20 de julio de 2010

Bicos de nai

Que ós españois non se lles dá moi ben iso de falar outras linguas está máis que demostrado e seguro que todos tedes moreas de exemplos na vosa cabeza. Aquí vouvos poñer un máis dos milleiros que hai.

Fai uns meses estaba escoitando a Cope (non me preguntedes por que). Era un programa calquera, cunha presentadora calquera que de inglés so coñecía as palabras parking, stop e hello (léase ‘jelou’).
Despois dun sermón sobre non sei que, deu paso a unha canción de $%&=@3!// (non escoitei o nome do/a cantante ou grupo) que se chamaba ‘Bicos de nai’.
Ah, pensei eu estrañado, van poñer música galega na Cope. E a presentadora debe de ser galega porque pronunciou moi ben o título: ‘Bicos de nai’. Que bonito.
Prestei toda a miña atención para escoita-la canción e adiviñar de quen era.
Comeza a canción. Os primeiros acordes sóanme. Sóanme moito. Comezo a tarareala. Sóame demasiado...
De súpeto, dinme conta. Iso non era ‘Bicos de nai’, era ‘Because the night’ de Patti Smith.

Só podía facer unha cousa: rirme moito doutra española pepeira ignorante.
Outra vaca máis no millo.