
O amor dos pais é o máis grande que hai neste mundo. E neste caso, o amor da miña nai cara min.
Eu, obviamente, xa sabía que me quería moito aínda que non o demostre case nunca.
Pero en setembro de 2005 a miña nai fixo algo moi bonito por min.
O cariño por un fillo pódese demostrar de moitas formas, pero, sen dúbida, para min esta foi a mellor.
Como dicía, en setembro de 2005 eu marchei de Erasmus a Aveiro e entre outras moitas cousas levei (mellor dito, trouxéronme) unha televisión. Pero non unha televisión calquera. Non. Era a televisión que os meus pais teñen no seu cuarto e que a miña nai utiliza para quedar durmindo. Sen ela cústalle moitísimo concilia-lo sono.
Pero a miña nai fixo unha grande demostración de altruismo e cedeume a televisión durante dez meses eternos para ela.
O seu cuarto tivo durante todo ese tempo un valeiro que nada nin ninguén podía encher.
Unha soedade que ela aceptou ter para que o seu fillo non sufrise no estranxeiro (600 km. da casa).
Tiña que deitarse cada día faltándolle algo na súa vida, e non era o seu fillo. Era
Dolce Vita. Era
Los hombres de Paco,
Los Serrano ou a serie de turno da galega.
A miña nai aceptou que, na súa ausencia, eu estivese polo menos acompañado pola miña outra nai -a televisón-, ca que tantas horas pasei na miña infancia e adolescencia, a que tanto me educou e ensinou.
Permitiu que o seu cariño fose suplido polo dun aparato que tantas alegrías e penas me deu.
Cedeu a súa custodia durante dez meses para que eu non tivese morriña e me sentise querido.
Iso si que é compartir e dar cariño. Unha cousa tan importante na vida da miña familia como a televisión demostra cánto me quere a miña nai.
Gracias televisión. Gracias mamá.