22 de octubre de 2007

19 de octubre de 2007

7 de octubre de 2007

17 horas

Con este título podo falar de calquera cousa.
Da hora de comezo dun partido de Liga, da hora do té en Inglaterra ou do inicio dunha película na sesión infantil.

Pero non. Quérovos falar dun récord. Unha nova marca mundial que conseguiu a miña irmá Julita hai xa uns anos.
Trátase do número de horas seguidas que durmiu dun tirón: 17.
(Si, si. Non pulsei sen querer unha tecla).

A Bela Dormente deitouse ás 22.00 horas dun día calquera, no que non tivera un esgotamento fóra do normal, e espertouse ás 15.00 horas do día seguinte.

Cando a vin abrir a porta do seu cuarto non o podía crer. Por uns intres pensara que morrera, pero non, só durmía plácidamente.

E como eu, cando durmo horas demais, non consigo concilia-lo soño outra vez ata as tantas da mañá, pensaba que ela tampouco podería.
Pero non.
Julita ás 23 horas volveu para a cama e durmiu tranquilamente ata o outro día ás 8 e pico da mañá.

E porque tiña que ir traballar, que se non...

6 de octubre de 2007

Asasinato

O outro día cumprín un dos meus soños: atropelar un can.
Pero agora que o fixen síntome un pouco mal (pero só un pouco).

Teño que dicir na miña defensa que non foi adrede e que o can dos collóns ese estaba coma unha chota.

Íamos a miña irmá Patri e máis eu no coche, cando de súpeto vimos un canciño pequeño e marrón que estaba a cruzar a estrada dando pequenos brincos sobre as patas traseiras.
Parecía que estaba tolo ou algo así.
O can cruzou a estrada librándose de que o coche que ía diante nosa o matara, pero chegou á beira, deu a volta e comezou a dar outra vez saltiños estúpidos sobre as patas traseiras, como se estivera feliz, pero sen estalo.
Comezou a cruza-la estrada tan feliz no seu mundo. Non nos mirou nin nos intentou esquivar. Simplemente quería cruza-la rúa.
Ou se cadra quería suicidarse mentres estaba no seu happy-world.

Non o sei. Só sei que escoitamos un pum (o golpe contra o coche) e un cratch (os seus ósos esmagados).
Non parei. Ollei polo espello retrovisor e vin que o canciño dos collóns estaba agonizando.
Deume moita pena, pero no fondo estívolle ben, por parvo.

Sentíame mal e Patri (que na crueldade saíu a min) ríase do canciño.
Por riba, cando cheguei a casa, mentres ceaba, no Telediario, apareceron cans agonizando.
O meu soño converteuse nun pesadelo.

D.E.P., canciño dos collóns.

30 de septiembre de 2007

Contactos relax

Todos coñecemos esas páxinas dos xornais nas que están os anuncios por palabras.
E todos sabemos que a maior parte deses anuncios son ou de venda e aluguer de pisos ou de contactos de relax, ou sexa, sexo.
Todos sabemos perfectamente onde están situadas esas páxinas que nunca ninguén le.

Non sei por que cada vez que leo o xornal en público pásame unha cousa curiosa.
Chupo un pouco o dedo para pasa-las páxinas ben e de vez en cando teño que ir renovando saliva.
Casualmente, sempre se me seca o dedo xusto cando estou nas páxinas de contactos e pasan uns intres (non máis de dous segundos) nos que a folla mostra todo o seu esplendor.
Aí están Vanessa, rubia, 21 añitos, 140 de pecho, francés a tu gusto, masajes, atiendo sola, salidas, juguetes, 24 horas, foto real 609776786; Gatitas, todas nuevas miau miau, principiante, hacemos todo, salidas, hotel-domicilio, noche-día, aceptamos tajetas, 981244747; ou tamén Nórdicas, azafatas, etiqueta negra, suite-yacuzzy, cama redonda, salidas, hotel-domicilio, 24 horas, visas-amex, 981240584.

Nese momento só quero pasa-la páxina, pero casualmente sempre se atranca, así que pasan uns segundos máis ata que consigo pasa-la folla.
Intento que ninguén me mire para que non pensen que son un salido mental e intento non levanta-la cabeza para non sentirme observado. Pero sinto que todo o mundo me olla nese momento.

Que vergonza que a xente pense que un rapaz tan guapo e decente coma min teña que recorrer a ese tipo de servizos.

24 de septiembre de 2007

5.10 am


Era unha noite de inverno calquera no piso de Fuenlabrada, hai dous anos.
Tíñame que erguer ás 8.00, como cada día, para ir a clase. Era unha mañá (mellor dito, unha noite) escura e fría, como todas a esas alturas do ano.

Esperteime sen que soara o espertador e vin que eran as 8.20 horas da mañá.
Chegaba tarde a clase, así que, angustiado e sobresaltado, levanteime rapidísimo da cama, collín o albornoz e fun cara o baño disposto a ducharme.
Rápidamente abrín a billa e comezou a correr a auga para que se quentase mentres comezaba a espirme.

Non sabía por que, pero o ambiente parecíame raro.
Non parecía que fosen as 8.20 horas, pero xuraría que vira o espertador marcando esa hora. Pensei que eran parvadas miñas, así que continuei quitando o pixama.
Metín un pé na bañeira, pero como me parecía unha mañá rara, decidín ir asegurarme da hora que era.
Cheguei ó meu cuarto. Mirei o espertador e vin que marcaba as 5.10 horas. Pensei que se parara.
Ollei o meu reloxo. Marcaba as 5.10 horas. Pensei que tamén se parara. Pero era moi estraño que se pararan os dous ó mesmo tempo.
Non o podía crer. ¡Espertárame tres horas antes!

Volvín ó baño, cerrei a billa, puxen de novo o pixama e deiteime. Aínda me quedaban case tres horas para durmir. Esperaba que os meus compañeiros de piso non se enteraran.

Sentíame coma un parvo.

20 de septiembre de 2007

Beizos húmidos


Imaxina que necesitas varias fotos carné para a matrícula do instituto ou algo así.
Como corren certa présa, decides ir ó novo fotógrafo que hai na vila, aínda sabendo que che van clavar por iso de ou o fas aquí ou tes que ir a varios quilómetros de distancia.
Resignado, decides ir a esa tenda de fotografía, sabendo que vas pagar seis euros por catro fotos, de mala calidade e na que, aínda por riba, non saes nada agraciado.

Entras, dislle ó fotógrafo o que queres e despois duns intres chega o teu turno.
O fotógrafo (o home máis feo e con cara de saído de toda a volta, ese que olla páxinas porno mentres está só na tenda) curiosea un pouco na túa vida.
-¿Cántas fotos queres?.
-Catro son abondo.
-¿Para que son?.
-Para o instituto.
-¿Aínda vas ó instituto?
-Si, por iso chas pido.
Parece que ó fotógrafo gustoulle esa imaxe túa no instituto. Unha Lolita sempre é unha Lolita...

Despois das preguntas de rigor, convídate a tomar asento.
Séntaste, el prepara a cámara e ti preparas a túa mellor pose. Esa que practicaches durante horas diante do espello e con diferentes modelitos.

Cando xa estás listo para que salte o flash sen pecha-los ollos o fotógrafo diche:
-¿Podes humedece-los beizos un pouco, por favor?

Ti humedécelos, sen máis.
Pero a el non lle debe parecer abondo e insiste en que volvas a humedecelos mentres che fai unha demostración de como debes facelo. Así.
Ti imitas o seu xesto.

Despois diso e de varias olladas que ti intepretas que son lascivas, el remata, móstrache a foto e, aínda que saes horrible, dislle que che encanta. Pagas os teus seis euros por catro míseras fotos e liscas dalí rezando para que el non dea renda solta ó onanismo mentres pensa en ti no instituto e humecendo os beizos.


.......................................................Baseado en feitos reais. ........Adicado a Naty e Rocío, por eses momentos de sufrimento.