17 de octubre de 2012

Tarde (im)perfecta

Situémonos:
Domingo. Vacacións en Mallorca. O plan era visitar o mosteiro de Lluc, pasar a Tramontana para xantar nunha cala espectacular e visitar algunhas vilas do norte da illa.

Patri, Esteban, Marta e eu fomos no coche por esas carreteras-de-dios ata chegar a Lluc. Pero as carreteras-de-dios aínda eran máis de-dios para chegar a unha cala espectacular, que non vou dicir o nome, non porque non queira, senón porque non me lembro.

Despois dun baño e algo de relax decidimos marchar para non arruinarnos deixando o coche todo o día no aparcadoiro.
Vimos que había outra pretiño: Cala Tuent, así que decidimos probar.

Chegamos a unha cala preciosa, máis grande das que víramos ata entón e cun aire a praia, máis que a cala.
Auga turquesa, calma, case baleira... Sen dúbida, acertamos.

Como bos domingueros, collemos tódolos bártulos: mochilas, bolsos, unha especie de tumbonas, o carriño ca comida (espectacular a tortilla rechea de Marta!), a colchoneta... E instalámonos pretiño da beira.

Aí comezaron os problemas.
A area non era area. Era unha especie de palla mesturada con pedriñas e algas secas.
Antes de xantar apetecía un baño. Imposible. Había unha praga de medusas.
Había que comer, entón. Pero apareceu unha molesta vespa. Logo, outra. Mateina. E chegou outra. E outra. Así que tivemos que comer de pé (e sen garfo nin panos porque se nos esqueceran na casa) . Cada un nun lado da praia espantando ás vespas.
Acabamos de comer. Sacamos a foto de rigor simulando que todo fora perfecto e decidimos ir cara Sóller.
Collemos tódolos bártulos de domingueros (que apenas usamos unha hora) e marchamos.
Antes de subir ó coche, outra foto de despedida. Click!
Cheira a merda, dixo Marta. Quen a pisou?
Esteban.
Rímonos del, fixemos fotos ca merda na sandalia e Marta foi á rampliña do pequeno porto que había para limpala.
Eu, moi gracioso, fun ca miña cámara de fotos nova a inmortaliza-lo momento. Pero o verdín que había fíxome esvarar lentamente. Depois duns berros (ridículos) caemos a cámara e mais eu na auga do mar a unha profundidade duns 2cm. Suficiente para estropeala. Suficiente para fastidiar as miñas vacacións.

Era a segunda cámara de fotos (boa) en cinco meses. A outra roubáranma en Moldova. 500 euros ó lixo.

Hai días nos que é mellor non erguerse da cama.