén e vexo cómo levan ó pequeniño Corsita para un depósito frío, feo e lonxano. Pobriño.Pronto estarás de volta comigo, pensei eu mentres a guindastre levaba ó meu pequeniño. Sentía como se me quitaran a un fillo.

As cousas agora xa están máis ou menos arranxadas. O meu pai por fin mercará un coche novo e o Corsita está en perfecto estado despois de apoquinar 103,12 eurazos por cambiar un 'sistema de varillaje que, hablando en plata, era una mierda', segundo palabras do mecánico.

Non sei cal é a conclusión que debo sacar disto, pero algunha haberá, ¿non?

4 de julio de 2007

Vida de rico


Levo só uns días no piso da Coruña e deime conta de que levo vida de rico.
Vivo nun piso enorme; non sei cánto medirá pero é moi grande para min só.
Teño cama de matrimonio; un dos maiores praceres desta vida.
Teño baño dentro do cuarto; outro dos praceres.
Vivo só; a miña grande ilusión.
Podo durmir ata mediodía porque teño as prácticas pola tarde.
E como ben, ou polo menos mellor que en Madrid porque aquí traio comida da casa.
O máis destacado é o menú que estou tendo esta semana:

Ameixas.
Polbo.
Tenreira asada.
Pescada ou merluza.

Estes son os catro pratos a escoller durante estes días no meu piso de estudiante. Pero non vos estranedes, son sobras da comida da festa da casa dos meus avós.

E é que algúns nacemos para ser e levar vida de ricos. ¡Aih...!

2 de julio de 2007

Alguien que me quiere mucho...

Estaba na festa na casa dos meus avós en Serantes e os meus primos Iago e Raul tiñan unhas camisetas das que vos quero falar.

Seguro que todos as coñecedes. Son esas que din:

Alguien que me quiere mucho y que se acordó de mí me ha traido esta camiseta de...

Pero eu creo que se alguén realmente te quere non che regala iso. Para comezar é antiestético e anti-gusto comprar, agasallar ou poñer esas camisetas.
Pero aínda que o pense e repense, sigo sen comprender cómo se pode comprar iso. Se polo menos ó final da frase dixese Estambul, Nova Iorque ou Tokyo aínda tería algo de glamour, exotismo, ou polo menos valería para chulear; pero normalmente ó final adoita dicir Benidorm, Matalascañas, Antequera ou Tenerife, como era o caso dos meus primos, vamos, todo menos glamouroso, exótico ou chulesco.

Douvos un consello: é mellor que non regaledes nada antes que presentarse con iso. Metedes nun apuro á persoa a quen llo dades.

25 de junio de 2007

Espaguetes con glamour


Como sabedes tódolos que me coñecedes un pouquiño, unha das miñas especialidades culinarias, por non dicir a única, son os espaguetes con atún, dos que xa falei anteriormente neste blog.
Un día, haberá dous anos máis ou menos, estaba eu na miña casa, en Laxe, e non había nada para cear -¡oh, qué raro!-. Así que decidín facer uns espaguetes con tomate e atún. Pregunteille á miña irmá Patri se ela tamén quería e díxome que si. Comecei a facelos e, de repente, apareceron por alí os meus primos David -que tamén é o meu afillado- e Nair. Pregunteilles se eles tamén ían querer espaguetes. Dixéronme que si, así que puxen uns poucos máis na pota.

Cando xa os tiña case listos pregunteilles ós dous mini-convidados:
-¿Vais a querer los espaguetis con mucho atún o con mucho tomate? (A eles fálolles en español porque os pais edúcanos na lingua opresora. Un saúdo Lourdes e Nano, eu tamén vos quero).

Eles contestáronme a coro, estrañados:
-¡¿Qué?! En casa los tomamos con nata y gambas.

¡Carallo, que me saíron ben finos!
Con cara de asombro e aguantando a risa díxenlles:
-Pues aquí sólo hay tomate y atún.
-¿Y no tienes noséqué?, preguntaron eles. Es que mamá también le echa de eso.
-No. Contestei.
-¿Y no tienes nosécuánto?, replicaron. Es que a veces mamá también le pone de eso otro.
-Tampoco. Aquí sólo hay tomate y atún, insistín eu.
- Pues no queremos, gracias. E marcharon.
Mexeime da risa, e Patri e eu tivemos que comer tódolos espaguetes con atún.

E é que eu teño uns primos moi sofisticados.

18 de junio de 2007

Chipiróns e boqueróns


Boqueróns.
Chipiróns.
Qué palabras tan confusas, ¿verdade?. Os dous son animais. Os dous viven no mar. Os dous acaban en -róns. E os dous sírvenos de tapas en moitos bares. Si, sen dúbida poden levar a confusión (hai dúas persoas que xa saben por onde vai a historia).

Foi no verán pasado, en 2006. Naty e eu apostamos xogando ás palas na praia varias cousas: cartos, un día como escravo, tapas... Eu perdía sempre, así que debíalle ata a vida. Pero ela perdooume e só me fixo convidala a unhas tapiñas na cervexería que está ó lado da miña casa.

Por fin chegou o día e connosco tamén veu Rocío.
-Escolle o que queiras, díxenlle.
-Ummm. Pues... una de ensaladilla, otra de pimientos de Padrón, una de croquetas (non me lembro se pedira iso exactamente) y dos de boquerones (xuraría que foron dúas tapas).
¡Mmmmm, qué ricos e qué frescos e crus, co seu vinagre e o seu alliño!

Ben, se ela quería boqueróns e aínda por riba por ración dobre, parecíame perfecto. Non sabía que lle gustaran tanto, pero ela era a convidada.
Pouco a pouco foron chegando as cousas: os pementos de Padrón, a ensaladilla... E por fin chegaron os boqueróns.
Naty quedou con cara de incredulidade, como dicindo yo no he pedido esto.
Pero si, Naty, perdiches boqueróns e non chipiróns. E non unha tapa, non, ¡dúas!.
-Esto no es lo que yo he pedido, dixo.
E de repente deuse conta:
Ah, sí, que esto son boquerones y yo pensaba que había pedido chipirones!Non puidemos parar de rir. Intentou comelos todos, pero non o conseguiu. Non me estraña.

Pero como din que o home -neste caso a muller- é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, Naty non podía ser menos.
Parece ser que hai pouco tempo volveu ir por aí de tapas e volveulle a pasar o mesmo (¿ou isto soñeino eu?). Encantaríame estar alí para verlle a cara cando viu aparecer outra vez unha tapa de boqueróns e ela pensaba que se ía atopar con chipiróns.

Hai que ter moito coidado co que se pide.

11 de junio de 2007

Micky


Ocorreu un día en Radio Nacional de España. Íamos correndo a miña compañeira e mais eu porque tiñamos que emitir en directo un boletín.
De súpeto, no corredor encontrámonos con Micky. Non Mickey (Mouse), non. Con Micky, unha desas vellas glorias da canción española dos anos 70. O grande Micky, que representou a España en Eurovisión ca archicoñecida Enséñame a cantar (dúas palmas e sorriso de parvo). Seguro que xa todos sabedes de quén falo, ¿non si?.

Ben. Pois, como dicía, encontrámonos con Micky polo corredor e o pobre, que andaba perdido pola casa, preguntounos ónde estaba non sei qué ou non sei quén.
A min, como bo frickie e eurofan, non se me ocorreu outra cousa que contestarlle cantando a uns centímetros da súa cara:
-Enséñame a cantar (dúas palmas e sorriso de parvo), enséñame a cantar (dúas palmas e sorriso de parvo)...
Mentras, a miña compañeira indicáballe o sitio e eu continuaba cantando de fondo:
-Que tengo triste el corazón y necesito amar...
Por suposto, eu continuaba ca miña cara de subnormal.

E Micky, con cara de ¡no-dios-por-qué-a-mí! (ou sexa, sorriso falso, ollos ben abertos e asentindo), contestoume:
-¡Ese mismo!

Eu quedei satisfeito e dando saltos de alegría porque coñecera a un cantante de Eurovisión (dos anos nos que España aínda tiña posibilidades de gañar), pero, ó mesmo tempo pensei: ¡Qué gilipollas es!. Quedaches coma un estúpido.

Sen dúbida.

4 de junio de 2007

Tupper


20 de abril de 2007. Concerto do grupo portugués The Gift na sala Joy Eslava de Madrid. Ese día estivera na capital do reino Joana, a portuguesa, e unha amiga súa. Estivéramos xantando os tres no parque do Retiro, ó sol, como vós turistas. Joana mercara sándwiches, froita e magdalenas que, non sei por qué, viñan metidas nun tupper. Cando acabamos de comer, Joana dixérame que levara eu o tupper para casa, así que gardeino no bolso e paseei con el toda a tarde.
20 horas dese mesmo día. Guiomar e eu íamos entra na sala Joy Eslava para ve-lo ansiado concerto. Chegamos á porta onde había catro ou cinco seguratas-gorilas-controladores. Mostreilles as nosas entradas e un deles, moi amablemente, díxome:
-Caballero, ¿me puede mostrar el bolso, por favor?

¡Claro que si, ho!, pensei eu.
Abribo e alí estaba o tupper.
Pensaba que me ía mirar con cara de borde, como dicindo: xa sabes que con iso non podes entrar aquí. Que me ía mandar tiralo o deixalo fóra. Así que eu adianteime ás súas palabras e xa o estaba sacando para tiralo nunh caixiña que había alí, cando me di:
-No, no. Puedes entrar con él.

Pero non mo dixo serio. Díxomo rindo. Non. Peor. Estábase mexando da risa. Como dicindo: ¿para qué carallo quererá este un tupper no concerto? Anda, ho, entra...

Eu, con cara de tonto, vermello coma un tomate e cun sorriso falso, díxenlle:
-Es que vengo directamente de la facultad y tuve que comer allí...

¡Como se ó segurata lle importara algo onde comera eu!

Finalmente, entramos. Guiomar e eu rímonos. Pero o máis importante é que conseguín entrar co meu tupper.

Por certo, creo que o vou tirar. Non vale para nada.