20 de octubre de 2011

Playboys

Isto pasoume no mes de maio ou xuño deste ano. Cando xa rematara a liga de fútbol.
Ía no coche con outro rapaz cara Laxe. Teño que aclarar que ese rapaz ten unha leve discapacidade.
Íamos falando de todo un pouco, para matar o rato. Que se do traballo, do tempo... o típico. E, xa que falabamos de cousas típicas, tivo que saír o tema por antonomasia: o fútbol. Que se ó Dépor lle estivo ben merecido o descenso, que se o Barça é o mellor, etc.
E tamén falamos do Celta. Que a ver se consegue ascender, que se van xogar Celta e Dépor o derbi en Segunda o ano que vén...
Foi entón cando houbo unha palabra que me chirriou. Dixo algo así:
-Contra quen lle tocou ó Celta nos playboys?

Rápidamente o meu cerebro reaxiu, asimilou a palabra, intentou saber o que quería dicir e cando se decatou de que a palabra era play offs e non playboys só puxen todo o meu empeño en non rirme a gargalladas imaxinado ó Celta xogando ós playboys?

Como sería ese xogo? Imaxinádelo?

26 de agosto de 2011

Un home sen cartos no peto

'Un home sempre ten que levar cartos no peto'.
É unha das frases que sempre me dixo o meu pai. E, por unha vez, téñolle que dar a razón. Cóntovos:

Primeira hora da mañá. Decátome de que esquecín os cartos e a tarxeta de crédito na casa. A miña compañeira ofréceme cartos. Dígolle que non, que malo será. Que para ir ata casa non necesito nada.

Mediodía. A xefa dinos que un de nós ten que ir ata A Coruña recoller o novo coche da empresa. Tócame a min.

Pola tarde. Despois do traballo vou cara o concesionario recoller o coche novo. Pérdome. Chego tarde. Aínda non comín nada e son as 17.30h.
Por fin danme o coche e marcho.
Ós poucos metros, doume conta de que o tanque de gasolina está na reserva e teño que ir ata Carballo.
Non teño cartos.
Non teño tarxeta de crédito.
Nin sequera teño o DNI para que alguén me fíe uns euriños porque xusto ese día deixárallo á miña irmá.
Tampouco teño saldo no móbil. Xusto o acabara nunha chamada desde o concesionario.
Pensa, Ramón.
Naty! Se cadra está traballando e quédame preto. Chámoa. Non, non está traballando. Pero consigo quedar con ela. Tiña o saldo necesario no móbil. Abondo para dicirlle o que me pasaba e citarnos.
Quedo con ela. Comeza a chover. E eu con alpargatas.
Por fin a atopo. Déixame 10 euros para ir tirando ata Carballo.
Chego a casa ás 21.00h.
Todo o día perdido.

Desta sobrevivín, pero non volvo saír da casa sen cartos no peto.

10 de junio de 2011

2.27 a.m.

Soa o espertador. Érgome, coma sempre, con présa. Vou ó baño. Logo á cociña. Almorzo. Lavo o pocillo. Volvo ó cuarto. Fago a cama. Preparo a roupa e as cousas. Dúchome. Vístome. Teño un presentimento estrano. Miro o reloxo. Son as 2.27 a.m. Deberían ser as 7.27 a.m. Comprobo tódolos reloxos. Son as 2.27 a.m. Si, son as 2.27 a.m., Ramón. Non hai dúbida. Reacciono ríndome como non o facía desde había moito tempo.
Resignado, quito a roupa, poño o pixama de novo, desfago a cama, leo algo para que me veña o sono e media hora despois quedo durmindo outra vez.

Soa o espertador. Érgome, coma sempre, con présa. Agora si. Son as 7.00 a.m. Comeza o día. Por fin.

2 de abril de 2011

Apelidos

Penseino moitas o ano pasado, pero non o escribín ata agora.
Se nos paramos a pensar, é incrible como os nosos apelidos nos condicionan a vida. E non me refiro e eses que tiveron a mala sorte de se apelidar Calvo, Pajín ou Seisdedos, entre outros moitos. Nin á mala sorte de apelidarte Abad e ser sempre o primeiro en da-la lección na escola, ou Zurbieta e ter que esperar ata o final para todo.

Desde que nacemos estamos condicionados polos apelidos dos nosos pais, pero ás veces sínteste afortunado cando, grazas a iso, che toca estar nun determinado grupo de xente.
Cando Romanos, Silva, Socías, Torres e, engadida a última hora, Moreno teñen que aguantarte e compartir contigo un ano (moi) intenso. É en ocasións coma esas cando te alegras de apelidarte Rivera e non Aznar (neste caso por máis dun motivo). É en ocasións coma esas cando pensas como sería a túa vida se dou meu pai herdara o apelido Botín, por exemplo. Tocaríanme outro grupo, outros compañeiros, outras experiencias, outras vivencias, outras discusións, outras gargalladas. Sería todo diferente. Se cadra mellor, se cadra peor, sen dúbida distinto.