16 de febrero de 2013

Lecer barato: Universidade

Londres ofrece moitas posibilidades para todo tipo de persoas e en tódolos sentidos: laboral, cultural, de lecer, deportivo, musical, gastronómico, etc.
Pero todos sabemos que a capital británica é unha cidade moi cara (transporte, bares, restaurantes, compras, comida, casas). Se a iso lle sumámo-la crise, o noso peto non vai estar para moitos trotes.
Por iso nas vindeiras semanas e meses vou propoñer plans de ocio gratuítos para aqueles que, coma min, non teñen moitos pounds para gastar.
O primeiro que propoño (e que fixen esta semana) foi acudir a unha charla na School of Oriental and African Studies, da University of London. Un plan diferente, cultural e interesante.
O prezo: 0 libras.
O tema: o Día Mundial da Radio (World Radio Day), que se celebra cada 12 de febreiro.
Unha experta en radio comunitaria en África, Mary Myers, explicou a súa experiencia no continente negro. Tim Williams, vicedirector da Comisión National Británica para a Unesco, contextualizou o traballo da organización en torna a ese medio de comunicación.
Antes houbo unha exposición. Despois unha mostra do poder da radio e da voz a escuras.

As universidades ofrecen a miúdo conferecias e actividades, case todas elas de balde. En Londres hai moitos centros e só fai falta buscar un pouco na prensa local ou na internet para atopar actividades interesantes coma esta coa que puiden matar un pouco a morriña da radio.