10 de agosto de 2013

'Encerrado' fóra da casa

Era un día frío. Deses ós que nos acostumamos neste longo inverno que pasamos. No pìso de arriba estaban en obras e non me deixaban durmir, así que fun correr para facer algo productivo no meu día libre. Chaves e o móbil (para escoitar música) era todo o que necesitaba.
Cando volvín a casa, intentei abri-la porta. Pero non sei o que fixen que rompín a chave. Quedou unha metade dentro da fechadura e a outra na miña man. E eu mirando para ela coma un parvo.

Tras uns segundos de incredulidade, empecei a pensar o que podía facer. Eran as 3 da tarde. A porta pechada. O meu compañeiro de piso traballando ata a noite. Eu sen comer desde pola mañá. Non tiña saldo no móbil. Non sabía de memoria o número de teléfono de ninguén. Eu estaba suando, con pantalón curto e uns 5 graos de temperatura no exterior. Non tiña cartos. Tampouco a tarxeta de transporte. Non coñecía a ninguén no barrio. E a friestra, pola que podería saltar, pechada.
Con ese panorama, poucas posibilidades quedaban. Unha era rompe-lo cristal e entrar por unha fiestra.
Pero acordeime de que no andar de arriba estaban de reformas, así que pregunteille ós obreiros se me deixaban saltar ó meu patio e desde alí romper o cristal dunha porta e entrar na casa. Dixéronme que si, pero que era unha parvada facelo e era mellor esperar ó meu compañeiro. O que eles descoñecían era o detalle de que el non volvía ata a noite.
Como solución, eles deixáronme chamar ó meu flatmate. Pero non collía o teléfono nin contestaba ás mensaxes. Pensei: agarda unha hora e, se non tes resposta, rompe o cristal.
Esperei un pouco. E nese tempo pensei: como fan nas películas para abrir as portas? Alí parece tan doado!
Así que collín outra chave que tiña, metín a puntiña na fechadura, xirei a modiño cara a dereite e voilá! A porta abriu. Era tan improbable que iso pasara como que se me rompera a chave media hora antes.

Pero as cousas máis incribles ás veces pasan.