30 de octubre de 2008

Un ano

Hoxe fai un ano que aterrei en Londres.
Hai 365 días (366 porque foi ano bisesto), un avión da compañía Clickair chegaba ó aeroporto de Heathrow procedente de A Coruña ás once e algo da mañá.
Ese día comezaba a miña aventura londiniense, inglesa, británica.
Unha maleta con vinte quilos xustiños, unha mochila a piques de rebentar, un abrigo e o ordenador desde o que escribo esta historia eran a miña única compañía ata que Alexia chegase tres meses e medio despois.
Aqueles primeiros días que pasaban tan a modiño, nos que un día sen conseguir traballo parecía un mes; aqueles nos que me pasaba o tempo dicíndome: veña, entra e dálles o teu curriculum, non teñas medo; nos que Hello, I’m looking for a job. Can I leave my CV? era todo o que dicía.
Ó cuarto día (que para min era como o cuarto mes) por fin me chamaron e conseguín un traballo. Desde entón, os días, as semanas e os meses comezaron a pasar máis lixeiros.
As aventuras e anécdotas comezaron a acontecer: evacuación por un suposto incendio no hotel no que traballaba, un arresto enfronte da miña casa con espectáculo incluído, evacuación na biblioteca por ameaza de bomba, unha rapaza que pillou ó mozo con outra no hotel e veumo contar chorando coma se eu fora o seu psicólogo, un derrape en plan película no medio da noite, unha negra ás tantas da mañá chorando e berrando espida na rúa, un cliente do hotel pillado mexando no cubo do lixo da cociña, numerosas escenas con borrachos, uns adolescentes negros intentando colarse no autobús e, despois de que o conductor os pillara, comezar a tirar pedras e ter que fuxir porque pensabamos que eran disparos...
Podería contar milleiros de anécdotas que me pasaron.

Nestes doce meses pisei por primeira vez unha comisaría, fun por vez primeira de reenganche a traballar (cousa que nunca máis vou facer), pasei o meu primeiro Nadal e verán sen ir a casa (cousas que tamén intentarei que nunca máis se repitan), celebrei a victoria de España en Piccadilly, a de Zapatero traballando no hotel e viaxei por medio país.

Unha boa definición de Londres podería ser a que Alexia escribiu nun sms o día no meu aniversario: é a cidade na que me fixen racista (a todos os que viven aquí pásalles, sen excepción), no que a luz non me deixaba durmir (neste país non existen as persianas), no que me gustou fumar (isto merécese unha historia aparte no blog) e no que cheguei a ser Assistant Manager (aínda me sigo preguntando como fixen para conseguilo).

Londres é unha cidade na que case todo está permitido.
Na que nada é raro. Na que nada é normal.
A cidade na que máis veces chorei, pero tamén na que máis feliz son.
A cidade na que volvín a ver a Sifra, na que fun veciño de Alexia, na que me encontrei por casualidade con David no metro, na que Julita, Susi e Noelia case se lles derrete o xeado, na que unha vez máis me reunín con Joana e Florian e na que intentei buscar a Elva ca axuda de María, Rocío e Antía.
Unha cidade na que, aínda levando unha vida moi rutinaria e sinxela e non comprender a metade das cousas, cada día é diferente.

Xa faltan poucos meses para deixar esta aventura atrás. Non sei se o resultado despois de todo este tempo será bo, pero si o recordo. Ese recordo farame chorar cando bote a vista atrás. Chorar tanto como chorei en Londres e como nunca chorei antes (xa sabedes que eu nunca choro). Londres será, despois dos meus queridos Laxe e Aveiro, a miña casa.

30th October 2008: One year in London. Happy birthday to me!

15 de octubre de 2008

N29 III (Enfield again?)

Contei na historia anterior como fun ata Enfield e rematei dicindo que tiña que volver alí.
Pois creo que volvín.

E fixádevos que digo creo, porque non estou seguro.
Despois de falalo con Alexia chegamos á conclusión de que volvín a Enfield e, unha vez máis, sen cámara que o demostre.

A historia foi así:
Unha noite do mes de xullo decidimos algúns compañeiros de La Tasca ir tomar algo. O que só era ir tomar algo rematou nunha boa alegría no corpo.
Lémbrome que eran as 4.35 horas cando deixei ós meus compañeiros. O autobús pilleino uns dez minutos despois.
Cando cheguei a Wood Green eran case as 7.30 horas da mañá.

¿Que pasou nesas case tres horas?
Ninguén no mundo o sabe.

Despois de comentalo con Alexia e de rirnos un bo anaco, a conclusión á que chegamos foi que:
Collín o autobús N29 ás 4.45 horas dirección Wood Green. Quedei durmindo, así que debín visitar de novo (e sen querer) Enfield.
Arredor das 5.30 horas cheguei a Enfield.
O conductor ou non me viu ou pasou de min, así que ás 5.45 horas arrancou de novo en dirección Trafalgar Square.
Ás 6.20 horas o N29 chegou a Trafalgar Square.
O conductor xa me debía de considerar parte do mobiliario, así que, ás 6.30 horas, arrancou de novo dirección norte de Londres.
Por sorte, esta vez o autobús só ía ata Wood Green e non ata Enfield. As 7.20 horas da mañá unha voz feminina gravada díxome algo que xa se facía familiar: This bus terminates here...
Saín do autobús e marchei para casa coma se nada despois de perder tres horas da miña vida no transporte público londiniense.
Sorte que espertei en Wood Green porque se non estaría paseando de arriba abaixo todo o día.

A ver se á terceira levo a cámara.

4 de octubre de 2008

N29 II (Enfield)

O N29 é unha fábrica de historias.
Isto pasoume dous días despois da anterior, ou sexa, o 12 de maio.
Era luns e volvín saír de festa para festexar que xa tiña 24 anos e dous días.
Vouvos contar o que recordo desde que saín do club no que estabamos:
Saín do club. Estaba amencendo (eran exactamente as 3.57 e xa era de día).
Metinme no N29.
Quedei durmido.
Aparecín non sei onde.

Xa está. Iso é do que me lembro desa noite.
Agora o que recordo despois diso:

A voz gravada dunha muller díxome: This bus terminates here. Please, take all your belongings with you.Espertei asustado. Pensaba que estabamos en Wood Green, pero non (non sei por que falo en plural porque nese autobús só estaba o conductor, a voz gravada da muller e máis eu).
Eu sonche moi guiadiño, así que collín tódalas miñas belongings with me (non levaba nada) e saín do autobús.
Era de día completamente, facía moito frío (bueno, non facía moito, pero eu só tiña unha camiseta posta) e non sabía onde estaba.
O conductor non tivo compaixon de min e marchou co seu autobús a outra parte.
Eu estaba totalmente perdido. Só sabía que estaba nalgunha parte de Londres, entre a zona 3 e 6 (por se non o sabedes, a zona 6 é a última civilizada de Londres. Máis para alá non se sabe o que hai. Ninguén se atreveu aínda a explorala). Pois aí estaba eu. En algures.

Poucos minutos despois chegou outro autobús: o 329.
Non o podía crer. O alcohol fíxome ver unha N en vez dun 3 cando collín o autobús. ¡Ai, mi madriña querida! Agora xa non sabía se estaba no norte, no sur, no leste, no oeste o uno centro de Londres ¿Ata onde carallo chega o autobús 329? Estaba totalmente desorientado.
A xeada da mañá espabiloume e foi entón cando me din conta de que estaba en Enfield, o final da liña N29.
¿Pero canto de lonxe está Enfield de Wood Green?
Se analiazamo-los nomes, decatámonos de que Wood Green significa madeira que aínda está verde, e Enfield podería se-la abreviación e unión de end (final) e field (campo). Ou sexa, campo que está ó final. A miña conclusión foi que da madeira que aínda está verde ó final do campo ten que haber moita distancia. Tanta que non había xeito de volver.

Pero un raio de esperanza chegou cando vin unha igrexa. Non é que de repente me fixera crente. O que pasou foi que me din conta de que a cúpula que estaba a ver facíaseme coñecida. Era a cúpula da igrexa que se ve desde a estación de metro de Wood Green. Rápidamente púxenme a camiñar cara ela.
Camiñei.
Camiñei.
Camiñei máis, pero eu non vía a estación de metro, así que, desesperado, volvín a onde me deixara o autobús.
Senteime á espera do seguinte que pasara. Fose o que fose.
De repente vexo chegar un N29. ¡Era a miña salvación!
Cun sorriso de orella a orella fun correndo cara el. Petei na porta e o conductor díxome que tiña que esperar cinco minutos.
Recuei uns pasos e esperei impaciente.
O conductor víame alí, morto de frío, desesperado e con sono, pero el non se apiadaba de min. El non me abría a porta.
Cinco minutos despois, abriuna. Entrei. Pregunteille se ese autobús ía cara Wood Green. A resposta era obvia: si. Quíxenlle dicir: ¿pódeme espertar cando cheguemos alí, por favor? Non quería volver ata Trafalgar Square outra vez. Pero eu só me limitei a sentarme xusto no asento que está detrás del para que non se me pasase a parada. Igual que os vellos que van no Finisterre de Laxe a A Coruña.

Foi duro non quedar durmido outra vez, pero conseguino. Parei en Wood Green e camiñei ata a miña casa. Xa estaba a salvo. Levoume case dúas horas un traxecto que normalmente dura 45 minutos.

Eran case as seis da mañá e o sol xa picaba.
E o que máis me fastidiou foi que coñecín outra parte de Londres e eu non tiña a miña cámara de fotos comigo.
Haberá que volver algún día.