30 de septiembre de 2007

Contactos relax

Todos coñecemos esas páxinas dos xornais nas que están os anuncios por palabras.
E todos sabemos que a maior parte deses anuncios son ou de venda e aluguer de pisos ou de contactos de relax, ou sexa, sexo.
Todos sabemos perfectamente onde están situadas esas páxinas que nunca ninguén le.

Non sei por que cada vez que leo o xornal en público pásame unha cousa curiosa.
Chupo un pouco o dedo para pasa-las páxinas ben e de vez en cando teño que ir renovando saliva.
Casualmente, sempre se me seca o dedo xusto cando estou nas páxinas de contactos e pasan uns intres (non máis de dous segundos) nos que a folla mostra todo o seu esplendor.
Aí están Vanessa, rubia, 21 añitos, 140 de pecho, francés a tu gusto, masajes, atiendo sola, salidas, juguetes, 24 horas, foto real 609776786; Gatitas, todas nuevas miau miau, principiante, hacemos todo, salidas, hotel-domicilio, noche-día, aceptamos tajetas, 981244747; ou tamén Nórdicas, azafatas, etiqueta negra, suite-yacuzzy, cama redonda, salidas, hotel-domicilio, 24 horas, visas-amex, 981240584.

Nese momento só quero pasa-la páxina, pero casualmente sempre se atranca, así que pasan uns segundos máis ata que consigo pasa-la folla.
Intento que ninguén me mire para que non pensen que son un salido mental e intento non levanta-la cabeza para non sentirme observado. Pero sinto que todo o mundo me olla nese momento.

Que vergonza que a xente pense que un rapaz tan guapo e decente coma min teña que recorrer a ese tipo de servizos.

24 de septiembre de 2007

5.10 am


Era unha noite de inverno calquera no piso de Fuenlabrada, hai dous anos.
Tíñame que erguer ás 8.00, como cada día, para ir a clase. Era unha mañá (mellor dito, unha noite) escura e fría, como todas a esas alturas do ano.

Esperteime sen que soara o espertador e vin que eran as 8.20 horas da mañá.
Chegaba tarde a clase, así que, angustiado e sobresaltado, levanteime rapidísimo da cama, collín o albornoz e fun cara o baño disposto a ducharme.
Rápidamente abrín a billa e comezou a correr a auga para que se quentase mentres comezaba a espirme.

Non sabía por que, pero o ambiente parecíame raro.
Non parecía que fosen as 8.20 horas, pero xuraría que vira o espertador marcando esa hora. Pensei que eran parvadas miñas, así que continuei quitando o pixama.
Metín un pé na bañeira, pero como me parecía unha mañá rara, decidín ir asegurarme da hora que era.
Cheguei ó meu cuarto. Mirei o espertador e vin que marcaba as 5.10 horas. Pensei que se parara.
Ollei o meu reloxo. Marcaba as 5.10 horas. Pensei que tamén se parara. Pero era moi estraño que se pararan os dous ó mesmo tempo.
Non o podía crer. ¡Espertárame tres horas antes!

Volvín ó baño, cerrei a billa, puxen de novo o pixama e deiteime. Aínda me quedaban case tres horas para durmir. Esperaba que os meus compañeiros de piso non se enteraran.

Sentíame coma un parvo.

20 de septiembre de 2007

Beizos húmidos


Imaxina que necesitas varias fotos carné para a matrícula do instituto ou algo así.
Como corren certa présa, decides ir ó novo fotógrafo que hai na vila, aínda sabendo que che van clavar por iso de ou o fas aquí ou tes que ir a varios quilómetros de distancia.
Resignado, decides ir a esa tenda de fotografía, sabendo que vas pagar seis euros por catro fotos, de mala calidade e na que, aínda por riba, non saes nada agraciado.

Entras, dislle ó fotógrafo o que queres e despois duns intres chega o teu turno.
O fotógrafo (o home máis feo e con cara de saído de toda a volta, ese que olla páxinas porno mentres está só na tenda) curiosea un pouco na túa vida.
-¿Cántas fotos queres?.
-Catro son abondo.
-¿Para que son?.
-Para o instituto.
-¿Aínda vas ó instituto?
-Si, por iso chas pido.
Parece que ó fotógrafo gustoulle esa imaxe túa no instituto. Unha Lolita sempre é unha Lolita...

Despois das preguntas de rigor, convídate a tomar asento.
Séntaste, el prepara a cámara e ti preparas a túa mellor pose. Esa que practicaches durante horas diante do espello e con diferentes modelitos.

Cando xa estás listo para que salte o flash sen pecha-los ollos o fotógrafo diche:
-¿Podes humedece-los beizos un pouco, por favor?

Ti humedécelos, sen máis.
Pero a el non lle debe parecer abondo e insiste en que volvas a humedecelos mentres che fai unha demostración de como debes facelo. Así.
Ti imitas o seu xesto.

Despois diso e de varias olladas que ti intepretas que son lascivas, el remata, móstrache a foto e, aínda que saes horrible, dislle que che encanta. Pagas os teus seis euros por catro míseras fotos e liscas dalí rezando para que el non dea renda solta ó onanismo mentres pensa en ti no instituto e humecendo os beizos.


.......................................................Baseado en feitos reais. ........Adicado a Naty e Rocío, por eses momentos de sufrimento.

12 de septiembre de 2007

Suelen


Onte morreu Jane Wyman, unha das actrices de Falcon Crest. En realidade, non sei quen era nin que personaxe interpretaba, pero sérveme como percha para falarvos de Suelen.
Si, Suelen e non Sue Ellen (que nos deu tan bos momentos, como cando lle dixeron: ¿Estás bébeda, Sue Ellen?).
Porque en Laxe hai unha rapaza, agora xa muller e nai dun Jonhatan, Kevin ou Jessica (xa vos podedes imaxinar como é de ordinaria e verduleira), que se chama Suelen.
Non sei de onde sacarían os pais o nome, se cadra dun diccionario de nomes xaponeses ou zulúes, pero eu creo que a nai de Suelen era unha desas enfervorizadas fans da mítica telenovela estadounidense que sempre pensou que o nome de Sue Ellen era bonito e que lle chamaría así á primeira filla que tivera.
Pero claro, a ignorancia é así de ousada e chamouna como soaba: Suelen e non Sue Ellen.
Por certo, Suelen non se parece en absolutamente nada a Sue Ellen.

E falando de todo un pouco, eu flipo cos cubanos porque no mundial de atletismo de Osaka vin varios atletas dese país que teñen unhas nais como as de Suelen: o que escoitan, adáptano ó español.
Había nomes como Yumileidi (you my lady), Misleydis (miss ladies) ou Yipsi (gipsy).
Segundo esta teoría naidesuelen-cubana, nuns anos haberá nenos que se chamen Guanchuzrí (one two three) ou Ailóviu (I love you).

Máis que persoas, parecen cans.