12 de agosto de 2012

Control de alcoholemia

Volvíamos P.B. e eu da Carballeira de Zas de madrugada.
Ela conducía porque era seu o coche
De súpeto, páranos a Garda Civil. Hai un control de alcoholemia.
Ela ponse moi nerviosa e eu tranquilízoa dicíndolle que non vai pasar nada porque non fixo nada mal: non bebeu, non ía rápido, ten o carné, ten o cinto posto...

Garda- Boas noites
P.B.- Boas noites
G.- Ten o carné de conducir con vostede?
P.B.- Si
G.- Bebeu alcohol esta noite?
P.B.- Non
G.- Pode continuar

Como?!?!?!?!
Sen facer o test? Sen preguntarlle nada máis?

Indignado pola inxustiza que acabo de vivir simplemente porque P.B. ten cariña de boíña, quéixome, pero só diante dela. Mentres, a 'indultada' encende o coche e dálle un pouco cara atrás antes de saír (aínda que non lle facía falta porque tiña espazo de sobra).
Puum!!!
Chocou contra algo. Contra un sinal, unha papeleira ou algo así.
Non. Impactou contra o coche de atrás, onde o conductor estaba sendo sometido a un test de alcoholemia.

Escachárrome da risa mentres P.B. se pon cada vez máis nerviosa.
O Garda Civil volve para preguntarlle por que fixo iso. Indícalle que apague o motor e que espere.
Agora, díxenme, seguro que lle fan o test. Parece a típica borracha que non sabe o que fai.

Pero uns minutos despois chega o Garda Civil asegurando que xa está todo aclarado con propietario do coche de atrás, que non pasou nada. Así que, con coidado -indica-, permítelle que continúe mentres eu non podo deixar de rir a gargalladas ó mesmo tempo que estaba indignado porque tampouco lle fixeran un test de alcoholemia.

Pasou o día, pasou a romería.

Uns días despois, P.B. contoume que un amigo seu no Facebook comentou a mesma historia, pero desde a perspectiva do coche de atrás.

Ela nunca dixo nada. El nunca soubo que a de diante era ela.

O mundo é tan pequeno!