26 de diciembre de 2009

Polonia rica

Fai exactamente dous anos estaba eu traballando de camareiro nun hotel en Londres. Unha das miñas compañeiras era unha rapaza polaca, tan simpática e guapa coma ignorante.
Un día estabamos a falar de todo un pouco e saíu o tema dos nosos países: falamos de como eran, da situación económica, etc.
No medio da conversación, a min non se me ocorreu mellor idea que a de dicir que 'dentro de uns dez anos (2017-2020) Polonia podería ser unha potencia dentro de Europa. Que lle pasaría coma a España nos anos 80 grazas ás axudas da UE' bla, bla, bla...
Foi dicirlle iso, e Milena (así se chama a rapaza) olloume con cara de desprecio mentres me dicía:
-Ti non sabes moito sobre o meu país, verdade?

Eu quedei con cara de póquer (poker face, como diría Lady Gaga) e díxenlle:
-Ben, non moito, pero algo da situación de Polonia si sei.

E ela continuou:
-Iso que estás a dicir non pasará dentro duns dez anos. En dous anos xa seremos un dos países máis ricos da UE.

Desde que me soltou esa frase, nunca máis volvín falar de política con ela. Crin que non merecía a pena.

Desde entón, contaba os días para poder escribir esta historia e dicir que Milena non tiña razón. Ou iso creo.
Por favor, non me digades que os polacos son xa dos máis ricos de Europa. Non me amarguedes o Nadal.

6 de diciembre de 2009

O móbil de Aida

Aida é unha rapaza mexicana que traballaba de camareira en La Tasca.
Aida tiña un teléfono móbil. Comprou ese móbil en Londres para poder comunicarse ca familia e amigos. E como só era para unha tempada, mercou o modelo máis barato. Era tan económico que o móbil non tiña pantalla a color, nin cámara de fotos,nin internet.
Pero o máis sorprendente do móbil de Aida era a capacidade de memoria: podía gardar un máximo de cinco sms. Así que sempre tiña a memoria saturada. Para ela un sms de máis podía supoñer un colapso na bandexa de entrada, polo que tiña que estar constantemente controlando o móbil. Eu aconselleille que mercara outro no que, alomenos, puidese gardar vinte sms. Pero Aida non quería. Ela era feliz co seu móbil vello no que só podía gardar cinco mensaxes.