14 de febrero de 2011

O colchón no eixo

Era unha noite de verán. De verán madrileño. Ou sexa, do 2010. Non sei que día exactamente. Tanto dá. Volvíamos a casa despois dunha noite de farra. Camiñabamos cara Cibeles para colle-lo 'búho'. Íamos de leria, falando dunhas cousas e doutras. Parvadas. Entramos na Gran Vía e, no medio do xa abundante tráfico que había malia ser as tantas da mañá, vimos un autobús urbano no que o conductor e os pasaxeiros ían ollando cara o outro lado, a parte que nós non víamos. Miraban moi atentos, como se pasara algo. O conductor do autobús avisou sobre algo ó do coche que estaba ó seu carón. O coche adiantouno e veu parar xusto onde nós.
O turismo circulaba con normalidade, pero levaba algo enganchado na roda.
Era...
... un colchón!!!
Si! Un colchón!!!
Parece incrible, pero era certo. Non sabemos como o fixo nin de onde viña nin cara onde ía, pero levaba un colchón na roda!
Nós, primeiro, quedamos abraiados. Depois intentamos saír do shock. Logo rímonos un bo anaco e, cando quedamos ben a gusto, intentamos axudar ó pobre home (que debía ir ben drogado para non enterarse de que levaba un colchón e para reaccionar como reaccionou: ca maior tranquilidade que xamais vin nun caso así).

Fixemos forza. Púxemonos os tres enriba. Tiramos del. Probamos a desenganchalo. Mesmo o conductor intentouno connosco. Pero nada. Non ía de ningún dos xeitos.
A solución que lle demos: meterse na primeira rúa que atope (algunha menos transitada que a Gran Vía) e chamar ós bombeiros ou a quen sexa, porque tiña o colchón enganchado ó eixo do coche. Despois dun cuarto de hora tirando, démolo por imposible.

Pero aínda hoxe sígome preguntando: como c****** se meteu un colchou na roda dese coche? De onde viña? E como llo quitaron?

Hai preguntas que nunca terán resposta.

27 de diciembre de 2010

Nomes españolizados

Fai uns anos estaba tomando o sol na praia de Laxe con Antía.
Pasou un autobús da empresa Queijeiro e iso fíxome pensar.
Desde entón non paran de doerme os ollos e os oídos cada vez que vexo aberracións coma esa (malia que Antía me dixera entón que eu non tiña razón. Espero que desde aquela pensara mellor o que dixo, porque eu fíxeno).

A deturpación da nosa identidade galega levámola padecendo moito tempo. Moitos quixeron españolizar todo (que non traducir) para, de seguido, dicir que o deturpado é o correcto e o orixinal, un invento.

Vouvos poñer algúns exemplos do ridículas que son algunhas españolizacións dos apelidos ou nomes propios:

orixinal..............españolizado ............tradución correcta

ameixeiras............ameijeiras...............ciruelos
feixó.................feijóo...................frijol
laxe..................lage.....................losa
queixeiro.............queijeiro................quesero
sanxenxo..............sangenjo.................sanginés
sanxurxo..............sanjurjo.................sanjorge
seixo.................seijo....................guijarro


Estes son algúns exemplos das ducias que hai. E pensar que aínda hai xente que as ve normais...
Canto dano lle fixo (e lle fai) o español ó galego!

30 de noviembre de 2010

Mortes de libro

O que pasou neste mes de agosto non ten xeito ningún.
Se cadra pasou máis veces. Se cadra houbo casos máis estraños no mundo. Se cadra entereime, simplemente, porque estaba traballando en boletíns e sempre te fixas máis. Sexa polo que sexa, este mes de agosto deu tres casos de violencia de libro.

20.08.10 Unha muller é asasinada en Madrid, no medio da rúa, por unha discusión de tráfico.

23.08.10 Unha pelexa nun karaoke acaba con catro feridos en Madrid.

24.08.10 Só un día despois, un home apuñalaba a outro en Mallorca porque o seu compañeiro ensuciáralle o bocadillo de pó.

A xente está hipersusceptible. Hai que ter moito coidadiño co que se di, non vaia ser que alguén se enoxe.

16 de octubre de 2010

máster XXI RNE

Despois dun ano de máster (probablemente o mellor da miña vida) comeza a vida real, a vida profesional á que me vai custar adaptarme despois de 26 anos de estudante. Deste ano académico que acaba de rematar (15 outubro de 2009- 30 setembro 2010) vou botar de menos moitas cousas:

Botarei de menos os tubos (o bar máis cutre de Madrid ó que prometín que nunca ía volver e ó que, por certo, nunca lle souben o verdadeiro nome).
Botarei de menos non ter plans ata o ultimísimo minuto.
Botarei de menos ir polas rúas de noite e escoitar: selvesa, selvesa!
Botarei de menos pasar ou moita calor ou moito frío (non hai termo medio).
Botarei de menos saír (algunhas veces) de mércores a domingo (ámbolos dous inclusive).
Botarei de menos a Casa de la Radio.
Botarei de menos á secretaria do máster, Mª Ángeles, e a descoordinación durante todo o ano.
Botarei de menos as viaxes de cada fin de semana durante o verán.
Botarei de menos pasar 12 horas ó día co mesmo grupo de persoas.
Botarei de menos ir tomar algo a casa de Carme antes de saír.
Botarei de menos que Gonzalo me humille por case todo.
Botarei de menos poder contar sempre co mexicano para calquera plan.
Botarei de menos o sorriso de Cris Ganuza.
Botarei de menos a confianza con Álex Silva.
Botarei de menos o humor de Toño.
Botarei de menos os tics de María Vanini.
Botarei de menos falar en galego en Madrid con Carolina e Cris Moreno.
Botarei de menos ós que se convertiron na miña familia en Madrid durante este último ano.

Botarei todo isto tanto de menos que xa o estou botando de menos.