28 de marzo de 2013

Confusión de cremas

Hai cinco anos, na miña anterior etapa nesta Gran Bretaña, xa vos contara algunha vez os problemas e confusións que tiven por non domina-lo idioma inglés.
Neste return a Inglaterra xa me pasou algunha cousa digna de contar.
Por exemplo, a mestura de termos á hora de mercar produtos para hidrata-la pel.
Hai unhas semanas necesitaba unha crema para non ter a pel da cara tan seca. Esa foi a primeira confusión.
Onte adquirín outro produto para todo o corpo. Segundo erro.

Como digo, eu quería algo para hidrata-la cara e mailo corpo, así que as palabras chave eran moisturizer, face e body. Alá fun a buscar algo que puxera iso na etiqueta.
A marca Johnson's ofrece un daily essentials, refreshing cleansing lotion, que di na parte dianteira que tamén moisturises. Perfecto, pensei. A min iso xa me valía.
Tamén ofrece un body care extra rich almond. Tamén valía.

Pero hoxe, mirando a parte traseira de ámbo-los dous botes, dinme conta de que levo un par de meses empregando un limpador de maquillaxe como crema facial, e uns días usando un xel de baño como crema corporal.
Agora entendo por que, en vez de secarse, facía burbullas na miña pel.

Por certo que o limpador de maquillaxe seguireino utilizando como hidratante. Non será para iso, pero é bo.
Ah! Agora teño catro botes de xel de baño. Convídovos a ducharvos na miña casa. O xel póñoo eu.

7 de marzo de 2013

Lecer barato: galería de arte

Ós que lle guste a arte, en Londres poden atopar ducias de opcións. Ademáis dos mundialmente coñecidos museos National Gallery ou as Tates (por poñer só uns exemplos de lecer gratuíto), na capital inglesa hai moitas galerías de arte (atreveríame a dicir que alomenos un centenar), todas (ou case) gratuítas. En zonas como Mayfair está cheo delas e de todo tipo: arte moderno, clásico, abstracto, bodegóns ou esculturas. En rúas como Albermale St. ou Dover St. hai ata media ducia delas nas que se poden pasar unhas cantas horas e facer como que se quere comprar algunha das obras, que é o do que viven estas galerías.
Tamén na zona de Baker Street, non moi lonxe de Mayfair, hai numerosas mostras de arte. Unha delas, ata mediados de abril do 2013, é a de Roy Lichtenstein, con máis de 50 obras "oficiais" (que "non orixinais") e que se poden mercar por prezos que varían desde os 60 ata as 4.500 libras. (A da foto, Girl with Hair Ribbon, 1993, por 800 esterlinas)
A obra de Lichtenstein exponse tamén na Tate Modern, pero este un xeito de coñecelo de forma máis íntima, menos masificada e fóra do alcance (da maioría) dos turistas. E se tedes cartos, levar unha réplica para a vosa casa.
Cousas da Gran Bretaña.