16 de noviembre de 2008

Bola de pelo

Uns dos meus compañeiros de traballo (Assistant Manager, como ce moi) estivo a punto de morrer, parece ser.
Un día comezou a sentirse mal e tivo que ir ó hospital. En menos dunha semana foi operado tres ou catro veces debido a unha suposta bola de pelo, segundo el mesmo nos explicou, que lle entrara nos pulmóns. Todo debido ó tabaco.

¿Pero como carallo lle entrou unha bola de pelo nos pulmóns?
Ninguén se explicaba como fixo Fabrice para meter aquelo alí dentro.

Un día fun de visita a La Tasca Regent Street, onde fixen o meu training de manager. Estiven falando ca miña ex xefa, Lidia, e outra compañeira sobre o tema. Estabamos preocupados e alucinando porque nos parecía imposible que iso lle pasara.
¡¿Como lle entrou unha bola de pelo nos pulmóns?!

A resposta de Lidia foi clara:
-A mí no me extraña, porque Fabrice anda con cada sudamericana por ahí... E quedouse tan ancha despois de dicir iso. Eu quedei ca boca aberta pola burrada que acababa de dicir e todos comezamos a rir. No sabía eu que as sudamericanas tiveran esa fama.

Uns días despois todo quedou aclarado.
O que Fabrice tiña no pulmón era unha bola de aire, non de pelo. Pero o seu acento francés non lle permite diferenciar cando pronuncia hair e air.

Cando a miña xefa, Claire, de Newcastle de toda la vida, se enterou, díxome:
-Ramón, do you understand the difference between hair and air? Fabrice doesn’t.

Eu prefería que a bola fose de pelo. Así polo menos ríamonos cas historias que imaxinabamos.

6 de noviembre de 2008

Se ha escrito un crimen

Eu odiaba esa serie. ¿A alguén lle gustaba?
Esta historia non ten nada que ver con a serie.

Isto pasou o día 9 de outubro.
Eran as 3 da mañá e eu volvía a casa despois dunha (longa) xornada de traballo.
Uns trinta metros antes de chegar á miña casa vin a un grupo duns seis homes ó outro lado da rúa. Non me asustei porque había unha furgoneta da policía ó lado. Pensei que sería calquera liorta típica de Wood Green entre negros.
Un par de segundos despois un dos homes berroume:
-Excuse me, mate!Eu levantei a vista, vin que se dirixía a min e eu ollei ó meu redor, como buscando a outra persoa á que se estivese referindo.
-Wait five minutes there if you don´t want to get shot!

Eu sonche bastante rariño cos meus gustos, pero to get shot non me gusta moito, así que esperei como un neno boíño na beirarrúa ata que o perigo pasase.

Desde ese momento parecía que estaba nunha película.
Entre o grupo de homes había un en camiseta, pantalóns curtos e descalzo. Non paraba de queixarse do frío que facía. Pobre chaval, pensei eu, seguro que este foi o prexudicado nesta historia.
Un par de minutos despois comezaron a saír da casa (que era xustamente a que estaba enfronte da miña) varios policías (sete en concreto) enfundados con chalecos, cascos, botas e metralladoras. Igualiño, igualiño que os das películas de Hollywood.
Eu continuaba ca miña cara de isto-non-me-asombra-porque-eu-teño-moito-mundo, pero por dentro tiña unha mestura de medo, emoción e nervios. Vamos, que estaba flipando.

Pouco despois, o policía vestido de paisano deixoume ir para a miña casa.
Como todo o espectáculo estaba xusto enfronte do meu cuarto, aínda que eran máis das tres da mañá e ó día seguinte tiña que madrugar, non puiden evitar estar na fiestra un bo anaco para ver o que pasaba e inventar a miña película.

Despois de analizalo durante unha hora, cheguei á conclusión de que o que debeu pasar foi que comezaron a discutir dúas ou máis persoas, un deles fartouse, sacou a pistola que tiña no caixón e comezou a pegar tiros. Non houbo víctimas mortais. Só feridos leves e un detido. Nada disto é oficial. Todo son suposicións miñas, pero seguro que non vou moi desencamiñado.

Agora xa ‘sabemos o que pasou’.

Pois resulta que o tipo que estaba medio espido na rúa e que tanta pena me daba foi o que disparou, porque uns minutos máis tarde metérono esposado na furgoneta da policía.

Durante toda a noite foi un ir y venir de coches e furgonetas da policía, coches camuflados, xente entrando e saíndo da casa (menos os dos policías en prácticas, que os tiveron, ós pobres, toda a noite na porta vixiando). A miña furgoneta preferida foi a que tiña escrito por fóra Crime Scene Support Unit. Flipei cando a vin. Íalle sacar fotos e todo, pero non era plan.

Logo de unha hora realizando xornalismo de investigación decidín durmir porque daquela casa non saía cadáver ningún.
Aínda así, podo dicir que foi unha non-stop of emotions’ night. Parecía CSI London.

Despois de todo dinme conta de que David tiña razón cando dixo no seu blog que en Londres, se soan as sereas da policía (que o fan constantemente), significa que todo vai ben. Os problemas chegan cando non se oen as sereas. Canto máis silenciosa está a policía, máis delitos hai.

E para rematar, unha adiviñanza:
¿De que raza era o home medio espido e causante de todo o problema?
¡Moi ben! ¡Un gallifante para vós!

30 de octubre de 2008

Un ano

Hoxe fai un ano que aterrei en Londres.
Hai 365 días (366 porque foi ano bisesto), un avión da compañía Clickair chegaba ó aeroporto de Heathrow procedente de A Coruña ás once e algo da mañá.
Ese día comezaba a miña aventura londiniense, inglesa, británica.
Unha maleta con vinte quilos xustiños, unha mochila a piques de rebentar, un abrigo e o ordenador desde o que escribo esta historia eran a miña única compañía ata que Alexia chegase tres meses e medio despois.
Aqueles primeiros días que pasaban tan a modiño, nos que un día sen conseguir traballo parecía un mes; aqueles nos que me pasaba o tempo dicíndome: veña, entra e dálles o teu curriculum, non teñas medo; nos que Hello, I’m looking for a job. Can I leave my CV? era todo o que dicía.
Ó cuarto día (que para min era como o cuarto mes) por fin me chamaron e conseguín un traballo. Desde entón, os días, as semanas e os meses comezaron a pasar máis lixeiros.
As aventuras e anécdotas comezaron a acontecer: evacuación por un suposto incendio no hotel no que traballaba, un arresto enfronte da miña casa con espectáculo incluído, evacuación na biblioteca por ameaza de bomba, unha rapaza que pillou ó mozo con outra no hotel e veumo contar chorando coma se eu fora o seu psicólogo, un derrape en plan película no medio da noite, unha negra ás tantas da mañá chorando e berrando espida na rúa, un cliente do hotel pillado mexando no cubo do lixo da cociña, numerosas escenas con borrachos, uns adolescentes negros intentando colarse no autobús e, despois de que o conductor os pillara, comezar a tirar pedras e ter que fuxir porque pensabamos que eran disparos...
Podería contar milleiros de anécdotas que me pasaron.

Nestes doce meses pisei por primeira vez unha comisaría, fun por vez primeira de reenganche a traballar (cousa que nunca máis vou facer), pasei o meu primeiro Nadal e verán sen ir a casa (cousas que tamén intentarei que nunca máis se repitan), celebrei a victoria de España en Piccadilly, a de Zapatero traballando no hotel e viaxei por medio país.

Unha boa definición de Londres podería ser a que Alexia escribiu nun sms o día no meu aniversario: é a cidade na que me fixen racista (a todos os que viven aquí pásalles, sen excepción), no que a luz non me deixaba durmir (neste país non existen as persianas), no que me gustou fumar (isto merécese unha historia aparte no blog) e no que cheguei a ser Assistant Manager (aínda me sigo preguntando como fixen para conseguilo).

Londres é unha cidade na que case todo está permitido.
Na que nada é raro. Na que nada é normal.
A cidade na que máis veces chorei, pero tamén na que máis feliz son.
A cidade na que volvín a ver a Sifra, na que fun veciño de Alexia, na que me encontrei por casualidade con David no metro, na que Julita, Susi e Noelia case se lles derrete o xeado, na que unha vez máis me reunín con Joana e Florian e na que intentei buscar a Elva ca axuda de María, Rocío e Antía.
Unha cidade na que, aínda levando unha vida moi rutinaria e sinxela e non comprender a metade das cousas, cada día é diferente.

Xa faltan poucos meses para deixar esta aventura atrás. Non sei se o resultado despois de todo este tempo será bo, pero si o recordo. Ese recordo farame chorar cando bote a vista atrás. Chorar tanto como chorei en Londres e como nunca chorei antes (xa sabedes que eu nunca choro). Londres será, despois dos meus queridos Laxe e Aveiro, a miña casa.

30th October 2008: One year in London. Happy birthday to me!

15 de octubre de 2008

N29 III (Enfield again?)

Contei na historia anterior como fun ata Enfield e rematei dicindo que tiña que volver alí.
Pois creo que volvín.

E fixádevos que digo creo, porque non estou seguro.
Despois de falalo con Alexia chegamos á conclusión de que volvín a Enfield e, unha vez máis, sen cámara que o demostre.

A historia foi así:
Unha noite do mes de xullo decidimos algúns compañeiros de La Tasca ir tomar algo. O que só era ir tomar algo rematou nunha boa alegría no corpo.
Lémbrome que eran as 4.35 horas cando deixei ós meus compañeiros. O autobús pilleino uns dez minutos despois.
Cando cheguei a Wood Green eran case as 7.30 horas da mañá.

¿Que pasou nesas case tres horas?
Ninguén no mundo o sabe.

Despois de comentalo con Alexia e de rirnos un bo anaco, a conclusión á que chegamos foi que:
Collín o autobús N29 ás 4.45 horas dirección Wood Green. Quedei durmindo, así que debín visitar de novo (e sen querer) Enfield.
Arredor das 5.30 horas cheguei a Enfield.
O conductor ou non me viu ou pasou de min, así que ás 5.45 horas arrancou de novo en dirección Trafalgar Square.
Ás 6.20 horas o N29 chegou a Trafalgar Square.
O conductor xa me debía de considerar parte do mobiliario, así que, ás 6.30 horas, arrancou de novo dirección norte de Londres.
Por sorte, esta vez o autobús só ía ata Wood Green e non ata Enfield. As 7.20 horas da mañá unha voz feminina gravada díxome algo que xa se facía familiar: This bus terminates here...
Saín do autobús e marchei para casa coma se nada despois de perder tres horas da miña vida no transporte público londiniense.
Sorte que espertei en Wood Green porque se non estaría paseando de arriba abaixo todo o día.

A ver se á terceira levo a cámara.