2 de mayo de 2014

Eurovisión 2014

A piques de marchar para Copenhague, cidade que este ano acolle o festival de Eurovisión, coa maleta lista, con moita ledicia, ilusión e sono, aproveito para escribir esta entrada (xa tradicional) do meu blog.
A edición 59 do maior festival de música do mundo preséntase con menos calidade musical que nunca e con moitos países candidatos a gañar por non haber un claro favorito.
A crise apreta ó que máis e ó que menos. Acolle-lo festival non é barato, e parece que moitos (só 37 Estados este ano) queren participar pero ningún gañar, como se o espírito olímpico se apoderara deles.
Porén, no aspecto técnico podería se-la mellor edición da historia. E, espero, tamén no personal.
Aínda que algúns esta vez non poidan ir, vai ser un festival no que xa coñezo a moita xente e xa teño a experiencia de outros anos. Vou só, pero non estarei só. Estarei mellor acompañado ca nunca e, por se fora pouco, este ano engado dous días máis á miña 'semana' máis importante do ano. Falta me fai e ben o merezo.
Dentro de dez días, cando todo remate e estea coa depresión post-Eurovisión e xa contando os días que quedan para o vindeiro ano, farei balance para comprobar se Copenhague supera a Malmö, como esta última o fixo con Bakú.