Xoves. Faltaba un día para marchar de vacacións de Semana Santa. Eses últimos sete días foran moi duros porque me tocara dirixir un programa do máster. De feito, o día anterior quedara afónico despois de espirrar (a xente explicoume que ás veces pasa que ficas afónico polos nervios ou estrés). Levaba varios días durmindo moi pouco e traballando moito, pero era a última noite en Madrid antes das vacacións e quería aproveitala, así que fun tomar algo con algúns compañeiros despois das clases.
Segundo ía pasando a noite a miña afonía aumentaba e mesmo, por momentos, nin podía falar. Tiña que murmurar no medio de todo o barullo. Pero a min dábame igual.
Tomamos varias cañas, convidáronnos a un vermú, bebín a cervexa quente que tiña do comedor e fomos a non-sei-onde facer non-sei-que. Tanto dá.
Só lembro que estaba tan esgotado que decidín marchar. Eran as 3.30 da mañá e tíñame que erguer ás 7.30 para ir ó último día de prácticas na radio. Só faltaban catro horas.
Ás 3.40 cheguei a Cibeles para colle-lo ‘búho’ (moucho) que me levara a casa.
Ás 4.00 por fin saíu. Máis ou menos en quince minutos debería estar na casa.
Estaba esgotado... Moi esgotado...
Esperto. Non vexo a ninguén. Miro arredor. Ninguén. Levántome e coa miña voz afónica pregúntolle ó conductor se fai moito tempo que pasamos polo hospital 12 de Octubre (onde eu vivo). Resposta do conductor:
-Uuuuuuyy! Ya hace mucho que lo pasamos!
Pensei: vale, séntate, Ramón, que este autobús baixa, pero despois ten que subir ata o centro de Madrid. Así que senteime e esperei.
Un minuto despois o autobús frea. E escoito:
-Chaval, fin del trayecto. Tienes que bajarte aquí.
Intentei convencer ó conductor de que me deixara ir con el ás cocheiras. De que un polígono industrial nunha zoa perigosa de Madrid ás 4.40 da mañá non era o mellor lugar para estar só esperando o seguinte autobús. Pero tanto lle deu. Díxome que baixara, que ás 5.00 pasaría outro.
Baixei. Esperei vinte minutos eternos papando frío. Alí estaba eu, nun polígono industrial escuro e solitario, e sen saber seguro se pasaría por alí outro autobús antes de que alguén me violara.
5.00h. Chega un autobús. A miña salvación. Frea. Abre a porta. Saúdo ó conductor. El olla para min sorrindo. Era o mesmo que vinte minutos antes me deixara alí tirado. Senteime e non volvín ficar durmido ata que cheguei á miña camiña. Eran as 5.45 horas.
7.30h. Soa o espertador...