27 de mayo de 2008

Facho olímpico

Máis de un mes. Ese era o tempo que levaba eu esperando para que chegase o 6 de abril. Ese día o polémico facho olímpico pasaría por Londres de camiño a Pequín.
O de Atenas, no 2004, pasara por Madrid, pero eu non fora ver. Pero esta vez non se me escapaba.
Por sorte, ese domingo tiña a tarde libre (cousa rara), así que uns días antes busquei en internet o percorrido que faría e as horas ás que pasaría por cada zona.
Decidido. Ás 14.45 na catedral de Saint Paul.
En realidade pensei: ás 14.45 en Bank, pero cheguei alí e vin que estaba demasiado valeiro. Equivocárame.
Despois comprobei que confundira Bank con Mansion House (debeu ser polo parecido dos nomes).

O caso é que alí estaba eu unha hora antes, ó carón da catedral de Saint Paul, onde se casaron Lady Di e Carlos de Inglaterra, para ver aquel bonito momento nun dos días máis fríos do ano. De feito, esa mañá nevou en Londres (lembrade, 6 de abril).
Frío, esgotamento porque viña directo do traballo e porque tiña que estar de pé, aburrimento… Non importaba. O caso era ver o facho olímpico.
Chegaron os manifestantes pro-Tíbet e segundo se achegaba a hora, máis e máis xente.
14.45 horas. Centos de persoas, moitas cámaras de televisión, bobbies everywhere, tres helicópteros, os berros de Free Tibet, China out e o barullo da xente facían aquelo enxordecedor.
¡Xa estaba chegando! Eu ca cámara preparada e case sen batería para gravar aquel momento. ¡Xa viña, xa viña! ¡Que emoción!
A gran velocidade pasou un grupo de policías en moto. Xa debía de estar preto.
Pasou un autobús cas persoas que escoltaban a chama. Debían ser os suplentes.
Pasaron as cámaras de televisión. Agora si que si. Xa tiña que estar moi próxima.
Pasou un autobús cos seguintes relevistas. A continuación seguro que viña o facho olímpico.
Pasou outro autobús con un home que levaba un facho apagado e facendo o parvo. Debía ser o relevista anterior ou o seguinte. A xente aplaudiulle. Debía ser alguén famoso.
Pasou outro grupo de policías motorizados. Despois deles seguro que chegaba o facho.
...
...
...

Pasaron uns segundos e, pouco a pouco, o público comezou a moverse, a invadi-la estrada ¿A onde ían? ¿Levaban tanto tempo esperando e xusto agora que ía pasa-lo facho olímpico marchaban? A xente invadindo o percorrido ¿e a policía non facía nada?
¡¿Pero qué pasa?! ¡¿Pero qué invento es este?!
Eu esperei. E esperei. E esperei máis, pero a xente seguía marchando.
Foi entón cando me din conta de que o facho olímpico pasara por diante miña e eu non nin me enterara.
Non o podía crer. Perdín tempo, pasei moito frío, fame e aburrimento para nada.
Con cara de parvo, gardei a cámara discretamente para que ninguén se dese conta de que eu fora o único que non vira o facho olímpico, e marchei.

Poñeríavolo vídeo, pero non hai. O máis precido que vin foi a foto que puxen ó comezo.

A ver se para os próximos Xogos Olímpicos o consigo.
Será en Londres no ano 2012.

20 de mayo de 2008

Eurovisión 2008

Un ano máis xa está aquí os maior festival de música do mundo: Eurovisión, que este ano celébrase en Belgrado, capital de Serbia (con ou sen Kosovo), que ata hai tres anos era a capital de Serbia e Montenegro, ata hai 8 a de Iugoslavia, e ata hai 15 a da antiga Iugoslavia con todas as outras repúblicas.
Bueno, que se celebra en Belgrado, que este ano é a capital de Serbia, pero se cadra o ano que vén xa é capital de outra cousa.
Pero ó que íamos. Que volve Eurovisión, este ano con récord de participantes, 43, (e aínda que pareza incrible, aínda hai máis estados en Europa) cas novidades de Azerbaián (que pertenceu á URSS, Rosa) e San Mariño (unha especie de mini-Italia).

Do representante de España deste ano ¿que podemos dicir? Pois que me fai moita gracia para o 15 de agosto e para o pachangueo da Ponte do Acceso, pero non para Eurovisión. Con iso o que se fai é fomenta-la imaxe que o festival ten en España e que para nada se corresponde ca realidade.
Aínda que este ano voulle ter que da-la razón a todos ese millóns de persoas, encabezados por Natalia Pardo Carracedo e Antía Carracedo Rivera, porque o de 2008 lembrarase por se-lo ano dos frikis ( Bélxica, con idioma inventado outra vez e canción tipo Heidi; Bosnia-Herzegovina, preciosa, pero o cantante e un friki de carallo; Croacia, co paisano que pasaba por alí e agora ten que representar ó seu país; Estonia, ó estilo Quim Barreiros pero sen cabritinha; Irlanda, cunha marioneta en forma de pavo cantando en francés que lle dean os douze pointe; Letonia, que aínda en maio continúa co entroido e con música de coches de choque) e das lentas (Albania, Hungría, Israel, Lituania, Moldavia, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, San Mariño, Serbia e metade da de Suíza). Case nada.

Curiosidades:
- Pois que a muller ca cara máis rara de Suecia (Charlotte Perrelli) volve representa-lo seu país tra-la victoria do 99 en Xerusalén, aínda que daquela apelidábase Nilsson, pero agora casouse, ou divorciouse, ou non sei que, así que tivo que cambialo.
- Suiza, oito anos despois, volve cantar en italiano cun famoso cantante do país da bota, Paolo Meneguzzi.
- Xeorxia, ven este ano ca técnica de traer unha cega, a ver si co conto de que dá pena gañan. Pero iso non lle colou a España no 92 e no 2000 con Serafín Zubiri, nin a Alemaña no 2002, nin a outros países anteriormente.
- Temos dúas triunfitas en Eurovisión: Gisela, por Andorra, que me dá a min que no escenario vai ser unha cursilada, e a portuguesa, de Operação Triunfo, que máis que unha triunfita é un triunfón, porque mira que é gorda e fea a muller (que ninguén se me ofenda, por favor).
- Bielorrusia, onde se fala ruso, canta en inglés, pero o título é en español (Hasta la vista). Un título que xa o levou Ucraína no 2003. Debe ser o único que saben por alá arriba de español porque se non non mo explico.
- A República Checa estreouse en Eurovisión o ano pasado con rock duro en checo. Pois este ano, para compensar, cursilada rosita tipo Britney Spears nos seus comezos. Non agora, claro, que está coma unha chota, que parece que le metieron droja en Culacao.
-Finlandia leva tres anos (dende que gañou) co seu estilo Hard Rock Allellujah, pero este ano en plan cutre. Se escoitádela canción e pechádelos ollos, parece que o que canta é Sergio de Traba. ¡Clavadiño!
-Por favor, se véde-lo festival, precaución, amigo conductor. A de Polonia (inspirándose nese gran creador de estilo que é Bustamante) déuselle por branquea-los dentes e fóiselle a man ca pasta. Así que cada vez que abre un pouco máis da conta a boca... ¡Mi madriña! ¡Tiembla, Tamara!

-E cancións malas este ano hai para dar e tomar.
Entre outras (e hai moitas máis):
Macedonia, que un ano máis sorpréndenos cunha das súas pésimas cancións (e nesta ocasión extremadamente desentoadas). Parece que este país, aparte da ensalada de froitas, non sabe facer nada ben.
Malta, cunha canción mala e cun título co que pretende gañalo voto dos soviéticos: Vodka.
Ou Montenegro, que desde que se independizou non levanta cabeza. Dáme medo pensar no que traerá Kosovo próximamente.

En total 43 estados, unha vintena de linguas e un puñado de estilos musicais na edición número 53 de Festival da canción de Eurovisión.

As miñas favoritas (e mailas que se salvan da pouca calidade deste ano) son:
1. Francia. Preciosa e cun estilo diferente nada eurovisivo.
2. Suecia. Preciosa e cun estilo moi eurovisivo, ó estilo sueco.
3. Serbia. Preciosa, non podía faltar na miña lista unha balada balcánica polas que sempre teño debilidade.
4. Suiza. Preciosa canción a dous ritmos en italiano (xa vedes que o meu non é a variedade de adxectivos).
5. Bosnia-Herzegovina. Friki, pero cunha música moi boa.
6. Alemaña. Pop fresco e pegadizo.
7. Bulgaria. Gran innovación para este país que trae unha canción que encaixaría nunha festa na praia, por exemplo.
8. Islandia. Discotequeríiiiiiiiiiiiiiiiiiiisima.
9. Turquía. Rock de calidade en turco.
10. Ucraína. Pop pegadizo con tíabuena cantando para gañar moitos votos.
11. Polonia. Balada moi bonita.
12. Xeorxia. Mensaxe e música bonita.
13. Noruega. Nada especial, pero bonita.
14. San Mariño. Estreo cunha especie de balada-rock triste, pero elegante.
15. Rusia. Repite o cantante cunha preciosa balada e cunha esperadísima posta en escena.
16. Poucas máis se salvan: Portugal, Rumanía, Hungría, Andorra...

Que gañe o mellor (ou o que reciba máis votos dos veciños).

1 de mayo de 2008

Lady-boy

Durante os dous últimos meses unha transexual estivo vivindo no hotel no que traballo.
Xa non. Tivo que marchar.
Xa era a nosa amiga despois de tanto tempo vivindo alí. A min chamábame darling. Un darling que soaba especial, alargando as vocais, como lle gusta ás transexuais, e con esa voz tan masculina pero á que se lle notaba que as hormonas que toma xa lle ían facendo efecto.
E ata e me daba consellos: Daaarling, you have to reeest. You work too muuuch!

Os do hotel chamábamola lady-boy. Uns con cariño (o sector italo-grego-eslovaco-galego) e outros con desprecio (o sector somalí-paquistaní, países con mentes abertas e progresistas onde as haxa).

A lady-boy caracterizábase por ser moi rechamante, sobre todo polas súas curtísimas saias, as súas perrucas mal postas, polos seus movementos esaxeradamente femininos, polas súas grandes tetas que case mostraba debido ós escotes que usaba, e polo porca que era. Nunca vin a unha muller máis porca neste mundo.
Botarei de menos vela chegar cada mañá feita un trapo despois dunha noite de luxuria, percorrendo o corredor do restaurante dando longos pasos con ese meneo de cadeiras tan a lo La Veneno. E botarei de menos vela chegar ó bar cada noite cun home diferente e facer sempre a mesma xogada para conseguir que o ligue lle compre unha botella de viño. Botarei de menos os seus cumpridos:
-Daaarling, you aaare very professional, díxome unha vez mentres lles abría unha botella de viño.
-Are you Swedish? You look Swedish! (mira que o intento, pero non se me quita o acento escandinavo).
Botarei de menos todo iso porque a lady-boy tivo que deixa-lo hotel despois dunha dramática noite.

¡Sobredose de marihuana!
Iso é o que se rumorea no hotel. Non sei se será verdade, pero ela a última noite tivo que pasala nun hospital. Ás nove da noite do día seguinte (nove horas despois do tempo límite para abandonalo cuarto) ela e toda a súa feminidade volveron ó hotel.
O xefe e os recepcionistas dixéronlle que, sentíndoo moito, tiña que deixa-lo seu cuarto porque xa se lle acabara a reserva.
Ela despois de desculparse e lamentarse tentou convencelos para quedar, polo menos, esa noite. Pero o hotel estaba fully book (completo, Rosa) así que eles explicáronlle que era imposible durmir alí esa noite. Ela volveu insistir, pero nada.
Entón, toda resignada, puxo as mans sobre as súas grandes tetas e, ó mesmo tempo que se movía tipo Shakira, soltou un forte suspiro e dixo:
-Bueno, a ver se esta noite estas dúas me axudan a conseguir un sitio onde durmir.
E marchou sorrindo co seu garbo a outra parte.
Imaxinade a cara que se lle quedou ós recepcionistas.

Volve, lady-boy. Botamos de menos as túas anécdotas.

24 de abril de 2008

Kidney

Como xa sabedes, porque o teño contado noutras historias, a miña dieta non é moi variada por varios motivos: por que non sei, porque non quero e porque non teño tempo para cociñar.

Para variar, desde que cheguei a Londres a miña dieta básase en comida precociñada do hotel, pizzas, polo e pies. Todo, ou case todo, conxelado.
Desas pies é do que vos quero falar.
Fixeime nelas o primeiro día que fun ó supermercado porque parecían sinxelas de cociñar (para min, en Londres, cociñar redúcese a mete-la comida no microondas) e porque eran baratas. Había unha oferta de 3x2, así que collín unha caixa de cada sabor, que traía catro pies. En total, doce.

Había o vegetable pie, o chicken pie e o kidney pie. Ou sexa, pastel de vexetais, de polo e de… Non sabía o que era kidney, pero pola foto que aparecía na caixa debía de ser algo de carne, e xa sabedes que cando hai fame, hai fame, así merqueino. Ademais, a palabra kidney soaba moi ben como para sospeitar dela.

Comín os pasteis de vexetais, os de polo e, por fin, varios días máis tarde os de kidney.
Aínda non mirara no diccionario o que significaba, pero decidín comelos. Sabía que matarratos non era, así que malo sería.
O primeiro día comín dous deses pasteis. O primeiro sóubome a gloria porque tiña moita fame. O segundo xa o saboreei máis e sabíame a algo familiar. A algo que xa comera anteriormente. Así que pensei: cando acabe de comer vou ver no diccionario o que significa kidney. Pero xa sabedes que teño unha memoria que Deus me conserve a pouca que me queda, así que cando acabei de comer non me acordei máis do asunto.

Pasou o día, pasou a romaría.

Días máis tarde fun come-los dous últimos pasteis que me quedaban.
Pensei o mesmo: cando acabe vou mirar o que significa kidney, pero non vou ir agora, non vaia ser que o significado non me guste.
Sen dúbida a ignorancia dá a felicidade.
Comín o primeiro pastel con bastante fame, así que non me centrei demasiado no sabor. Aínda así, foi entón cando me din conta de que aquel sabor era o do fígado. De pequeno encantábame o fígado con cebola que facía a miña nai, pero agora dáme moito asco. Xa sabedes que na casa do ferreiro, coitelo de pao. Aínda así pensei: Ramón, en Londres somo pobres así que a comida non se tira. Se de pequeno o comiches, tamén o podes comer agora. Así que continuei degustando aquelo.
Pero cada vez sabíame peor, probablemente porque xa cría saber o que era. Con dificultade conseguín remata-lo segundo pastel mentres pensaba que estaba a comer fígado. Por fin rematei e fun comprobar no diccionario que, efectivamente, o que comera era fígado.

Busquei k, ki, kid, kidn, kidney. Aí estaba. Vexo o significado:
kidney /´kidni/ n (pl –eys) riñón.

¡¡¡¡¡¡Aaaaaaaaaaaaaaaagggggggggggggggggggghhhhh!!!!!!
¡Comín catro pasteis de riles de porco inglés!
Sentín tanto asco que, se non fora polo pobre que era, vomitaría todo. Pero había que aforrar, así que non podía andar devolvendo a comida por nauseabunda que fose.
Xa sei que isto os meus avós e os meus pais non o comprenderían porque eles comen pé, rabo, morro e orella de porco entre outras cousas, pero para min era repugnante.

Desde entón non sei se os riles de porco inglés me seguen a onde queira que vou, pero xa vin varios productos ca palabra kidney na etiqueta, como para chama-la atención. E o peor é que a xente cómprao con naturalidade.

Definitivamente, polo que comen, os ingleses deben estar podres por dentro.

6 de abril de 2008

Lost in translation

Bonita película. Disque. Porque eu non a vin.

O tema que quero tratar é a pena que pode chegar a dar un cando non sabe fala-la lingua do país no que vive.
Iso pásame a min.
A diario.
Éche o que ten traballar de cara ó público.
Eu intento que un sorriso responda a tódalas preguntas, pero nada, chico.

A última anécdota ocorreu hai uns días.
Tres rapazas viñeron ó bar cando xa estaba a cociña pechada. Preguntáronme (ou polo menos iso entendín) se chegaban a tempo para comer, pero eu, cuns vinte sorrys no medio, díxenlles que xa era too late (que significa, Rosa, demasiado tarde).
Logo disto, fixéranme outra pregunta da que só entendín a palabra chip (pataca frita). E eu, seguindo a miña supertécnica de intenta-coller-a-palabra-clave-e-de-aí-interpreta-o-que-ti-queiras, respondinlles:
-I’m sorry but I just can offer you crisps but maybe you can find some food in that machine. (Síntoo, pero só vos podo ofrecer patacas de paquete pero, se cadra, podedes atopar algo de comida naquela máquina).
Con cara estrañada dixéronme:
-Ok, thank you! E marcharon rindo.
Eu quedei satisfeito porque conseguira entender ás inglesas e aínda por riba elas marcharan contentas. Pero alí estaba un dos xefes para acabar ca miña ilusión:

-Ramón, preguntáronche por unha chip shop (tenda de patacas fritas) e ti dixécheslles que só tiñas crisps e a comida da máquina.
-¿Chip shop? ¿Pero hai tendas tipo McDonald’s onde só vendan patacas fritas? ¡Que raro! ¿Estás seguro? Eu nunca as vin...
E sen deixarme acabar de falar díxome o xefe:

-No, Ramón. Cheap shop! A no expensive shop!
Elas o que querían era unha tenda barata e eu entendinlles que querían patacas fritas. ¡Non hai diferencia nin nada!
O único que podía facer (e que fixen) mentres o xefe se ría de min era agocharme ca cara vermella pola vergonza.

29 de marzo de 2008

Gregos vacilóns

Acábame de pasar agora. É unha tontería (como case todo o que escribo) pero fíxome moita gracia.

Estaba na biblioteca de Wood Green e púxenme a ler El País. Ó meu lado, sentados nunha mesa había dous señores gregos. Os típicos que viñeron hai trinta ou corenta anos anos e aquí seguen (coma Mila do Mareira, pero sen retorno).
Aí estaban a falar eles en grego das súas cousas (que se paracaló, que se efjaristó, que se kalispera, kalimera, kalinijta) cando aparece en escena outro home.
O protagonista tiña cara de chinés tibetano e duns 40 anos.

Cando chegou, todos lle quedaron mirando porque traía a cara pintada coma un león (resulta que hoxe había unha actividade na que os nenos podían pinta-la cara do seu animal favorito). E o tibetano (que eu creo que tiña algún tipo de deficiencia, porque se non non mo explico) non se lle ocorreu outra cousa que presumir da súa cara de león, que só lle costara £3, e animar ós vellos a que o foran facer.
Pero os señores gregos non tiñan abondo con iso e comezaron a facerlle máis preguntas. A min, claro, a atención fóiseme do xornal á súa mesa porque estaba realmente interesante.
Abreviando, esta foi unha parte da súa charla:

-Where are you from?, preguntaron os señores gregos vacilóns.
-Vilna, respondeu con orgullo o tibetano.
-Sorry?
-Vilna. Vilna!. Vilna! Vilna! (Como non se referira á capital de Lituania...)
-Ah!! Vietnam (unha suposición moi acertada por parte dos vellos).
-No. Vilna! Vilna! Vilna!, non paraba de repeti-lo tibetano con ímpetu.

Ó final os vellos (nin eu) conseguiron identifica-la súa orixe, así que dérono por imposible e dixeron mentres asentían e sorrían:
-Aaaah!! Yes, yes!

.....

-Tuesdays I'm going to Casino, in Leicester Saquare. Dixo o tibetano xa falando doutra cousa.
-Just Tuesdays?
-Yes, I'm going to dance, drink... And I need Viagra. (Aí case me mexo da risa).
Os gregos ríanse discretamente e facían comentarios entre eles constantemente como para continuar cas preguntas e ca broma.
-Do you need Viagra?, preguntáronlle mentres aguantaban a risa.
-Yes!

...
-And how old are you?, preguntaron os vellos.
Para min este e o mellor momento da conversa.
-I don't know, dixo todo serio o tibetano. (¿Pero como non sabes a idade que tes?)But I'm older than I look. (Claro, non sabe cantos anos ten, pero é maior do que aparenta). Nese momento non podía aguantar a risa.
-Ah! This is the reason why you need Viagra!, dixo un dos gregos. But you are student, yeah? Come on, show us your Scottish student card! I saw it before!, dicíalle vacilando un dos vellos.

Eu non sei a idade que tiña, se el era estudiante e se era escocés, pero o tibetano mostroulles unha tarxeta.
Eu non podía máis, así que levanteime, fun para outra parte da biblioteca e rinme durante un bo anaco detrás dos estantes.
¡Ah!, e todo isto ca cara pintada de león.