29 de agosto de 2007

Carballeira de Zas


Dende hai uns anos imos o primeiro sábado de agosto á Carballeira de Zas onde se celebra un festival de música folk. Pero a de 2005 foi especial.

Só Rocío, Naty e eu fomos á Carballeira dese ano. Levamos o coche da miña irmá Julita, pero ca condición de que á volta conducía Rocío, algo que ela quería saltarse á toreira.
Despois dunha divertida noite decidimos marchar para casa. Eu ía un pouco-bastante afectado polos líquidos dos meus amigos os deuses Dionisio e Baco, así que fun detrás delas facendo o parvo.
Pasamos por unha parella á que lle roubaran no coche e eu dinlle ánimos e ofrecinlle-la miña axuda. Logo continuei o camiño.
Cando elas dúas chegaron a xunta o coche berráronme:
-¡Ramón, roubáronche no coche!

Pero calquera que coñecera mínimamente a esas dúas lurpias faría o mesmo ca min e pasaría delas porque son unhas mentireiras (e máis comigo, porque o creo todo). Así que eu non lles fixen caso e continuei traquilamente camiñando cara o coche. Pero elas insistían e insistían en que me roubaran.
Cheguei a xunta o Corsita e si, roubáranme.
Tiña os vidros rotos, todo remexido, creo que unha luz rota... non me lembro ben.
Unha persoa normal estaría triste ou cabreada, pero xa dixen que eu ía afectado por Baco Dionisio, así que tomeino de coña.
Só tiña dúas preocupacións: que Naty non me rompera o mapa de estradas que intentaba poñer no asento para non cortarse cos cristais e verlle o cu a Rocío.
Si, o cu. Porque a Rocío, no medio do non-saber-que-facer, viñéronlle as ganas de mexar, así que alí se puxo, ó lado do coche, a miccionar. Eu fun pola volta sen que ela se dera conta. Foi entón cando Rocío dixo, enoxada e medio levantada, unha grande frase que pasará á posteridade:
-¡Algunha vez tiñas que ver un cu!

Pois si, algunha vez tiña que ser a primeira. Non puidemos parar de rir.

Despois de falar ca policía local e de asegurarlles de que volveríamos á Carballeira de Zas aínda que nos pasase iso, arrancamos para Laxe.
Pero non foi doado. Tivemos que convencer a Rocío para que levara o coche, porque ela negábase. Que eu estivese borracho e que Naty aínda non tivese o carné de conducir non lle parecían razóns de peso para ter que levarnos. Sen dúbida, o seu motivo era moi razoable: non era o seu coche e era de noite. Dúas grandes razóns para non conducir.

Finalmente, Rocío cedeu. Pero o traxecto que normalmente leva 15 minutos, a ela levoulle media hora, porque non ía a máis de 40 ou 50km/h. Aínda por riba, facía un frío que pelaba e, como nos romperan os cristais, tivemos que papar frío durante todo o camiño.

Para colmo, eu estaba a facer prácticas en La Voz de Galicia e na tira cómica do luns o chiste ía referido ós 15 coches ós que lle roubaron. Eu, por suposto, teñoo gardado.

Unha noite para recordar.
¡Ei, Carballeira!

23 de agosto de 2007

Apuntamentos


Agora que xa rematei a carreira podo falar de algo que me ocorreu dende o primeiro ano.
Eu, por aplicado ou por tonto, ía sempre a clase porque consideraba que esa era a única obrigación en Madrid, e por iso, eu tiña os apuntamentos de tódalas aignaturas.
Moita xente pedíamos e eu, encantado ou non, deixáballos. Sempre me dicían:
-Los fotocopio hoy y mañana te los traigo.

Eu respondía que non tiña présa e case sempre mos devolvían cedo.

Pero pasoume unha cantas veces algo moi curioso.
Despois de varios días, eu botaba de menos os apuntamentos (normalmente porque os necesitaba para estudar) así que pedíallos a quen eu cría que fora o último que llos deixara. Pero non os tiña, así que sempre acababa preguntándolle a media clase. E ninguén os tiña. De repente os meus apuntamentos eran absorbidos por unha forza estraña e desaparecían da Terra. Ninguén os tiña e como a miña memoria (que Deus me conserve a pouca que teño) non daba para máis, acababa facendo algo moi humillante: pedirlle a algunha das persoas ás que lle deixara os meus apuntamentos que mos prestara para ir fotocopialos. Así que, alí me víades a min fotocopiando as follas que eu mesmo escribira e que lle deixara a media clase.
Pero para colmo, co tiquismiquis que eu son, non me valía estudar pola fotocopia da fotocopia dos meus apuntamentos. Non. Tiña que volver a pasar a limpo o que estaba escrito ca miña propia letra.
É dicir, que non son máis parvo porque non me fixeron. A xente aproveitábase de min e eu acababa facendo traballo dobre.

Polo menos, ó deixar os meus apuntamentos, facía amigos. Ou iso quero crer.

7 de agosto de 2007

Can salchicha


¿Queredes saber como enfadar rápidamente a Antía?
Non é moi difícil conseguilo, a verdade (perdoa Antía, pero sabes que teño razón), pero, sen dúbida, unha forma rápida de logralo é dicirlle que o seu can (Hugo) é un can salchicha.
¡Salta no aire!

-Antía, ¿Hugo é un can salchicha, non?
E ela, escandalizada e con cara de quererte matar, di:
-¡No es un perro salchicha, es un nosequé (unha raza rara!

Ó principio eu pensaba que era salchicha. Agora, como sei como vai reaccionar, dígollo adrede para rirme un anaco.

Encántame facer rabiar á xente.

2 de agosto de 2007

Lembranzas dos 80

Os anos 80 foron anos de cambios políticos, foron anos de drogas, da movida madrileña, de laca, de abelorios, de pantalóns tobilleros, de calcetíns brancos, de Naranjito e Tejero.
Os que nacemos naquela época xa comemos cereais e petit suisse para almorzar. Xa eran outros mundos. Horteras, pero outros mundos.
Todos lembramos esas series, debuxos, programas e músicas que nos marcaron para sempre.
A continuación vou recordar algúns exemplos que seguro vos fan sorrir e poñe-los pelos de punta. (Tía Rosa e demáis ineptos co ordenador: se pinchades nos nomes poderedes ver os exemplos).

Para comezar, todo un clásico. Oliver y Benji, os debuxos cos que aprendemos a ter paciencia. Un gol podía durar varios capítulos e un partido podía ser un mes enteiro diante da televisión.

Outro clásico é Bola do Dragón, máis popularmente coñecido como Songoku. Por suposto, en galego. ¡Arriba esa xeración de rapaces educados co Xabarín Club! ¿Que galego da nosa xeración non coñece as cancións do inicio (¿parécemo a min ou o home desentoa?) e do final da serie? A miña favorita é a do final polo ritmiño e a voz da cantante.

Continuando con debuxos, sen dúbida os mellores eran Caballeros del Zodiaco. Un grupo de machotes medio travestidos que defendían ó mundo do mal. Este foi inicio do movemento travesti en España. Coroas, melenas, caras e corpos afeminados, e sobre todo moito brillante.

Agora, unha de empacho de bondade. David el gnomo eran tan bo que tódolos nenos da nosa idade fartámonos e rebelámonos contra iso. Así vai o país.

En canto a series, esta era a miña favorita. Las chicas de oro. En realidade non sabía de que trataba, pero gustábame a música e xa está. Ademais, a señora loura parecíame moi entrañable.

Outra serie cunha música preciosa, sen dúbida a máis bonita era Los problemas crecen. Unha serie que pasaron en La2 o verán pasado ás tantas da mañá e que eu vía con toda a ilusión do mundo.

Lémbrome que cando tiña catro anos, a miña avoa tiña un posto no mercado de Laxe. Cada vez que ía visitala, ela estaba vendo unha telenovela nunha televisión en branco e negro. Era Santa Bárbara. Non sei de que ía, só me lembro dos arcos que aparecían ó inicio.

Un dos concursos que ninguén lembra, pero eu si, é Juegos sin fronteras, unha especie de Gran Prix a nivel europeo. Creo que desta mestura de países competindo por algo, veume a miña afición por Eurovisión.

Outra ración de debuxos en galego. Gracias ó Capitán Planeta comezámonos a concienciar sobre os problemas da Terra. En realidade importábanos unha merda a contaminación. Non lle facíamos nin caso. Só flipábamos cos poderes que tiñan. Para que despois digan en Polonia que os nenos vanse volver homosexuais por ver os Teletubbies.

Un programa que nunca vin, pero que tiña unha música que me encantaba era Con las manos en la masa. Unha mestura de cultura e idiosincrasia española na cociña. O antecedente de Arguiñano.

El show de Bill Cosby, Alf, Un, dos, tres, Barrio Sésamo, Fraggle Rock, Los mundos de Yupi, La aldea del arce (nunca entendín por que dúas coellas levaban unha pulseira na orella), Willy Fog, Los Fruittis, Dartacán, Alfred J. Kwak, Sherlock Holmes, El gato Isidoro, Cazafantasmas, Los diminutos, Os picapedra (en galego, claro), Calimero, Daniel el travieso, Mofli, Los trotamúsicos, Garfield, Chip y Chop, Delfy ou Chicho terremoto, pero creo que xa me estou metendo nos 90.

Estes son algúns dos moitos exemplos dunha década que deu moito de si.
Seguro que vós lembrádesvos de outros moitos. Dicídemo e eu incluireinos.

Espero que vos gustara este pequeno repaso.