2 de abril de 2011

Apelidos

Penseino moitas o ano pasado, pero non o escribín ata agora.
Se nos paramos a pensar, é incrible como os nosos apelidos nos condicionan a vida. E non me refiro e eses que tiveron a mala sorte de se apelidar Calvo, Pajín ou Seisdedos, entre outros moitos. Nin á mala sorte de apelidarte Abad e ser sempre o primeiro en da-la lección na escola, ou Zurbieta e ter que esperar ata o final para todo.

Desde que nacemos estamos condicionados polos apelidos dos nosos pais, pero ás veces sínteste afortunado cando, grazas a iso, che toca estar nun determinado grupo de xente.
Cando Romanos, Silva, Socías, Torres e, engadida a última hora, Moreno teñen que aguantarte e compartir contigo un ano (moi) intenso. É en ocasións coma esas cando te alegras de apelidarte Rivera e non Aznar (neste caso por máis dun motivo). É en ocasións coma esas cando pensas como sería a túa vida se dou meu pai herdara o apelido Botín, por exemplo. Tocaríanme outro grupo, outros compañeiros, outras experiencias, outras vivencias, outras discusións, outras gargalladas. Sería todo diferente. Se cadra mellor, se cadra peor, sen dúbida distinto.