26 de diciembre de 2009

Polonia rica

Fai exactamente dous anos estaba eu traballando de camareiro nun hotel en Londres. Unha das miñas compañeiras era unha rapaza polaca, tan simpática e guapa coma ignorante.
Un día estabamos a falar de todo un pouco e saíu o tema dos nosos países: falamos de como eran, da situación económica, etc.
No medio da conversación, a min non se me ocorreu mellor idea que a de dicir que 'dentro de uns dez anos (2017-2020) Polonia podería ser unha potencia dentro de Europa. Que lle pasaría coma a España nos anos 80 grazas ás axudas da UE' bla, bla, bla...
Foi dicirlle iso, e Milena (así se chama a rapaza) olloume con cara de desprecio mentres me dicía:
-Ti non sabes moito sobre o meu país, verdade?

Eu quedei con cara de póquer (poker face, como diría Lady Gaga) e díxenlle:
-Ben, non moito, pero algo da situación de Polonia si sei.

E ela continuou:
-Iso que estás a dicir non pasará dentro duns dez anos. En dous anos xa seremos un dos países máis ricos da UE.

Desde que me soltou esa frase, nunca máis volvín falar de política con ela. Crin que non merecía a pena.

Desde entón, contaba os días para poder escribir esta historia e dicir que Milena non tiña razón. Ou iso creo.
Por favor, non me digades que os polacos son xa dos máis ricos de Europa. Non me amarguedes o Nadal.

6 de diciembre de 2009

O móbil de Aida

Aida é unha rapaza mexicana que traballaba de camareira en La Tasca.
Aida tiña un teléfono móbil. Comprou ese móbil en Londres para poder comunicarse ca familia e amigos. E como só era para unha tempada, mercou o modelo máis barato. Era tan económico que o móbil non tiña pantalla a color, nin cámara de fotos,nin internet.
Pero o máis sorprendente do móbil de Aida era a capacidade de memoria: podía gardar un máximo de cinco sms. Así que sempre tiña a memoria saturada. Para ela un sms de máis podía supoñer un colapso na bandexa de entrada, polo que tiña que estar constantemente controlando o móbil. Eu aconselleille que mercara outro no que, alomenos, puidese gardar vinte sms. Pero Aida non quería. Ela era feliz co seu móbil vello no que só podía gardar cinco mensaxes.

16 de noviembre de 2009

Multa

Ás veces pórtome mal.
En Milán, dous dos tres meses que estiven alí, non comprei o abono transporte. Simplemente colábame. Por que ía pagar eu cando tódolos inmigrantes mortos de fame se colaban? Eu tamén era un inmigrante morto de fame.
Durante os meses de maio e xuño tiven tanta sorte que non me pillou ningún revisor. Agás un día. E ese día non me pillou. Pillounos.

A miña irmá Julita e a miña prima Marta viñeron a mediados de xuño verme a Milán e, de paso, visitar tamén Venecia e Verona. En Milán estivemos tres días.
Cando chegaron, díxenlles que compraran o billete de dez viaxes e, os que non usaran, recompráballos eu. Así que a idea era usar o menos posible eses billetes.

Un dos días que estivemos en Milán, volvíamos en tranvía para casa despois dunha boa camiñata pola cidade. Eran máis das nove da noite e xa pasaran as horas ‘quentes’. Despois de dous meses de análise, eu chagara a conclusión de que as horas ‘quentes’ (aquelas nas que un revisor podía pillarte) eran pola mañá e ó mediodía. Ás veces tamén se podía atopar algún pola tarde. Moi rara vez. Pero nunca pola noite. Nunca.
Pero ese día de mediados de xuño foi a excepción que confirmaba a regra.
Marta, Julita e eu íamos na parte de atrás dun tranvía case baleiro, falando tranquilamente. Elas ían un pouco asustadas porque ningún dos tres picáramos o billete. Pero eu xuráralles e perxuráralles que non ía pasar nada. Que os revisores pola noite descansan.
Pero non ese día.

Íamos charlando, relaxados, cando, de súpeto, unha delas díxome asustada:
-Ramón, o revisor!
Eu mireinas con cara de incredulidade.
-En serio, Ramón, o revisor acaba de subir!

Ó ver que as dúas ollaban ó fronte fixamente e serias, decidín comprobalo.
Cando mirei xa tiña ó revisor a un par de metros de min. Era imposible escapar ou intentar picar o billete.
Pediunos os tiquets. Nós, tranquilos, démosllos. Como se non pasara nada. Pero pasaba.
Inmediatamente pediunos a documentación. Ningún dos tres picara o billete.

Nese momento comezaron as nosas dotes interpretativas.
Supostamente, éramos turistas, non falábamos italiano, só inglés (dese xeito podíamos gañar, porque se non eles sentíanse superiores. E, por sorte, falaban peor inglés que a miña nai), non tiñamos cartos e ó día seguinte marchabamos. Supostamente.
O billete custaba un euro. A multa era de 34. Se non a pagábamos antes dun certo tempo, cen euros.
En inglés explicámoslle que pensabamos que non tíñamos que picar o billete, que éramos turistas, que se querían podíamos pagar o tiquet no momento, que non tíñamos cartos abondo para pagar a multa, etc. Pero non colou.
Mentres todo isto pasaba, o tranvía seguíase movendo e máis revisores continuaban a subir. Un total de seis só para nós.
O revisor que nos pillou fíxonos unha oferta: en vez de tres multas, pagaríamos só dúas. 68 euros. Pero eu mostreille o billete de 50 euros e expliqueille que non tíñamos abondo.
Última oferta: rebaixounos a multa e só tíñamos que pagar unha. 34 euros. Pero eu negueime de novo e expliqueille que se lle pagabamos 34 euros, só quedabamos con 16, e con eses 16 tíñamos que cear e sobrevivir en Milán. Mentira.

Como nos negamos a todo, multounos e indicounos que o pagamento teriámolo que facer en Correos antes de 60 días. Se non, a multa chegaría á nosa casa a través do consulado español de Milán e aumentaría ata os cen euros.

En agosto fixo os dous meses e aínda sigo esperando a multa.

11 de noviembre de 2009