27 de mayo de 2013

Eurovisión 2013

Unha semana despois de volver de Malmö, coa mente máis calmada e eu máis descansado, podo dicir, obxectivamente, que foi a semana máis intensa da miña vida. Poucas horas para durmir, moita festa, bastante traballo, varias viaxes, seis espectáculos en directo, moita xente nova e moitos vellos colegas...
Pero tamén cousas negativas, que me vou gardar para min (algunhas contaréivolas en vindeiros capítulos), pero que axudaron á intensidade desa semana. Sen dúbida, Eurovisión 2013 foi o mellor (non no musical, que para min foi o peor en anos) polo espectáculo, o ambiente, o festivo e no persoal.
Gañou a canción que as apostas dicían que ía gañar: a de Dinamarca, que era, xunto con Suecia, a miña favorita. Así que unha alegría máis para a colección.
Se o ano pasado en Bakú sentía 'Euphoria' por ir por primeira vez en directo ó festival de Eurovisión, este ano en Malmö tiña 'Only teardrops' por deixar atrás tantos bos momentos e a tanta xente que coñecín nestes  escasos sete días.
Para a edición do ano que vén (espero que na preciosa Copenhague) teño claro varias cousas: hotel céntrico, cuarto individual, 8-10 días de estancia, cámara dixital compacta, durmir mínimo 6 horas diarias e menos roupa.
O ano pasado aprendín duns erros. Este ano, de outros. Así é como se mellora.