8 de septiembre de 2008

Crime 909

¿Preparados para unha historia longa?

A viaxe que fixen eu só a Belfast non comezou ben.
Algo fallou cando ía recolle-lo billete de tren que uns días antes mercara por internet para ir ata o aeroporto de Stansted, así tiven que comprar un novo na propia estación (en total £ 45.5, mentres que o billete de avión a Belfast £13.99).

Finalmente, cheguei á capital norirlandesa e, por suposto, chovía. Outra cousa mala.
Pero despois diso xa todo foi ben.
Ata que chegaron as 20.05 da tarde.

Estaba anoitecendo e eu aproveitei os últimos raios de luz para sacar fotos no centro da cidade. Cheguei á Custom House Square. Nada importante, pero bonito, así que decidín sacarlle unha foto. Non había ninguén alí. Só un rapaz a uns 40 metros nunha bicicleta.

De repente outro rapaz, ó lonxe, comezou a dicirme algo mentres se achegaba a min. Repetía unha frase, pero eu non lla entendía.
Pensaba que era un deses que veñen pedir e pasei del dicíndolle varios veces sorry.
Nas pintas e no ton, nótabase que estaba borracho ou drogado.
El insistía ca frase ata que lle dixen:
-Sorry, I don’t understand you, mentres intentaba pasar del.
-You don’t undertand me? Berroume na cara, enoxado, pensando que o estaba a vacilar. Where are you from?, preguntoume máis cabreado aínda.

Vendo as condicións nas que estaba, pensei que se cadra a resposta Spain non era a que máis lle gustaría, así que intentei buscar un país rico e que caera ben en Irlanda do Norte, no que a política non fora importante e o catolicismo ou o protestantismo non foran moi maioritarios para que non me dera problemas. Algo coma Alemaña, Francia, Dinamarca ou Suecia.
Pois vou eu, e non se me corre outra cousa que soltarlle:
-Portugal. Sen dúbida un país rico e con minoría católica.

Seguro que o rapaz era anglicano e votante do DUP porque lle sentou fatal:
-What are fucking doing here?, berroume na cara.
-I’m taking pictures. I’m tourist, contestei eu co cu apretado.

E nese momento, coma se fose unha película, vin como o seu puño viña lentamente cara a miña cara. Eu, obviamente, tiven tempo de esquivalo, de dicir What are you doing, man, e fuxir coma unha nena.

Nuns segundos estaba a correr por Belfast coma un descosido porque un rapaz me quería mallar sen motivo. Non daba crédito a aquela situación.
Pensei que ca borracheira ou co colocón que levaba non ía correr moi rápido, pero estaba enganado.

Como dixen ó comezo, só estaba preto de nós un rapaz ca bicicleta, pero el pouco podería facer por min, así que intentei buscar ca vista máis xente.
A miña salvación chegou cando vin nunha parada de autobús a varias persoas. Alí me dirixín ca sorte de que, aínda por riba, o rapaz caeu ó chan, co que conseguín gañar algúns segundos.

Cheguei á parada e dixen asustado:
-Please help me!

Todos me axudaron rapidamente. Uns dos homes colleu ó rapaz. Eu aparteime e unha muller dirixiuse cara min dicíndome:
-Run, run. Run away!

E eu escapei de alí.
Uns intres despois mirei para atrás, vin que o home estaba tirado no chan intentando que o rapaz non marchara. Eu berreilles:
-Thank you!

Corrín e corrín e non deixen de ollar para atrás.
Finalmente, cando vin que o perigo pasara, decidín que aquel cantamañanas non me ía estropear as miñas vacacións, así que metinme nun centro comercial aberto, no que había xente que me podería axudar se o rapaz volvía.

Eu estaba ca paranoia de que todos me perseguían e non deixaba de mirar atrás, pero ó mesmo tempo autoconvencíame de que era imposible.
De súpeto, escoito que alguén corre cara min. Pero non podía ser o rapaz porque había un forte son de chaves.
Eu acababa de sacar unhas fotos ó centro comercial porque era realmente bonito. Era un segurata o que viña cara min. Eu xa estaba disposto a entregarlle a miña cámara pensando que me ía dicir que non podía sacar fotos en recintos privados. Pero a miña sorpresa foi cando me dixo que había testemuñas do que acababa de pasar e que se quería, podía denunciar.
-Of course, díxenlle. Así que collín o enderezo e o número de teléfono da Policía.

Din un pequeno paseo por alí, busquei a comisaría e alí me dirixín.
Cheguei á Policía e pronto me recoñeceron. Un rapaz só, cunha chaqueta de raias, lentes e unha mochila non había moitos a esas horas por Belfast, así que rápidamente me contaron que todo estaba gravado, que podía declarar e que había testemuñas do que pasara (tódalas persoas da parada de autobús).
O rapaz que me intentara pegar estaba metido no coche da policía e cando me viu comezou a sinalarme e a soltar improperios que non entendín. Os axentes dixéronme que non me preocupase e un deles levoume a dentro a declarar.
¡Que emoción! ¡A primeira vez na miña vida que tiña que declarar en comisaría e ía ser en inglés!
Entrei cos ollos coma pratos porque, aparte das películas Made in USA, nunca vira unha comisaría. Estaba emocionadísimo e metídisimo no papel de víctima do terrorismo. Porque vos di a vós que ese non era un membro do IRA e que me quería matar. Quero pensión de víctima do terrorismo xa.

Bueno, pero volvamos ó asunto.
Eu conteille a historia ó axente, el escribiu por min todo e aínda tivemos tempo de bromear. Despois dunha media hora contándolle o que pasara, o axente Constable Mark Cousins (teléfono 02890650222, co prefixo 0044 se chamades desde fora do Reino Unido, un dato que me deu por se tiña algún problema), preguntoume se estaría disposto a declarar nun suposto xuízo.
Eu pregunteille se sería en Londres ou en Belfast (espero que en Belfast, así volvo a gastos pagados), pero el só quería saber se estaría disposto.
-Yes, of course, contestei.

Saímos e, antes de despedirme, os dous axentes escribíronme no mesmo papel:
Crime number 909 of 03/09/08.
Por se te volvemos a chamar, dixéronme.

Eu agradecinlle a súa axuda e marchei co sentimento de cumprir ca obrigación dun bo cidadán.

Mentres camiñaba cara o meu hostal ríndome pola historia que me acababa de pasar, só podía pensar unha cousa:
¿909 crimes en oito meses nunha cidade tan pequena coma Belfast?
Prefiro Londres.

Agora o papel co nome do axente, teléfono, rúa, número de crime e data está pegado na parede do me cuarto.

Unha batallita máis para contar nas miñas memorias.

29 de agosto de 2008

Chinesa fea

Xa falei fai tempo da crueldade. Concretamente do cruel que eu son.
Pero agora síntome un pouco mellor por saber que non son a peor persoa do mundo. E non, non vou falar de Naty por rirse de Martina na festa de Laxe, aínda que debería.

Síntome un pouco mellor porque nestes momentos unha das persoas máis crueis do mundo é o director artístico da cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 e non eu.
A este chinés, que ata hai uns días non o coñecían nin na súa casa á hora de comer, chegoulle a fama cando se lle ocorreu desvelar nunha emisora do seu país que a voz da nena que aparecía cantando o himno nacional na cerimonia de apertura pertencía a outra.
A verdade é que non dicía nada novo porque, se vémo-las imaxes, decatámonos facilmente de que neniña facía máis play back que Rosario Mohedano cando lle caeu o micrófono no programa de Ana Rosa.
A crueldade deste homiño está en dicir que tivo que escoller a esa nena porque a que realmente cantaba non era o suficientemente guapa para aparecer diante de millóns de persoas. A escusa foi que a meniña tiña a cara un pouco regordecha e os dentes desaliñados. Unha imaxe pouco recomendable para un país que quere mostrar a súa mellor cara ó mundo con este evento.

E agora vén a miña análise:

Primeiro: ¿Este home realmente viu algunha vez unha chinesa guapa?
Lucy Liu non vale. Ela é estadounidense. ¡A ver se se entera o home este de que non hai chinesas guapas! ¿Cantas veces fóchedes vós a un restaurante chinés ou ó chino da esquina comprar e saístes pensando: ¡Ui, que camareira/dependenta máis guapa! ¡Nunca!

Segundo: Suponse que cambiaron á nena porque querían dar un unha mellor imaxe do país. Tendo en conta que a inmensa maioría dos telespectadores que viron a cerimonia non son de raza oriental, esa escusa non vale, porque no resto do mundo só distinguimos entre chinés-macho e chinesa-femia. Dentro dos machos todos nos parecen iguais, e dentro das femias o mesmo. Así que a nós, os habitantes de fóra de China, as Coreas e Xapón tanto nos daba que fora unha ou outra.

Terceiro: Vale que ó señor non lle parecera guapa abondo e que a cambiara por outra máis riquiña, pero se o fas non digas en público. E se o dis en público, non o fagas na radio do país con máis poboación do mundo. Espera a que os Xogos Olímpicos se celebren en Luxemburgo ou en Malta e así son só unhas cantas persoas as que se enteran. Esta nena agora non poderá saír á rúa (e mira que en China hai rúas para dar e tomar) porque sempre a sinalarán como a que quería dar unha mala imaxe do país.

Encantaríame ve-la cara dos pais cando lle foron a casa para avisalos de que a súa nena non podería aparecer ante millóns de persoas. O motivo: ser fea.
Pero aínda máis me gustaria ver a da nena. Estou seguro que desde entón non saiu do psiquiátrico.

11 de agosto de 2008

Mexo

Eu paso uns apuros no baño do Walkabout…
O Walkabout e o nome dunha cadea australiana de pubs que hai en Inglaterra. En Londres hai varios deles e o que hai entre Piccadilly Circus e Leicester Square é coñecido por tódolos españois, italianos e brasileiros que veñen a esta cidade porque os luns as pintas son a unha libra (creo que agora xa a 1.50). Vamos, que é o mellor sitio para falar con ingleses nativos.
Pero falemos dos baños do Walkabout. Seguro que tódolos rapaces e algunhas rapazas coñecedes ese tipo de mexadoiros metálicos, nos que tódolos nenos poñen o seu bili bili (así lle chamamos na nosa familia ó pene cando somos pequenos) en común e, veña, a mexar. Eses que se parecen ao sitio onde comen os porcos (excelente definición de Alexia).
Pois a min nese tipo de mexadoiros, e en concreto nos do Walkabout, hai tres cousas que non levo ben:
1. Ó ser un mexadoiro común, a urina de tódolos rapaces que nese momento están a mexar cae polo mesmo sitio; por un buraquiño que está nun dos extremos. Eu casualmente sempre me poño no lado oposto ó que está o buraquiño ese, así que, claro, o meu mexo amarelo pasa por diante do resto de rapaces que están mexando, únese ó deles e cae na outra punta do mexadoiro. É unha parvada, pero a min dáme vergonza que todos eles vexan a miña mexada. Aínda que eles, con todo o que levan enriba, seguro que nin conta se dan.

2. Non sei por que no mexadoiro común do Walkabout hai sempre moedas tiradas entre o mexo. E claro, a economía de un non está moi ben que digamos, así que estou sempre nun dilema entre se mete-la man ou non e así sacarme uns cartiños. Sería como cobrar por ir mexar.
Ese sería o meu soño. Porque aquí cobrar, non cobras, pero pagar te-lo que facer en todas partes. E eu sempre lle digo a Alexia que antes de pagar vinte peniques por mexar, prefiro bebe-lo meu propio mexo.

3. E por último (isto só me pasou unha vez), non me gusta este tipo de mexadoiros porque te manchas.
Un día estaba eu aí, achicando a bomba tranquilamente, mentres vía con vergonza como o meu mexo percorría todo o mexadoiro e mentres decidía se meterlle a man a esa moeda de cinco peniques que me estaba chamando desde o fondo desa cantidade de mexadas, cando noto que sobre a miña man esquerda comezan a caer pequenas pingas. Pronto me decatei de que esas pinguiñas eran do mexo do rapaz que estaba ó meu lado despois de rebotar no metal do mexadoiro. Eu intentaba que polo menos non me caeran no reloxo ( porque non se pode lavar) e rezaba para que ou el ou eu acabáramos rápido de cambiarlla auga ó canario.

Despois de pasar vergonza pola miña mexada pública, de non poder colle-las moedas e de que me mexaran na man, o negro de turno que sempre está nos baños para da-los xabóns aínda quería que lle dera propina.
Anda, veña!

4 de agosto de 2008

50 x 15

Unha noite calquera estaba eu zappeando antes de ir durmir.
Parei un intre, como de costume, na canle Challenge (unha na que pasan repetecións de programas antigos polo día e teletenda pola noite). Estaban a dar unha repetición do programa 50x15, que en Inglaterra presentábao un home que facía menos pallasadas que Carlos Sobera.

A pregunta que había nese momento dicía:
¿En que cidade británica está o museo Tate Britain?
Era tan doada a pregunta que parecía estraño que o participante dubidase un só segundo.
As catro respostas eran: Glasgow, Londres, Manchester e Liverpool.
Para que comparedes, na versión española do programa a pregunta sería:
¿En qué cidade española está o museo Reina Sofía?
Barcelona, Madrid, Sevilla, Valencia.

Pois ó participante pareceulle tan difícil que pediu o comodín da chamada telefónica.
Aí foi cando pensei que debían estar repetindo o programa do día dos Santos Inocentes.
Entón, o home faille a pregunta á muller que colle o teléfono.
Pasan os segundos.
Tic, tac, tic, tac, tic, tac.
Non podía crer o que estaba vendo. ¡¡¿Onde está a Tate Britain, señores?!! ¡¡¿¿Tan difícil é a pregunta??!!
Estábase acabando o tempo e o único que puido dicir a muller foi:
I have no idea, darling. I’m so sorry!

A min escapóuseme unha gargallada de incredulidade.
¡Mi madriña que par de dous!

Quedou sen comodín da chamada telefónica.
O concursante pide o comodín do 50%.

Desaparecen Glasgow e Liverpool.
Só quedan Londres e Manchester.
Na versión española quedarían Madrid e Barcelona.

Lembramos a pregunta:
¿En que cidade británica está o museo Tate Britain?

Perecíame tan obvia a resposta que cambiei e continuei facendo zapping.
Uns segundos máis tarde, cando regreso á canle Challenge, vexo que o concursante escolleu a opción de Manchester. Ó mesmo tempo a palabra London ponse en verde e o presentador despide ó desafortunado concursante lamentándose porque perdera 1000 libras.

¿Con que cara recibiu a súa familia a ese home cando chegou a casa?
¿De que parte do Reino Unido era o home? De Londres espero que non.

Señor, a próxima vez que vaia a Londres gravar un programa que vai ser visto por millóns de persoas:
Primeiro. Lea, estudie e cultívese un pouquiño antes de ir ó concurso. Non vou eu de sobrado, pero estamos a falar de cultura moi, moi, moi xeral.
Segundo. En vez de pasa-los tres días que a canle lle deu con tódolos gastos pagados emborrachándose no pub de turno, vaia coñece-la cidade.
E terceiro. Visite a Tate Britain, que á súa idade xa vai sendo hora. A cinco minutos da estación de metro Pimlico (na Victoria Line) ou a un pequeno paseo desde Westminster. Á beira do Támesis, con conexión en barco ca Tate Modern e con entrada gratuita.

A este, cando chegou a casa, seguro que lle pasou como a un da vila de Alexia:
Resulta que o paisano foi ao 50x15. Cando lle preguntaron de onde era el dixo que de Badaxoz, en vez de Salvaleón. Claro, toda a vila cabreada por iso.
Pero cando o home quedou eliminado tras fallar na primeira pregunta ninguén recordaba o pequeno detalle de dicir que era da capital en vez da dici-lo nome da vila.
Desde entón, o pobre Pepe (ou como se chame) é coñecido como Dador.
A pregunta era:
¿Como se chama a persoa que se dedica a prestar cartos?
O home contestou dador en vez de prestamista e desde aquela quedoulle o nome.