29 de octubre de 2009

Un ano, catro cidades


Como sabedes, teño moito tempo libre, e fai pouco dinme conta de que este ano dividino a partes iguais entre catro cidades (ben, tres máis unha vila).

Xaneiro, febreiro e marzal en Londres.
Abril, maio e xuño en Milán.
Xullo, agosto e setembro en Laxe.
E outubro, novembro e decembro en Madrid.

Catro países diferentes, catro linguas, catro lugares que quero e nos que non me importaría vivir, porque son catro lugares que me traen moi boas lembranzas.

14 de octubre de 2009

Pelotas

Pelotas é un Estado, é un Estado que hai no Brasil...
Así cantaba a raíña da canción galega, Ana Kiro. Pero vaiamos ó que vos quero contar.

Eu atraio as pelotas.
Non é unha impresión miña. É oficial.

Un día fun tomar o sol a Parco Sempione (un parque enorme, no centro de Milán no que pasei eu moitas horas. De feito, sempre dicía que Sempione era a miña segunda casa milanesa). Era día festivo en Italia e, aínda por riba, era domingo e soleado, así que había unha cantidade enorme de xente no parque.

Busquei un lugar que non estivera moi saturado para poder estar tranquilo e poder amosar o meu corpazo ó sol, así que fun ata un dos recunchos do parque (que mide 42 hectáreas) onde non había ninguén.
Cando cheguei, naquela grande zona de herba só había unha rapaza tomando o sol. Só unha. Pero pouco despois de chegar eu, comezaron a vir varios grupos de amigos, en concreto cinco grupos. Máis ou menos, unhas trinta persoas que arrebataron a tranquilidade naquel remanso de paz.
Cada un dos grupos púxose en diferentes zonas ó redor de min e, que casualidade, todos puxéronse a xogar a dar toques e pasar o balón. Como se non houbera mellores sitios en todo Sempione.

Estaba visto que, antes ou despois, a dichosa pelotiña íame caer enriba. E así foi.
Eu víaas pasar excesivamente preto de min en numerosas ocasións, pero tiña que facer coma se non me importara. Coma se estivese acostumado a que a xente xogase á pelota a escasos metros de min e os balóns me pasasen rozando a toda velocidade.
Máis ou menos fixen o que fago cando un can se achega a min: fago como que non me importa e que non me dá medo, pero en realidade estou acojonado co canciño. Pois con isto pásame o mesmo.

Eu vía as ameazas por todas partes, pero tiña que disimular facendo que lía o libro de italiano. As primeiras pelotas comezaron a achegarse perigosamente a min e eu, de vez en cando, miraba para os rapaces que viñan buscalas cunha ollada coma dicindo ‘coidadiño ca pelota se non queres quedar sen outras pelotas’, pero ó mesmo tempo un sorriso falso, como se non me importara.

Para colmo, no grupo que estaba mellor situado para golpearme na cabeza, a persoa que estaba máis preto de min era unha rapaza. E xa sabedes como soen ser as rapazas co balón: faslle un pase e escápaselle a pelota, así que as posibilidades de que a ela se lle escapara, e por tanto de que me golpearan, eran maiores.

Poucos minutos despois o primeiro balón golpeoume. Un dos rapaces achegouse para collelo e escusarse. E díxenlle que non pasaba nada... pero si que pasaba.
Pouco despois, outra pelota caeu sobre min. Eu xa levaba tempo véndoa vir, pero a eles dáballes igual. Outro rapaz fixo o mesmo co primeiro: veu recollela e escusarse. Eu xa estaba bastante cabreado, pero non podía dicir nada, porque a pelota procedía doutro grupo.
Tempo despois, outra pelota máis bateu contra min. Mesmo procedemento: rapaz que se achega e pide desculpas. E mesma reacción: non me podía anoxar porque a bola proviña dun terceiro grupo e non tiñan porqué pagar o meu enfado cos dos outros grupos.
Así ata cinco veces. Unha por grupo. E eu, coma un parvo, recibindo balonazos sen poder dicir nada. Cada grupo só me molestara unha vez, pero eu, nembargantes, recibira cinco golpes e moitos sustos, así que o meu humor non estaba precisamente moi calmado.

Claro, co susto, nin podía durmir unha sestiña nin estudiar, así que despois de aguantar durante unha hora, marchei para outro lado do parque, agochándome dos rapaces para que non pensaran que estaba fuxindo deles. Como se a eles lles importara o que eu fago... Son ou non son parvo?

O que ía ser unha pracenteira tarde se sol primaveral, acabou sendo un día no que me acordei da mamma di tutti gli italiani.