26 de marzo de 2009

Luxemburgués

Téñenche boa razón a miña nai e a miña avoa: qué guapo soy, qué tipo tengo.

A primavera o sangue altera, e nin un matrimonio nin unha menopausa poden evitalo.

Volvía eu no metro para casiña, despois de axudar un pouco no restaurante, preocupado por problemas laborais. Quen me ía dicir a min que unha muller duns corenta e tantos anos, cunhas pintiñas un pouco raras e co que supuxen que era o seu home ó seu carón, íame alegrar o regreso a casa e o día enteiro.

Ía eu de pé, apoiado contra un dos laterais do vagón, co meu modelito fin de ano (o meu favorito) pensando nas miñas cousas.
A muller, que estaba xusto enfronte miña, sacou silenciosamente a súa cámara de fotos e dirixiuna cara min.
Eu dinme conta de que me estaba enfocando disimuladamente co obxectivo, así que mireina ós ollos e fíxenlle un xesto co que lle din a entender que non me importaba que me sacara unha foto.
Entón, ela, cun forte acento alemán, ou holandés, ou desa zona, díxome:
-You are a very nice guy!(Xa vedes o éxito que teño).

E despois de soltarme ese piropo, a mulleriña creu que tiña o dereito de sacarme tódalas fotos que quixese. Ela, ni corta ni perezosa, enfocou e sacoume dúas fotos (con un flash que chamou atención de todo o vagón) mentres eu facía que pasaba dela. Despois da sesión fotográfica, a muller mostroume os resultados e preguntoume:

-Are you from London?
Eu neguei ca cabeza mentres sorría.

-From England?

Continuei negando e sorrindo.

-From Scotland?
-Ireland?
Eu seguía negando sen dicir de onde era para facerme o interesante.

-China?, dixo ela de broma.

A muller seguía dicindo países para ver se cedía. A ver como lle explicaba eu que o meu país está dentro de España... Uf! Demasiado lío! Eu limitábame a negar ca cabeza sen dicir unha palabra e sorrir.

-Poland?
-Germany?
-Belgium?
Eu seguía negando e sorrindo.

-Ummmmmm... Luxemburg?!

Teño eu cara de luxemburgués? Non sei nin sequera se ese é o xentilicio. Que tipo de cara é esa? Xa me teñen preguntado se son italiano, portugués, francés, grego, inglés, turco e polaco. Pero nunca luxemburgués.

-From King’s Cross?, preguntou o seu home de broma.

Esa foi a estación na que parou a parella.
Mentres baixaban do tren, a muller fixo pucheiros ó mesmo tempo que me ollaba para ver se lle dicía algo.

Pero non. A alemana, holandesa ou de onde sexa, nunca saberá que ese rapaz tan sepsi da foto á que mira mentres se dá unha alegría ó corpo é galego; non luxemburgués.

Eu sigo preguntándome que haberá de luxemburgués na miña cara.

17 de marzo de 2009

N29 V (25 pounds)

Xa botabades de menos as aventuras do N29, ¿non si?

Isto pasou uns días atrás. Era unha viaxe normal na liña máis anecdótica de Londres despois dunha xornada de traballo, cando unha parada antes da estación de metro de Turnpike Lane sóbense dous rapaces (un italiano e un español) e unha rapaza (española).

Antes de nada quérovos explicar, para os que non o saibades, que a estación de Turnpike Lane é a anterior a Wood Green (onde eu vivo). En realidade, a miña casa fica a medio camiño entre as dúas estacións. Para que vos fagades unha idea, Turnpike Lane sería Santiago, Wood Green sería A Coruña, e a miña casa está en Laxe. ¿Entendido así? Entre ámbalas dúas debe haber uns 500 metros, un paseo que se fai perfectamente nuns dez minutos camiñando.

Pois o trío en cuestión, montouse xusto antes de Turnpike Lane falando das súas cousas, entre outras, que ían parar pouco despois de Wood Green. Se o fixeran andando, levaríalles un cuarto de hora. Pero esa noite decidiran coller o autobús. Mal feito.
Xusto na parada seguinte, ou sexa Turnpike Lane tube station, subiron tres revisores para comprobar os billetes do persoal. Normalmente, encántame ese momento porque os negros vense negros (vala a redundancia) para buscar unha escusa para non pagar.
Pero ese día non lle tocou ós meus amigos africanos e caribeños, senón ó trío que acababa de entrar.
A rapaza, María (sóubeno porque non paraban de repetir o seu nome), rapidamente díxolle ó rapaz español:
-Tío, yo no cliqué cuando entré. ¿Y tú?

Non. El tampouco clicou, quixen dicirlles eu, mentres facía que lía un libro.

-Tío, qué fuerte, que yo no cliqué y nos han pillado, insistiu María.
Aí debeu ser o momento no que se me escapou o primeiro sorriso.

Entón, un dos revisores acercouse a eles, pediulles as Oyter (abono transporte) e comprobou que, efectivamente, non clicaran.

-The fine is gonna be ....(barullo do autobús) five pounds, dixo o revisor tranquilamente.
-What!?!?!?! Five pounds!!!!!!!, berrou María indignada e sorprendida.
-No, no, no, respondeu o revisor. María suspirou tranquila por medio segundo. I said twenty five pounds, dixo o home, remarcando a palabra twenty.

Nese momento a María caéuselle o mundo enriba e a min creo que se me escapou unha gargallada. A rapaza tiña que pagar 25 libras por unha viaxe que normalmente custa 90 peniques e que ben se podía facer a pé. Pero por preguiceiros, mangoleteiros e demais sinónimos de vago, tiveron que pagar o que normalmente pagarían por un mes.

-¿Tú tienes suelto, tío? ¡Qué fuerte! No sé si tendré suficiente, dicíalle María ó seu amigo. Tengo un billete de diez y uno... dos... tres... cincuenta... cuatro...veinte...treinta... ¿Me dejas 70 peniques? ¡Qué fuerte, tío! Yo lo flipo. Y así son cinco...
E vai e dállos ó revisor.
Por se non fixestes as contas, María deulle quince libras. El, obviamente, deuse conta e díxolle:
-And another one like this, dixo o señor mentres ondeaba o billete de dez libras que ela lle dera.
-Another one?!?!?!, berrou ela estrañada como se a pillara por sorpresa.
-Yes. It’s 25 pounds, please!, repetiu o señor.
Ela, resignada, tivo que admitir que iso de facerse a parva non colaba e deulle outro dos billetes alaranxados ó revisor.

María and friends probablemente gastaron máis en multas que en festa esa noite.
Seguro que a próxima vez preferirán ir no coche de San Fernando, e así, de paso, fan algo de exercicio e dálles o airiño da xeada, que iso sempre vén ben.

24 de febrero de 2009

Fumar

Eu non fumo, xa o sabedes. En toda a miña vida, se sumamos tódalas caladas que dei, poderíase dicir que fumei (mellor dito, inspirei intentando non tusir) o equivalente a un ou dous cigarros. Non máis (agora é cando Naty diría: y la calada al porro el día de mi cumpleaños). Pois iso, un ou dous cigarros y la calada al porro el día de su cumpleaños.

Pero no verán pasado todo cambiou.
Nas miñas memorias xa podo incluír a miña etapa de fumador.
Nun dos meus últimos días traballando no hotel (remontámonos a abril ou maio de 2008) atopei unha caixiña de dez cigarros aberta abandonada enriba dunha das mesas do bar. Quedaban uns sete ou oito, así que eu collinos e leveinos comigo, como se de un fumador empedernido se tratara. Porque en Londres non están as cousas como para ir estragando nada.

Non foi ata varios días despois cando fumei o primeiro cigarro no meu cuarto, medio ás agochadas, para que ninguén se decatara de que eu estaba a fumar. Estaba na fiestra e tiña a sensación de que tódolos veciños me estaban a ollar mentres se rían de min, ou mentres intentaban buscar o nome da miña nai nas Páxinas Amarelas para chibarse (Eeee...Eeelll...Eellli...Eli! Velaquí está! Vouna chamar e chibarme!). Sentíame como o adolescente que fuma cos amiguetes e sen que os pais saiban nada.

Ese foi o meu comezo como fumador.
Os outros sete cigarros fumeinos xa no verán. E, claro, como de tabaco non entendo, eu fumábaos, pero os cigarros debían estar picados desde había ben tempo.
Encantábame volver do traballo, nesas noites de verán na terraza e, ás escuras e sen présas, fumar un pitilliño. Foi entón cando comprendín o pracer que senten os fumadores co cigarro de despois de comer, co de despois de manter sexo, co de antes de ir durmir, co do café, con ese que fumas simplemente porque todos fuman... aínda que ningún deses era o meu caso.

Non lle daba xeito ningún, non sentía verdadeiro pracer, quedábame un mal sabor de boca, parecía atrasado mental intentando facer oes co fume, cheirábanme as mans, estábame matando, contaminando e preocupando a Alexia.
Pero eu fun feliz co meu cigarro naquelas sete noites de verán.

Agora, cando o recordo, sempre se me escapa un sorriso ó pensar o parvo que fun.

19 de febrero de 2009

Pai ós trece

Un neno é pai con só trece anos.

Con esa exclusiva, cortesía do sempre serio e respectado xornal The Sun, espertabámonos os británicos (eu inclúome no saco) uns días atrás.
Que escándalo! E eu que pensaba que a miña nai apurara moito!

O curioso é que a nai da criatura (refírome ó bebé) pasou completamente desapercibida, como se fose a cousa máis normal do mundo parir ós quince anos.
E, ante semellante escándalo, faltoulle tempo ó resto de medios para poñerse a falar, criticar, xulgar, opinar, responsabilizar e condenar por algo que comeza a ser habitual nesta sociedade.
Expertos nisto, expertos naquelo, expertos en non sei que e en non sei que máis, enchían espacios na BBC News, SKY News, The Times ou The Guardian mentres o neno (o de trece anos) aseguraba que ía ser un bo pai (do bebé).

Cando xa parecía que non había máis chicha na historia, un días despois encóntrome na portada do diario gratuíto The London Paper o seguinte titular:
‘Papá-neno: Fareime a proba do ADN’
E subtitula: ‘Outros dous adolescentes din ser os pais do bebé’.

Con ese titular ninguén se pode resistir e continuar lendo.
Embaixo, aparecen as fotos de tres nenos e o pé de foto di:
‘¿Quen é o papi?: Alfie Patten, 13, Tyler Barker, 14, ou Richard Goodsell, 16’

¿A alguén realmente lle interesa a estas alturas quen é o pai? A min, sinceramente, non moito. Interésame moito máis coñecer a vida da nai, esa nena de quince anos que fornicou con canto adolescente había na zona.

Paso a traducirvos a noticia enteira que, por certo, non ten desperdicio.

‘O papá-neno Alfie Patten farase a proba de ADN para demostrar que el é o pai de Maisie, a filla da súa moza. O rapaz de trece anos anunciouno despois de que outros dous rapaces dixeran que eles eran os pais de Maisie.
Richard Goodsell, de 16 anos, e Tyler Barker, de 14, aseguraron que eles deitáranse ca nai do bebé, Chantelle Steadman, nos últimos nove meses.
Chantelle, de 15, púxose a chorar cando os rapaces, que viven na súa urbanización en Eastbourne, fixeron a declaración.
Alfie, de só doce anos cando o bebé foi concibido, dixo: ‘’Cando Chantelle se enterou de que ía ter o bebé, eu pregunteille se eu era o pai. Ela dixo que si, así que eu crinlle.’’
O escolar de 1,20 m. de altura engadiu: ‘’Eu non sabía nada sobre probas de ADN, pero a miña nai explicoume que é cando sacan saliva e dinche se es o pai. Así que, se o fago, todos poden calar.’’
O portavoz da familia, Max Clifford, confirmou: ‘’Farase unha proba de ADN’’.
Chantelle dixo: ‘’Amo a Alfie, perdín a miña virxindade con el. Non houbo ninguén máis’’.
Pero o aprendiz de cociñeiro Richard dixo: ‘’O bebé ten os meus ollos. Mesmo a miña nai pensa iso’’.
As familias dos pais adolescentes foron acusados de intentar beneficiarse economicamente da historia. Os servicios socias enfróntanse a varias reclamacións por descoidar á parella’.

Ocórrenseme tantas cousas que dicir que podería facer varios capítulos.
Vou deixar que vós opinedes mentres eu intento asimilar esta noticia.

Eu só vou dicir unha cousa: Rafa e Patri tede moito coidadiño co que facedes por aí.