15 de marzo de 2010

Hermann Tertsch

Unha noite de decembro íamos os catro que vedes na foto por aí, a dar unha volta polos bares de Madrid.
Nunha pequena rúa deserta dalgunha parte da cidade preto do paseo de Recoletos, ás tantas da mañá, pasamos ó carón dunha parella co seu can. Eu dinme conta de que o home era o presentador do telexornal da noite en Telemadrid, Hermann Tertsch, un xornalista moi polémico polo que di.
Parámolo e estivemos falando un bo anaco, sobre todo, deste mundiño no que os catro da foto estamos entrando. Hai que destacar que Hermann Tertsch levaba unha boa melopea.
Despois de darnos o seu número de teléfono (non sei para que) despedímonos e marchamos. Iso foi un sábado.
O luns, dous días despois, os xornais e informativos anunciaban que o presentador fora atacado nunha discoteca (ou na porta dunha discoteca) e que Hesrtcham estaba hospitalizado pola malleira que lle deran.
Por sorte, el (co apoio incondicional de Esperanza Aguirre para fomenta-lo bulo) inventouse a historia de que o Gran Wyoming e os seus colegas matóns foran os culpables de que estivera tomándose unhas vacacións no hospital. Se non, xa me vía eu declarando outra vez en comisaría por ser un dos catro sospeitosos que nunha rúa deserta de Madrid, en plena madrugada, lle pegara unha malleira ó polémico presentador. Coa mala sorte que teño, xa me vía eu pasando un días no cárcere ata que todo se aclarara.