28 de junio de 2014

De onde é o meu acento?

Moitos clientes pregúntanme de onde son. Obviamente, cando falo en inglés teño acento estranxeiro, pero a inmensa maioría da xente non sabe onde ubicalo. Por iso cando me preguntan 'Where are you from?', eu, como bo galego, respondo con outra pregunta: 'Where do you think I am from?'. Comeza entón o divertido xogo. Logo duns intres nos que me quedan mirando e analizando, estas son as respostas máis comúns (sen base científica):

1. Non saben
2. Francia
3. Italia
4. España
    ...(a bastante distancia)
5. Bélxica
6. Portugal
    ...(só de cando en vez)
7. Romanía
8. Polonia
9. países mediterráneos
10. países do leste
11. Marrocos

Cando me din un dos primeiros, sorrío.
Cando me din un dos derradeiros, caio para atrás e, cando me recupero, dígolles que son galego.

2 de mayo de 2014

Eurovisión 2014

A piques de marchar para Copenhague, cidade que este ano acolle o festival de Eurovisión, coa maleta lista, con moita ledicia, ilusión e sono, aproveito para escribir esta entrada (xa tradicional) do meu blog.
A edición 59 do maior festival de música do mundo preséntase con menos calidade musical que nunca e con moitos países candidatos a gañar por non haber un claro favorito.
A crise apreta ó que máis e ó que menos. Acolle-lo festival non é barato, e parece que moitos (só 37 Estados este ano) queren participar pero ningún gañar, como se o espírito olímpico se apoderara deles.
Porén, no aspecto técnico podería se-la mellor edición da historia. E, espero, tamén no personal.
Aínda que algúns esta vez non poidan ir, vai ser un festival no que xa coñezo a moita xente e xa teño a experiencia de outros anos. Vou só, pero non estarei só. Estarei mellor acompañado ca nunca e, por se fora pouco, este ano engado dous días máis á miña 'semana' máis importante do ano. Falta me fai e ben o merezo.
Dentro de dez días, cando todo remate e estea coa depresión post-Eurovisión e xa contando os días que quedan para o vindeiro ano, farei balance para comprobar se Copenhague supera a Malmö, como esta última o fixo con Bakú.

17 de abril de 2014

Mes pantasma

O mes de abril para min nunca existiu. E non existe.
Non sei por que, cada ano teño lembranzas de cousas que me pasaron durante os outros once meses, pero nunca durante o de abril. Para min era (e aínda segue sendo un pouco) un mes no que non pasaba nada importante ou interesante. É como se o ano durase 335 días e se me borrase da mente todo o que pasou neses 30. Non entendo por que. Non consigo explicalo, pero sempre me ocorre.
Escribo isto agora porque sei que ficará como proba de que abril existe (coma Teruel). Pero para min é o mes pantasma.

18 de febrero de 2014

Hai un galego (tamén) na lúa?

Non sei se na lúa, como dicía a canción dos 90, hai galegos, pero si en cada recuncho da Terra.
Non é estraño atopar compatriotas en Londres, pero pareceume curiosa a forma na que nos coñecemos José Antonio (así se chama o home do que vou falar) e eu.
Principios de febreiro. Frío nas rúas.
Pero sempre hai algún fumador ó que non lle importa toma-lo café da mañá (que nós servimos en cuncas sen asa) ó aire libre. E a min tocoume atender, en manga curta, esas mesas.

Pasa por diante do restaurante un señor duns cincuenta e algo anos, gordo, voluminoso, con roupa ben clásica. Estráñalle que a xente beba en cuncas sen asa e quédalles mirando. Di:

-In my town the wine is served in cups like those.
-In mine too, respondo eu, supoñendo que eramos da mesma terra.
-¿Gallego?, exclama en español.
- De Laxe, digo cun sorriso.
-Eu da Coruña capital.
-Pero estas non son cuncas de viño; son para o café.

Logo, unha pequena conversa, presentación, apretón de mans e os mellores dos desexos para ámbo-los dous. Foron apenas un par de minutos, pero que lle alegran a un o día.

Os galegos estamos en todas partes.

14 de enero de 2014

One year


Hoxe hai uno que cheguei (de novo) a Londres.
Unha cidade que pode ser moi amable e darche moitas oportunidades e alegrías. Pero tamén moitos paos, moitas bágoas e moita miseria.
Non me vou queixar (demasiado) porque fame non paso e quero intentar ser positivo.

Nestes primeiros doce meses aprendín, coñecín, experimentei, viaxei, descubrín... E espero seguir facéndoo nos vindeiros meses e (quen sabe) anos.
Dentro de outros 365 días espero dicir que as cousas van mellor; ou, polo menos, igual, que xa non é pouco.

Hai dúas frases que me acompañaron todo este tempo e que as recordo cada vez que me pregunto que fago aquí:
'O momento oportuno para unha renovación é cando o desexo de cambiar ten máis forza que a inercia de seguir'.
'Calquer momento é bo para empezar a cambia-las cousas. Pero para que se produza unha renovación vital hai que comezar por desexalo'.