26 de agosto de 2011

Un home sen cartos no peto

'Un home sempre ten que levar cartos no peto'.
É unha das frases que sempre me dixo o meu pai. E, por unha vez, téñolle que dar a razón. Cóntovos:

Primeira hora da mañá. Decátome de que esquecín os cartos e a tarxeta de crédito na casa. A miña compañeira ofréceme cartos. Dígolle que non, que malo será. Que para ir ata casa non necesito nada.

Mediodía. A xefa dinos que un de nós ten que ir ata A Coruña recoller o novo coche da empresa. Tócame a min.

Pola tarde. Despois do traballo vou cara o concesionario recoller o coche novo. Pérdome. Chego tarde. Aínda non comín nada e son as 17.30h.
Por fin danme o coche e marcho.
Ós poucos metros, doume conta de que o tanque de gasolina está na reserva e teño que ir ata Carballo.
Non teño cartos.
Non teño tarxeta de crédito.
Nin sequera teño o DNI para que alguén me fíe uns euriños porque xusto ese día deixárallo á miña irmá.
Tampouco teño saldo no móbil. Xusto o acabara nunha chamada desde o concesionario.
Pensa, Ramón.
Naty! Se cadra está traballando e quédame preto. Chámoa. Non, non está traballando. Pero consigo quedar con ela. Tiña o saldo necesario no móbil. Abondo para dicirlle o que me pasaba e citarnos.
Quedo con ela. Comeza a chover. E eu con alpargatas.
Por fin a atopo. Déixame 10 euros para ir tirando ata Carballo.
Chego a casa ás 21.00h.
Todo o día perdido.

Desta sobrevivín, pero non volvo saír da casa sen cartos no peto.