24 de abril de 2008

Kidney

Como xa sabedes, porque o teño contado noutras historias, a miña dieta non é moi variada por varios motivos: por que non sei, porque non quero e porque non teño tempo para cociñar.

Para variar, desde que cheguei a Londres a miña dieta básase en comida precociñada do hotel, pizzas, polo e pies. Todo, ou case todo, conxelado.
Desas pies é do que vos quero falar.
Fixeime nelas o primeiro día que fun ó supermercado porque parecían sinxelas de cociñar (para min, en Londres, cociñar redúcese a mete-la comida no microondas) e porque eran baratas. Había unha oferta de 3x2, así que collín unha caixa de cada sabor, que traía catro pies. En total, doce.

Había o vegetable pie, o chicken pie e o kidney pie. Ou sexa, pastel de vexetais, de polo e de… Non sabía o que era kidney, pero pola foto que aparecía na caixa debía de ser algo de carne, e xa sabedes que cando hai fame, hai fame, así merqueino. Ademais, a palabra kidney soaba moi ben como para sospeitar dela.

Comín os pasteis de vexetais, os de polo e, por fin, varios días máis tarde os de kidney.
Aínda non mirara no diccionario o que significaba, pero decidín comelos. Sabía que matarratos non era, así que malo sería.
O primeiro día comín dous deses pasteis. O primeiro sóubome a gloria porque tiña moita fame. O segundo xa o saboreei máis e sabíame a algo familiar. A algo que xa comera anteriormente. Así que pensei: cando acabe de comer vou ver no diccionario o que significa kidney. Pero xa sabedes que teño unha memoria que Deus me conserve a pouca que me queda, así que cando acabei de comer non me acordei máis do asunto.

Pasou o día, pasou a romaría.

Días máis tarde fun come-los dous últimos pasteis que me quedaban.
Pensei o mesmo: cando acabe vou mirar o que significa kidney, pero non vou ir agora, non vaia ser que o significado non me guste.
Sen dúbida a ignorancia dá a felicidade.
Comín o primeiro pastel con bastante fame, así que non me centrei demasiado no sabor. Aínda así, foi entón cando me din conta de que aquel sabor era o do fígado. De pequeno encantábame o fígado con cebola que facía a miña nai, pero agora dáme moito asco. Xa sabedes que na casa do ferreiro, coitelo de pao. Aínda así pensei: Ramón, en Londres somo pobres así que a comida non se tira. Se de pequeno o comiches, tamén o podes comer agora. Así que continuei degustando aquelo.
Pero cada vez sabíame peor, probablemente porque xa cría saber o que era. Con dificultade conseguín remata-lo segundo pastel mentres pensaba que estaba a comer fígado. Por fin rematei e fun comprobar no diccionario que, efectivamente, o que comera era fígado.

Busquei k, ki, kid, kidn, kidney. Aí estaba. Vexo o significado:
kidney /´kidni/ n (pl –eys) riñón.

¡¡¡¡¡¡Aaaaaaaaaaaaaaaagggggggggggggggggggghhhhh!!!!!!
¡Comín catro pasteis de riles de porco inglés!
Sentín tanto asco que, se non fora polo pobre que era, vomitaría todo. Pero había que aforrar, así que non podía andar devolvendo a comida por nauseabunda que fose.
Xa sei que isto os meus avós e os meus pais non o comprenderían porque eles comen pé, rabo, morro e orella de porco entre outras cousas, pero para min era repugnante.

Desde entón non sei se os riles de porco inglés me seguen a onde queira que vou, pero xa vin varios productos ca palabra kidney na etiqueta, como para chama-la atención. E o peor é que a xente cómprao con naturalidade.

Definitivamente, polo que comen, os ingleses deben estar podres por dentro.

6 de abril de 2008

Lost in translation

Bonita película. Disque. Porque eu non a vin.

O tema que quero tratar é a pena que pode chegar a dar un cando non sabe fala-la lingua do país no que vive.
Iso pásame a min.
A diario.
Éche o que ten traballar de cara ó público.
Eu intento que un sorriso responda a tódalas preguntas, pero nada, chico.

A última anécdota ocorreu hai uns días.
Tres rapazas viñeron ó bar cando xa estaba a cociña pechada. Preguntáronme (ou polo menos iso entendín) se chegaban a tempo para comer, pero eu, cuns vinte sorrys no medio, díxenlles que xa era too late (que significa, Rosa, demasiado tarde).
Logo disto, fixéranme outra pregunta da que só entendín a palabra chip (pataca frita). E eu, seguindo a miña supertécnica de intenta-coller-a-palabra-clave-e-de-aí-interpreta-o-que-ti-queiras, respondinlles:
-I’m sorry but I just can offer you crisps but maybe you can find some food in that machine. (Síntoo, pero só vos podo ofrecer patacas de paquete pero, se cadra, podedes atopar algo de comida naquela máquina).
Con cara estrañada dixéronme:
-Ok, thank you! E marcharon rindo.
Eu quedei satisfeito porque conseguira entender ás inglesas e aínda por riba elas marcharan contentas. Pero alí estaba un dos xefes para acabar ca miña ilusión:

-Ramón, preguntáronche por unha chip shop (tenda de patacas fritas) e ti dixécheslles que só tiñas crisps e a comida da máquina.
-¿Chip shop? ¿Pero hai tendas tipo McDonald’s onde só vendan patacas fritas? ¡Que raro! ¿Estás seguro? Eu nunca as vin...
E sen deixarme acabar de falar díxome o xefe:

-No, Ramón. Cheap shop! A no expensive shop!
Elas o que querían era unha tenda barata e eu entendinlles que querían patacas fritas. ¡Non hai diferencia nin nada!
O único que podía facer (e que fixen) mentres o xefe se ría de min era agocharme ca cara vermella pola vergonza.

29 de marzo de 2008

Gregos vacilóns

Acábame de pasar agora. É unha tontería (como case todo o que escribo) pero fíxome moita gracia.

Estaba na biblioteca de Wood Green e púxenme a ler El País. Ó meu lado, sentados nunha mesa había dous señores gregos. Os típicos que viñeron hai trinta ou corenta anos anos e aquí seguen (coma Mila do Mareira, pero sen retorno).
Aí estaban a falar eles en grego das súas cousas (que se paracaló, que se efjaristó, que se kalispera, kalimera, kalinijta) cando aparece en escena outro home.
O protagonista tiña cara de chinés tibetano e duns 40 anos.

Cando chegou, todos lle quedaron mirando porque traía a cara pintada coma un león (resulta que hoxe había unha actividade na que os nenos podían pinta-la cara do seu animal favorito). E o tibetano (que eu creo que tiña algún tipo de deficiencia, porque se non non mo explico) non se lle ocorreu outra cousa que presumir da súa cara de león, que só lle costara £3, e animar ós vellos a que o foran facer.
Pero os señores gregos non tiñan abondo con iso e comezaron a facerlle máis preguntas. A min, claro, a atención fóiseme do xornal á súa mesa porque estaba realmente interesante.
Abreviando, esta foi unha parte da súa charla:

-Where are you from?, preguntaron os señores gregos vacilóns.
-Vilna, respondeu con orgullo o tibetano.
-Sorry?
-Vilna. Vilna!. Vilna! Vilna! (Como non se referira á capital de Lituania...)
-Ah!! Vietnam (unha suposición moi acertada por parte dos vellos).
-No. Vilna! Vilna! Vilna!, non paraba de repeti-lo tibetano con ímpetu.

Ó final os vellos (nin eu) conseguiron identifica-la súa orixe, así que dérono por imposible e dixeron mentres asentían e sorrían:
-Aaaah!! Yes, yes!

.....

-Tuesdays I'm going to Casino, in Leicester Saquare. Dixo o tibetano xa falando doutra cousa.
-Just Tuesdays?
-Yes, I'm going to dance, drink... And I need Viagra. (Aí case me mexo da risa).
Os gregos ríanse discretamente e facían comentarios entre eles constantemente como para continuar cas preguntas e ca broma.
-Do you need Viagra?, preguntáronlle mentres aguantaban a risa.
-Yes!

...
-And how old are you?, preguntaron os vellos.
Para min este e o mellor momento da conversa.
-I don't know, dixo todo serio o tibetano. (¿Pero como non sabes a idade que tes?)But I'm older than I look. (Claro, non sabe cantos anos ten, pero é maior do que aparenta). Nese momento non podía aguantar a risa.
-Ah! This is the reason why you need Viagra!, dixo un dos gregos. But you are student, yeah? Come on, show us your Scottish student card! I saw it before!, dicíalle vacilando un dos vellos.

Eu non sei a idade que tiña, se el era estudiante e se era escocés, pero o tibetano mostroulles unha tarxeta.
Eu non podía máis, así que levanteime, fun para outra parte da biblioteca e rinme durante un bo anaco detrás dos estantes.
¡Ah!, e todo isto ca cara pintada de león.

24 de marzo de 2008

Slang

Cando un día collín na biblioteca de Wood Green un diccionario de slang (argot inglés) por simple curiosidade, non pensei que de aí ía sacar tantas cousas… fascinantes.
As 324 páxinas do diccionario, que lin de principio a fin, caracterízanse, sobre todo, por falar moito de drogas, de sexo, por usar unha grande cantidade de eufemismos e exemplos curiosos (todos eles extraídos de libros e xornais). Aquí van algúns casos:

Ally Pally- Pódese traducir como a nosa Maricastaña. En tempos de Ally Pally..., din os ingleses.

apples and pears (lit. mazás e peras)- Úsase en argot inglés para referirse as escaleiras. Pero o mellor de todo é que Ana Botella debeu de inspirarse nisto para explicarnos que as mazás só se poden casar cas mazás e as peras cas peras. ¿Ou era ó revés?

baby-snatcher (lit. raptor de bebés) ou cradle-snatcher (lit. raptor de berces)- Vén sendo o que nós chamamos asaltacunas (asaltaberces sería en galego).

bags of mystery (lit. bolsas do misterio)- Un dos moitos exemplos de eufemismo que había no diccionario. Chámanlle bolsas do misterio ás salchichas. Este nome tamén se lle podería aplicar á mortadela, a La gula del Norte e ó bolso de Margarita Seisdedos.

ball-breaker (lit. rompedor de pelota)- Un tocahuevos, vamos. (Tocaovos en galego). Unha persoa que é moi repugnante (no sentido de pesado). En galego: non me rómpa-las pelotas/ghuevos/collóns. En inglés debe de ser: don´t be a ball-breaker, please (porque aquí póñenlle o please a todo).

bimbo- O que para nós é unha marca de pan de molde, para os británicos é ‘unha muller nova considerada sexualmente atractiva pero de intelixencia limitada’ (literal) ou ‘unha muller, especialmente unha prostituta’. Así que, se ides a un país anglosaxón, coidado con pedir pan Bimbo en vez de dicir pan de molde (sliced bread).

bush- Non só é o apelido dunha saga de presidentes estadounidenses (¿as seguintes serán as xemelgas borrachas?), senón que tamén se lle chama así a cando unha persoa ten unha grande cantidade de vello púbico. Calquera dos dous significados e repugnante (no sentido de asqueroso).

chromo- Prostituta. Xa me imaxino ós proxenetas e ós clientes falando de intercambiar cromos (swap chromos).

club- Embarazada. Nos diríamos: ¡ala, outra vaca máis no millo! Eles din ‘estar no club’. O exemplo que daba o diccionario era curioso: ‘Cando o doutor me dixo que eu estaba no club, díxenlle que era parvo, que eu nunca fixera... bueno, xa sabes’.
A ver, neniña, se ti nunca fixeches un bueno-xa-sabes é imposible que pertenzas ó club. Paréceme a min que o día que esta fixo un bueno-xa-sabes ou levaba unha boa melopea ou a esta pásalle como a Virxe María.

Costa del Crime / Costa Geriatrica- Así lle chaman os ingleses á costa mediterránea española, en concreto á Costa Brava, porque é refuxio de ‘moitos criminais británicos para fuxir da xustiza británica’ e porque alí vive ‘unha grande poboación de vellos e xubilados’.

crap- Cagar. Exemplo: ‘Eles cagaron no chan, no mesmo cuarto onde eles durmiran’. Agora, co exemplo, a min quedoume clarísimo. Por se había dúbidas.

crown jewels (lit. xoias da coroa)- Testículos. Si, señor. Un bo nome.

dingleberrry- (definición literal que daba o diccionario) ‘Unha peza de materia fecal seca (ou sexa, merda) unida ó pelo que hai arredor do ano’. ¡Que aproveite!

do- Un dos significados de do é ter sexo con alguén. Pero o curioso era o exemplo que daba o diccionario: ‘Algúns militares foderon á túa nai en Chipre e foi entón cando fixeron dela unha muller honesta’. Esto é o que pasa por ir a Chipre. Xa verás como a próxima vez ha de quedar na casa.

dump- Acto de defecar. Ex: ‘Comeza-la mañá cunha satisfactoria cagada é un bo presaxio de tódolos días da nosa vida adulta’. Esta é unha verdade como unha casa.

funny farm (lit. granxa divertida)- Psiquiátrico. Un eufemismo simpático. E agora que me lembro, ¿sabiades que onde agora está o Museo da Guerra en Londres antes era un psiquiátrico e que a xente de clase bien ía alí no século XIX para divertirse cas cousas que facían os tolos? ¿E era eu o cruel?

go- Un dos significados é exacular. Vulg. irse, correrse. Ex: ‘¡Guau, corrinme coma unha balea! Só podo dicir unha cousa: ¡¡Guau!!

have- Ter sexo con alguén. Ex: ‘Foder faite sentir moi ben, pero unha pulseira de diamantes dura para toda a vida’. Agora cada un que escolla o que prefira.

jail-bait (lit. cebo de cárcere)- Unha rapaza que é demasiado nova para ter sexo legalmente. Forma curiosa de chamarlle ás menores demasiado putonas. Para que así non se lle esqueza a ninguén onde poden acabar.

jazz- Ademais dun estilo de música significa ter relacións sexuais con alguén. Pero o máis curioso é o exemplo: ‘A miña irmá xa se estaba tirando a medio vecindario cando ela tiña quince anos’. E esta frase foi escrita en 1948. Non cambiaron nada os tempos.

jism- Seme. O exemplo do diccionario era demasiado pornográfico, así que só o vou poñer en inglés e quen queira que o traduza: ‘At last I felt my jism rushing up like electricity and I felt the love bolt burst out of my cock into her vacuum-sucking mouth’.

pocket billiards- ‘Xogar cos testículos cunha man metida no peto do pantalón para estimularse’. ¿Que podo dicir eu disto?

pocketbook- Xenitais femininos. Ex: ‘A miña nai sempre me dicía: Mantén as túas pernas pechadas e non lle permitas a ninguén ver os teus xenitais’. Un consello moi importante na vida, como ese de que sempre leves bragas limpas, non vaia ser que teñas un accidente.

poke- referido a un home, copular cunha muller. Ex: ‘Quería foder con Lucy, así que fodina’. Si, señor. Máis claro, auga.

portuguese parliament (lit. Parlamento portugués)- ‘Unha discusión moi ruidosa cando todos falan e ninguén escoita’. Tipo casa do Rancho, os domingos, á hora de comer.

slash- Mexar. Este exemplo tamén o vou poñer só inglés porque creo que xa ferín demasiadas sensibilidades (máis que ca historia do acoso e das bragas da feira): ‘If you can slash in my bed, don’t tell me you can’t suck my cock’. Ten razón. Se podes facer unha cousa, tamén podes face-la outra.

snatch- Xenitais femininos. Ex: ‘¿Sabes o que fixen cando tiña quince anos? Envieille un mechón do meu vello púbico nun sobre a Marlon Brando’. Se todas fan o mesmo, Marlon Brando debe ter unha casa que parece unha perruquería. Pero a gran pregunta é: ¿que cara se lle quedou e que foi o que lle respondeu a amiga (porque supoño que estaría falando cunha amiga) cando esta rapaza lle dixo iso?

Pois todo isto (e máis cousas que non sabía traducir) non vaiades pensar que foi escrito por unha manada se perturbados mentais. Nin máis nin menos que a Oxford University Press editou este diccionario que debería ser libro de cabaceira para os estudiantes de inglés.
He dicho.

18 de marzo de 2008

Half an hour

Alexia é a protagonista desta historia que lle aconteceu o primeiro día de traballo nunha das moitas cafeterías que o señor Costa ten espalladas por Londres, na de Bayswater, concretamente.

Parece ser que a señorita Alexia tiña que traballar-las súas oito horas (ou dez) co seu respectivo break. Un descanso que normalmente dura media hora en tódalas empresas do mundo mundial. Pero non debe ser así en Costa, segundo a interpretación de Alexia.

Ó que íamos. Que a xefa de Alexia dille (en inglés, claro):
-Neniña, desde agora tes half-an-hour de break, ¿ok?
Así que Alexia, que me demostrou con esta anécdota que ten un nivel de inglés máis baixo do que eu pensaba, marchou toda contenta disfrutar dun longo e merecido descanso.

Xa pola noite, de volta na casa, chamoume e preguntoume:
-¿Ramón, tú que entiendes por half an hour?
-Media hora, dixen sen dubidar o máis mínimo.
-....

Nese momento fíxose o silencio.
Dous ou tres segundos despois:
-¡Ah!, dixo Alexia, como querendo dicir: acábome de enterar agora mesmo.

Resulta que a xefa da señorita Alexia díxolle que tomara un break de half an hour (media hora), pero ela pensaba que half an hour significaba unha hora e media (one hour and a half), así que marchou toda chea de razón descansar durante noventa longos minutos cando apenas levaba traballadas unhas cantas horas.
Alexia debeu pensar que Inglaterra non é o terceiro mundo, que aquí non se andan con parvadas e cando dan un descanso, dano ben dado. ¡Si, señor! ¡Un descanso de unha hora e media! ¡Como debe ser!
Obviamente, con tanto tempo libre por diante, pensou que o mellor que podía facer era ir a internet, así que mercou unha tarxeta que lle daba acceso durante varias horas, porque se cada día tiña hora e media de descanso, pronto a gastaría.

Ós corenta minutos de comeza-lo descanso, estaba ela toda entretida con internet cando a chama a xefa:
-Alexia, que o descanso era de half an hour.
-Claro, de half an hour, respondeu Alexia (lembrade que ela pensaba que half an hour era hora e media, e non media hora.
-Half an hour, Alexia. 30 minutes!
¡Debeu pegar un brinco no aire cando llo dixo!

Iso chámase comezar con bo pé nun traballo. Que o primeiro día xa te teña que chamar o xefe porque tomaches un descanso demasiado longo... ¡A ver o que dura!

Good luck, Alexia!

7 de marzo de 2008

San ValentÍn

Non, non me atrasei. Xa sei que fai moitos días que foi San Valentín e non vou falar de nada que teña que ver co amor.

Esta foto que vedes aquí é a máquina de preservativos do baño dos homes do hotel no que traballo.
Resulta que o día dos namorados colgaba o cartel de Out of order. Como ben dicía o letreiro, o aparato está avariado e seguirá así moito tempo seguindo a ‘tradición’ dos hoteis Travelodge de non arranxa-las cousas ata que leven moito tempo sen funcionar.
Pero fíxome moita gracia que xusto o día de San Valentín se avariara. O día do ano no que máis cartos podían conseguir, vai e a máquina de condóns deixa de funcionar. Xa me imaxino a esa parella que se esqueceu de compra-los preservativos e baixan ó baño e xusto ese día está colgado o dichoso letreiro. ¿Que cara se lles quedaría? Seguro que o día anterior a Helen de turno díxolle ó James de turno que comprara condóns para a noite de paixón do día seguinte. Pero James seguro que lle dixo:
-Non te preocupes, Helen, que mañá baixo nun momentiño e cólloos na máquina do baño (todo isto e inglés, claro, pero eu tradúzovolo ó galego).
Pero non. Ó día seguinte, cando tódalas parellas do hotel a necesitaban, a máquina estaba avariada.

Para colmo, parece ser que a máquina do baño das mulleres tampouco funcionaba.
Ese día as parellas (ou grupos, nunca se sabe os gustos que ten a xente) ou viñeron cos plastiquiños da casa, ou quedaron a dúas velas, ou en novembro o índice de natalidade aumentará gracias a Travelodge London Farringdon.

7 de febrero de 2008

Mosca

Uns días atrás estaba eu traballando na cociña do hotel. Ese día, excepcionalmente, había leitugas iceberg para a ensalada, esas que son como artificiais pero que están boísimas e que veñen envoltas nun plástico.

Tiña eu un pouco de lecer (en realidade moito, porque para fixarse niso hai que ter moito tempo libre), cando me din conta de que nunha das leitugas que aínda estaba pechada había unha pequena mosca intentando saír.
Busquei o buraco polo que entrara, pero non había ningún. ¡E a mosca estaba alí dentro!

Entón xurdíronme moitas preguntas:
A primeira e máis obvia: ¿Como entrara alí a mosca?
Se cadra non entrou. Se cadra naceu alí. Pero como todos sabemos para que naza un ser vivo ten que haber un pai e unha nai (ou iso creo), e alí dentro non había cadáveres de moscas. Ou se cadra a mosca nai ‘pariuna’ dentro da leituga xusto antes de que fose envasada e logo marchou voando. ¿Pero as moscas paren? En realidade non sei como se reproducen as moscas. Necesito a axuda dunha bióloga. E se a abandonou , ¿por que? ¿Tan desesperada estaba a mosca nai como para non poder criar á mosca filla e deixala alí?

O de que a mosca nacera alía parece a opción máis probable porque non había ningún buraco. E se ela entrou por motu proprio, ¿por que? ¿Quería suicidarse? ¡Pero se a vida das moscas é curtísima! ¿Como vas querer suicidarte se sabes que só vas vivir dous ou tres días? Ou se cadra as moscas non o saben. Elas se cadra nunca fixeron un estudio da esperanza de vida que teñen e, claro, como non saben cando van morrer, quérense suicidar. Pero non, non creo que fora iso.
E sabendo que as moscas só viven uns cantos días, ¿canto tempo levaba esa mosca alí? ¿Era a leituga tan fresca? E dicir, dende que se envasou, ata que chegou a Londres (porque non creo que fora apañada nas hortas de Piccadilly Circus ou nos xardíns de Buckingham Palace) e de aí ó hotel, ¿canto tempo pasou? Probablemente máis do que vive unha mosca. De media, claro, porque se cadra esta era a excepción que confirma a regra e viviu un mes. Pero non creo, porque se non a leituga estaría podre. ¿Ou é que as moscas británicas viven máis? ¡Ah, vai ser iso! Pero non creo porque ca contaminación e o mal que se alimentan aquí... Pero claro, non creo que elas coman bacon, hamburguesas e ovos fritos, polo tanto non lles afecta. E non creo que a leituga fora británica, probablemente era española. Entón, ¿son as moscas españolas as que viven máis? Debe ser iso. Pero as galegas viven menos. Téñoo comprobado na miña casa. Cada ano entra unha e durante dous ou tres días anda paseando polo piso. E pensaredes vós: ¿e por que sabe este que viven dous ou tres días? Pois porque pasado ese tempo atopo sempre o seu cadáver. ¿E, por certo, ó corpo dunha mosca morta pódeselle chamar cadáver? Creo que non.
Cantas preguntas sen resposta.
¡E que apaixonante debe se-la vida dunha mosca!
Se eu soubese que só vou vivir dous días non sei o que faría. Coñecéndome, seguro que me deprimía. ¡Uf! Iso é, literalmente, amargarse a vida. Bueno, se a dous días se lle pode chamar vida, claro. E se non se lle pode chamar vida, ¿cando morren tampouco se lle pode chamar morte? ¿Entón as moscas non morren? ¡Pero como non van morrer se eu vexo o seu cadáver cada ano na miña casa! Ai, non, que non se lle pode chamar cadáver. ¡Que lío! Nunca un bicho me fixera pensar tanto.

Por certo, a mosca morreu atrapada entre o plástico e a leituga.
D.E.P.