15 de diciembre de 2011

Incesto canino

O pasado inverno, en febreiro máis ou menos, apareceron uns cans nas nosas vidas.
Mellor dito, nas vidas dos meus primiños Iago e Raúl. Non me lembro como lles chamaron, pero recordo que eran nomes nada orixinais. Eran unha femia negra e un macho branco con manchas marróns. Os cans eran un amor: pequeniños, boíños, bonitos, simpáticos... Mesmo a min me gustaban. A min! O anti-animais!

Oito meses despois, en novembro, chégame a nova de que Iago e Lali teñen máis cadeliños.
-Máis?, pregúntome eu.
-Si, pariu a cadela.
-Que cadela?
-A que tiñan?
-A pequena?
-Si
-Pero non era moi nova?
-Si, apenas 8 meses.
-Que xoven! É posible quedar preñada tan nova? E sábese quen é o pai? Ou é desas que van despendoladas por aí?
-Polo que se ve é posible que quede preñada tan cedo. E si, sábese quen é o pai.
-É o can dalguén coñecido?
-Si
-De quen?
-Deles mesmos.
-??? Como que deles, se só teñen outro can e é o irmán da cadela?
-... El é o pai.
-Pero son irmáns!
-Xa
-E son moi novos! Só teñen 8 meses!
-Xa
-E como reaccionaron eles cando se enteraron (os meus primos e tíos)?
-Iago e Raúl non o crían. Os pais, tampouco. Agora non saben que facer con tantos cadelos.

A solución é alonxalos os uns dos outros para que non se volvan dar casos de incesto entre eles. Cans incestuosos adolescentes. Viuse maior escándalo algunha vez?

Desde entón teño que ir pola rúa ca cabeza agachada.

20 de octubre de 2011

Playboys

Isto pasoume no mes de maio ou xuño deste ano. Cando xa rematara a liga de fútbol.
Ía no coche con outro rapaz cara Laxe. Teño que aclarar que ese rapaz ten unha leve discapacidade.
Íamos falando de todo un pouco, para matar o rato. Que se do traballo, do tempo... o típico. E, xa que falabamos de cousas típicas, tivo que saír o tema por antonomasia: o fútbol. Que se ó Dépor lle estivo ben merecido o descenso, que se o Barça é o mellor, etc.
E tamén falamos do Celta. Que a ver se consegue ascender, que se van xogar Celta e Dépor o derbi en Segunda o ano que vén...
Foi entón cando houbo unha palabra que me chirriou. Dixo algo así:
-Contra quen lle tocou ó Celta nos playboys?

Rápidamente o meu cerebro reaxiu, asimilou a palabra, intentou saber o que quería dicir e cando se decatou de que a palabra era play offs e non playboys só puxen todo o meu empeño en non rirme a gargalladas imaxinado ó Celta xogando ós playboys?

Como sería ese xogo? Imaxinádelo?

26 de agosto de 2011

Un home sen cartos no peto

'Un home sempre ten que levar cartos no peto'.
É unha das frases que sempre me dixo o meu pai. E, por unha vez, téñolle que dar a razón. Cóntovos:

Primeira hora da mañá. Decátome de que esquecín os cartos e a tarxeta de crédito na casa. A miña compañeira ofréceme cartos. Dígolle que non, que malo será. Que para ir ata casa non necesito nada.

Mediodía. A xefa dinos que un de nós ten que ir ata A Coruña recoller o novo coche da empresa. Tócame a min.

Pola tarde. Despois do traballo vou cara o concesionario recoller o coche novo. Pérdome. Chego tarde. Aínda non comín nada e son as 17.30h.
Por fin danme o coche e marcho.
Ós poucos metros, doume conta de que o tanque de gasolina está na reserva e teño que ir ata Carballo.
Non teño cartos.
Non teño tarxeta de crédito.
Nin sequera teño o DNI para que alguén me fíe uns euriños porque xusto ese día deixárallo á miña irmá.
Tampouco teño saldo no móbil. Xusto o acabara nunha chamada desde o concesionario.
Pensa, Ramón.
Naty! Se cadra está traballando e quédame preto. Chámoa. Non, non está traballando. Pero consigo quedar con ela. Tiña o saldo necesario no móbil. Abondo para dicirlle o que me pasaba e citarnos.
Quedo con ela. Comeza a chover. E eu con alpargatas.
Por fin a atopo. Déixame 10 euros para ir tirando ata Carballo.
Chego a casa ás 21.00h.
Todo o día perdido.

Desta sobrevivín, pero non volvo saír da casa sen cartos no peto.

10 de junio de 2011

2.27 a.m.

Soa o espertador. Érgome, coma sempre, con présa. Vou ó baño. Logo á cociña. Almorzo. Lavo o pocillo. Volvo ó cuarto. Fago a cama. Preparo a roupa e as cousas. Dúchome. Vístome. Teño un presentimento estrano. Miro o reloxo. Son as 2.27 a.m. Deberían ser as 7.27 a.m. Comprobo tódolos reloxos. Son as 2.27 a.m. Si, son as 2.27 a.m., Ramón. Non hai dúbida. Reacciono ríndome como non o facía desde había moito tempo.
Resignado, quito a roupa, poño o pixama de novo, desfago a cama, leo algo para que me veña o sono e media hora despois quedo durmindo outra vez.

Soa o espertador. Érgome, coma sempre, con présa. Agora si. Son as 7.00 a.m. Comeza o día. Por fin.