17 de febrero de 2010

Canción infantil

O outro día estabamos nunha clase do máster escoitando unha reportaxe. Unha das músicas empregadas nela foi a canción infantil El patio de mi casa.
E, como tiña moito lecer, púxenme a pensar na letra da canción. Vexamos:

El patio de mi casa es particular cuando llueve y se moja como los demás.
Agáchate y vuélvete a agachar, que los agachaditos no saben bailar.
H, I, J, K, L, M, N, A
Que si tú no me quieres otra chica me querrá.


Analicémo-la canción:

El patio de mi casa es particular cuando llueve y se moja como los demás.
Aparte de que a letra é unha parvada, porque a ninguén lle interesa o que pase nun patio privado, o autor da canción cae nunha clara contradicción. Se o patio da súa casa se molla cando chove, non ten nada de particular. O raro sería que ficara seco. Pero non vou ser eu quen lle quite a ilusión de pensar que te-lo patio encharcado cando caen catro pingas é algo anormal.

Despois di: agáchate y vuélvete a agachar, que los agachaditos non saben bailar.
Outra frase sen xeito e que non sei a que vén. O autor dinos que nos agachemos dúas veces, e unha vez que estamos agachados sóltanos que non sabemos bailar. Quedo sen palabras...

Agora vén a miña parte favorita: H, I, J, K, L, M, N, A, que si tú no me quieres, otra chica me querrá.
Esta frase tampouco ten ningunha relación co dito ata agora na canción. Non me estraña que ningunha rapaza queira ó autor porque comeza a dici-lo abecedario sen motivo algún e pola letra H. Pero o peor de todo é que o autor non sabe que despois da N vén a Ñ, non a A.

Este non é o único exemplo de canción infantil antiga parva. Seguro que vós coñecedes moitas máis.

30 de enero de 2010

Canal 7

Canal 7 é unha canle de televisión madrileña que intenta sobrevivir cunha programación que se basea en zappings, porno, meigas que che len o futuro por unha simple e cara chamada de teléfono, e repeticións de programas e series do ano da pera. E digo que intenta sobrevivir porque a súa audiencia debe ser case nula e, ademais, non pasará a formar parte das canles da TDT, polo que lle quedan só dous meses de vida.
Un día (debía de ser venres ou sábado preto da medianoite), facendo zapping, pasei por esa canle. Vin un escenario que se me facía coñecido e, ó pouco, decateime de que era o plató de Luar. Aquelo non podía ser real.
A programación de Canal 7 é tan pobre que o que fan agora é emitir repeticións do programa da TVG, Luar. Pero o máis gracioso de todo é que está dobrado ó español. Pero dobrado en plan cutre, sen interpretación e co son real en galego de fondo.
Deste xeito, podemos ver a Gayoso hablando español, a los gaiteros contestando que non dan hecho con tantas actuaciones, a las hermanas de Ardebullo contándonos sus conachadas o a los regueifeiros guerreando entre ellos. Una maravilla, chico. Canal 7 exportando lo mejor de la idiosincrasia gallega para Madrid.

Con iso, a xente fórmase unha imaxe de Galicia fina de carallo.
Non me estraña que cando lle digo á xente que son dunha pequena vila de Galicia e que me chamo Ramón me respondan: !Uy, no te pega!

Te es lo que tienen los tópicos: que te crean unas cosas en la cabeza sin jeito ninguno.

26 de diciembre de 2009

Polonia rica

Fai exactamente dous anos estaba eu traballando de camareiro nun hotel en Londres. Unha das miñas compañeiras era unha rapaza polaca, tan simpática e guapa coma ignorante.
Un día estabamos a falar de todo un pouco e saíu o tema dos nosos países: falamos de como eran, da situación económica, etc.
No medio da conversación, a min non se me ocorreu mellor idea que a de dicir que 'dentro de uns dez anos (2017-2020) Polonia podería ser unha potencia dentro de Europa. Que lle pasaría coma a España nos anos 80 grazas ás axudas da UE' bla, bla, bla...
Foi dicirlle iso, e Milena (así se chama a rapaza) olloume con cara de desprecio mentres me dicía:
-Ti non sabes moito sobre o meu país, verdade?

Eu quedei con cara de póquer (poker face, como diría Lady Gaga) e díxenlle:
-Ben, non moito, pero algo da situación de Polonia si sei.

E ela continuou:
-Iso que estás a dicir non pasará dentro duns dez anos. En dous anos xa seremos un dos países máis ricos da UE.

Desde que me soltou esa frase, nunca máis volvín falar de política con ela. Crin que non merecía a pena.

Desde entón, contaba os días para poder escribir esta historia e dicir que Milena non tiña razón. Ou iso creo.
Por favor, non me digades que os polacos son xa dos máis ricos de Europa. Non me amarguedes o Nadal.