15 de abril de 2013

Un nó inoportuno

Teño unha manía desde ben cativo: darlle voltas ó pelo. Tanto dá que sexa o meu ou o de outras persoas.
A miúdo, nas reunións familiares, recórdanme que desde que tiña un ano xa lle daba voltas ó pelo da miña nai e da miña tía cando durmía con elas.
Esa manía sígoa tendo hoxe en día, pero só cando teño o cabelo bastante longo. Cando é así, non paro de darlle voltas, ata que me doe e fago algún nó.

Como o tiña moi longo, fun cortalo. (Por certo que atopei unha escola de perruquería no centro de Londres onde te atenden de balde). E tras descifra-lo que me dixo o perruqueiro en prácticas (rapaz tatuadísimo cun forte acento londinense), conseguín explicarlle o que eu quería, aínda que tamén lle din a posibilidade de que experimentara comigo. Non quixo, así que fíxome o mesmo corte.

Nalgún momento dos 55 minutos que durou o seu lento labor na miña cabeza, o peine quedou enganchado no meu pelo. Sacouno e volveu metelo na mesma zona, pero quedou enganchado unha vez máis. Preguntoume que era aquelo, pero fíxenme o parvo. E intentouno de novo. Volveu engancharse.
Tiven que confesar. Ruborizado, expliqueille a miña manía co pelo. E recomendeille que cortara directamente para acabar antes.
Quedou estrañado e cortou sen rechistar.

Eu ía preocupado por que non se dera conta de que, ás veces, córtome eu mesmo o pelo e resulta que o problema estaba nos nós.
Antes de ir á perruquería, hai que revisar sempre a cabeza.