17 de septiembre de 2008

N29 I (Ligando)

Antes de comezar ca historia vouvos explicar o que significa N29.
Ese é o número dun dos autobuses nocturnos que podo coller para volver a casa cando saio de festa ou cando traballo ata moi tarde.
Durante o día chámase simplemente 29 e parece ser que é unha das liñas de urbanos máis perigosas de Londres. O N29, que adquire a N de night entre as 12 da noite e as 6 da mañá, destaca por ser un autobús alargado, polo que chama a atención entre os típicos autobuses londinienses de dous andares. A súa ruta vai de Trafalgar Square a Wood Green (onde eu vivo) ou en ocasións continúa ata Enfield.

Xa estamos todos presentados.
Pois para comezar cas aventuras do N29 imos facelo ca única historia positiva que me pasou nese medio de transporte no que se xunta o melloriño de cada casa.

Volvía eu ás tantas da mañá no N29 despois de celebra-lo meu aniversario (que para o que non me felicitastes lémbrovos que foi o 10 de maio), despois de perderme por Londres porque non sabía onde estaba a parada de autobús debido á grande cantidade de alcohol que o meu corpo inxerira. De súpeto, escoito falar español no autobús. Eu ía sentado, xusto detrás do asento do conductor (lembrade que aquí está na dereita), no lado do corredor e estaba intentando durmir. Á miña dereita, no asento que estaba xunto á fiestra había unha rapaza italiana.
Como estaba dicindo, escoitei falar español a un grupiño que estaba de pé no corredor, un pouco máis atrás, así que puxen a orella mentres intentaba durmir.
Polo que dixeron, eran dúas rapazas, unha de Asturias e outra da Coruña, de 20 e 21 anos, que polo visto coñeceron a un rapaz arxentino mentres esperaban polo bus e pasaron todo o tempo falando do bonito que era o acento del. Despois de tontear durante uns vinte minutos e tirarse piropos os uns ós outros e os outros ós uns, o rapaz baixou do bus.

Aquí chega a parte interesante.
As dúas rapazas, ó pouco tempo de marchar o seu novo amigo, comezaron a falar entre elas de algo que lles encanta ás nenas: da persoa que non está presente.
Deixaron ó arxentino polas nubes. Só dicían cousas boas del. Facían comentarios curtos do tipo: qué guapo es; está bueno, eh!, etc. Mentres, eu seguía cos ollos pechados.
Pasou un anaquiño e abrín os ollos. De repente escoito:
-¡Acaba de abrir los ojos!
-¿Qué tal está?

Aí dinme conta de que non falaban do arxentino.
Noto que unha delas vén ata o meu lado disimuladamente e, como se eu non lle entendera, di:
-¡Está muy bueno!

Xusto na seguinte parada baixou a italiana que estaba ó meu lado, así que eu púxenme no seu sitio e inclineime cara a esquerda en dirección as rapazas.
Era o momento de atacar. Se non o facía nese momento, non o facía nunca.
Xirei un pouco a cabeza e con cara de durmido díxenlles:
-¡Hola!
-¿Hablas español?,
preguntaron elas medio sorprendidas e medio avergonzadas.
-Sí, soy gallego, contestei.

Mentres eu lles estaba a dar este importante dato da miña vida, a porta do autobús abriuse. Era a súa parada.
Elas, xa na rúa, mirando para min con cara de pena, dixeron:
-¡Jo, demasiado tarde! Lo siento.
E as portas do N29 pecháronse.

Mi gozo en un pozo.


Teño que dicir ó meu favor que ese día estaba realmente guapo polo que non me estraña nada ese éxito. O que me estraña é que non tivese máis.
Algún día tíñame que pasar algo bo para contar no meu blog, ¿non?

8 de septiembre de 2008

Crime 909

¿Preparados para unha historia longa?

A viaxe que fixen eu só a Belfast non comezou ben.
Algo fallou cando ía recolle-lo billete de tren que uns días antes mercara por internet para ir ata o aeroporto de Stansted, así tiven que comprar un novo na propia estación (en total £ 45.5, mentres que o billete de avión a Belfast £13.99).

Finalmente, cheguei á capital norirlandesa e, por suposto, chovía. Outra cousa mala.
Pero despois diso xa todo foi ben.
Ata que chegaron as 20.05 da tarde.

Estaba anoitecendo e eu aproveitei os últimos raios de luz para sacar fotos no centro da cidade. Cheguei á Custom House Square. Nada importante, pero bonito, así que decidín sacarlle unha foto. Non había ninguén alí. Só un rapaz a uns 40 metros nunha bicicleta.

De repente outro rapaz, ó lonxe, comezou a dicirme algo mentres se achegaba a min. Repetía unha frase, pero eu non lla entendía.
Pensaba que era un deses que veñen pedir e pasei del dicíndolle varios veces sorry.
Nas pintas e no ton, nótabase que estaba borracho ou drogado.
El insistía ca frase ata que lle dixen:
-Sorry, I don’t understand you, mentres intentaba pasar del.
-You don’t undertand me? Berroume na cara, enoxado, pensando que o estaba a vacilar. Where are you from?, preguntoume máis cabreado aínda.

Vendo as condicións nas que estaba, pensei que se cadra a resposta Spain non era a que máis lle gustaría, así que intentei buscar un país rico e que caera ben en Irlanda do Norte, no que a política non fora importante e o catolicismo ou o protestantismo non foran moi maioritarios para que non me dera problemas. Algo coma Alemaña, Francia, Dinamarca ou Suecia.
Pois vou eu, e non se me corre outra cousa que soltarlle:
-Portugal. Sen dúbida un país rico e con minoría católica.

Seguro que o rapaz era anglicano e votante do DUP porque lle sentou fatal:
-What are fucking doing here?, berroume na cara.
-I’m taking pictures. I’m tourist, contestei eu co cu apretado.

E nese momento, coma se fose unha película, vin como o seu puño viña lentamente cara a miña cara. Eu, obviamente, tiven tempo de esquivalo, de dicir What are you doing, man, e fuxir coma unha nena.

Nuns segundos estaba a correr por Belfast coma un descosido porque un rapaz me quería mallar sen motivo. Non daba crédito a aquela situación.
Pensei que ca borracheira ou co colocón que levaba non ía correr moi rápido, pero estaba enganado.

Como dixen ó comezo, só estaba preto de nós un rapaz ca bicicleta, pero el pouco podería facer por min, así que intentei buscar ca vista máis xente.
A miña salvación chegou cando vin nunha parada de autobús a varias persoas. Alí me dirixín ca sorte de que, aínda por riba, o rapaz caeu ó chan, co que conseguín gañar algúns segundos.

Cheguei á parada e dixen asustado:
-Please help me!

Todos me axudaron rapidamente. Uns dos homes colleu ó rapaz. Eu aparteime e unha muller dirixiuse cara min dicíndome:
-Run, run. Run away!

E eu escapei de alí.
Uns intres despois mirei para atrás, vin que o home estaba tirado no chan intentando que o rapaz non marchara. Eu berreilles:
-Thank you!

Corrín e corrín e non deixen de ollar para atrás.
Finalmente, cando vin que o perigo pasara, decidín que aquel cantamañanas non me ía estropear as miñas vacacións, así que metinme nun centro comercial aberto, no que había xente que me podería axudar se o rapaz volvía.

Eu estaba ca paranoia de que todos me perseguían e non deixaba de mirar atrás, pero ó mesmo tempo autoconvencíame de que era imposible.
De súpeto, escoito que alguén corre cara min. Pero non podía ser o rapaz porque había un forte son de chaves.
Eu acababa de sacar unhas fotos ó centro comercial porque era realmente bonito. Era un segurata o que viña cara min. Eu xa estaba disposto a entregarlle a miña cámara pensando que me ía dicir que non podía sacar fotos en recintos privados. Pero a miña sorpresa foi cando me dixo que había testemuñas do que acababa de pasar e que se quería, podía denunciar.
-Of course, díxenlle. Así que collín o enderezo e o número de teléfono da Policía.

Din un pequeno paseo por alí, busquei a comisaría e alí me dirixín.
Cheguei á Policía e pronto me recoñeceron. Un rapaz só, cunha chaqueta de raias, lentes e unha mochila non había moitos a esas horas por Belfast, así que rápidamente me contaron que todo estaba gravado, que podía declarar e que había testemuñas do que pasara (tódalas persoas da parada de autobús).
O rapaz que me intentara pegar estaba metido no coche da policía e cando me viu comezou a sinalarme e a soltar improperios que non entendín. Os axentes dixéronme que non me preocupase e un deles levoume a dentro a declarar.
¡Que emoción! ¡A primeira vez na miña vida que tiña que declarar en comisaría e ía ser en inglés!
Entrei cos ollos coma pratos porque, aparte das películas Made in USA, nunca vira unha comisaría. Estaba emocionadísimo e metídisimo no papel de víctima do terrorismo. Porque vos di a vós que ese non era un membro do IRA e que me quería matar. Quero pensión de víctima do terrorismo xa.

Bueno, pero volvamos ó asunto.
Eu conteille a historia ó axente, el escribiu por min todo e aínda tivemos tempo de bromear. Despois dunha media hora contándolle o que pasara, o axente Constable Mark Cousins (teléfono 02890650222, co prefixo 0044 se chamades desde fora do Reino Unido, un dato que me deu por se tiña algún problema), preguntoume se estaría disposto a declarar nun suposto xuízo.
Eu pregunteille se sería en Londres ou en Belfast (espero que en Belfast, así volvo a gastos pagados), pero el só quería saber se estaría disposto.
-Yes, of course, contestei.

Saímos e, antes de despedirme, os dous axentes escribíronme no mesmo papel:
Crime number 909 of 03/09/08.
Por se te volvemos a chamar, dixéronme.

Eu agradecinlle a súa axuda e marchei co sentimento de cumprir ca obrigación dun bo cidadán.

Mentres camiñaba cara o meu hostal ríndome pola historia que me acababa de pasar, só podía pensar unha cousa:
¿909 crimes en oito meses nunha cidade tan pequena coma Belfast?
Prefiro Londres.

Agora o papel co nome do axente, teléfono, rúa, número de crime e data está pegado na parede do me cuarto.

Unha batallita máis para contar nas miñas memorias.

29 de agosto de 2008

Chinesa fea

Xa falei fai tempo da crueldade. Concretamente do cruel que eu son.
Pero agora síntome un pouco mellor por saber que non son a peor persoa do mundo. E non, non vou falar de Naty por rirse de Martina na festa de Laxe, aínda que debería.

Síntome un pouco mellor porque nestes momentos unha das persoas máis crueis do mundo é o director artístico da cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 e non eu.
A este chinés, que ata hai uns días non o coñecían nin na súa casa á hora de comer, chegoulle a fama cando se lle ocorreu desvelar nunha emisora do seu país que a voz da nena que aparecía cantando o himno nacional na cerimonia de apertura pertencía a outra.
A verdade é que non dicía nada novo porque, se vémo-las imaxes, decatámonos facilmente de que neniña facía máis play back que Rosario Mohedano cando lle caeu o micrófono no programa de Ana Rosa.
A crueldade deste homiño está en dicir que tivo que escoller a esa nena porque a que realmente cantaba non era o suficientemente guapa para aparecer diante de millóns de persoas. A escusa foi que a meniña tiña a cara un pouco regordecha e os dentes desaliñados. Unha imaxe pouco recomendable para un país que quere mostrar a súa mellor cara ó mundo con este evento.

E agora vén a miña análise:

Primeiro: ¿Este home realmente viu algunha vez unha chinesa guapa?
Lucy Liu non vale. Ela é estadounidense. ¡A ver se se entera o home este de que non hai chinesas guapas! ¿Cantas veces fóchedes vós a un restaurante chinés ou ó chino da esquina comprar e saístes pensando: ¡Ui, que camareira/dependenta máis guapa! ¡Nunca!

Segundo: Suponse que cambiaron á nena porque querían dar un unha mellor imaxe do país. Tendo en conta que a inmensa maioría dos telespectadores que viron a cerimonia non son de raza oriental, esa escusa non vale, porque no resto do mundo só distinguimos entre chinés-macho e chinesa-femia. Dentro dos machos todos nos parecen iguais, e dentro das femias o mesmo. Así que a nós, os habitantes de fóra de China, as Coreas e Xapón tanto nos daba que fora unha ou outra.

Terceiro: Vale que ó señor non lle parecera guapa abondo e que a cambiara por outra máis riquiña, pero se o fas non digas en público. E se o dis en público, non o fagas na radio do país con máis poboación do mundo. Espera a que os Xogos Olímpicos se celebren en Luxemburgo ou en Malta e así son só unhas cantas persoas as que se enteran. Esta nena agora non poderá saír á rúa (e mira que en China hai rúas para dar e tomar) porque sempre a sinalarán como a que quería dar unha mala imaxe do país.

Encantaríame ve-la cara dos pais cando lle foron a casa para avisalos de que a súa nena non podería aparecer ante millóns de persoas. O motivo: ser fea.
Pero aínda máis me gustaria ver a da nena. Estou seguro que desde entón non saiu do psiquiátrico.