O día 31 de marzo de 2009 fixen o voo máis bonito da miña vida.
Deixaba atrás Londres, unha cidade que me deu moitas alegrías e poucas penas durante case un ano e medio, e tiña por diante Milán, que non sei o que me deparará nos próximos tres meses.
Sempre pensei que cando deixase a capital británica sería un día moi triste, no que ía chorar, como o fixen cando deixei Aveiro e Madrid. Pero a diferencia nesta ocasión era que non volvía a casa, senón que ía para un sitio novo. Os nervios e a emoción foron as que me impediron despedir Londres como se merecía.
Pero falemos do voo:
Cando despegamos en Heathrow, as nubes que cubrían o ceo non deparaban un traxecto moi interesante, pero iso cambiou ó chegar ó Canal da Mancha. Desde o avión podíase ver Brighton e a costa sur inglesa perfectamente, cos seus acantilados brancos. Xa no continente, podíase apreciar Normandía con toda claridade. Iso é todo, pensei eu.
Pero a miña sorpresa chegou cando miro pola fiestra do avión mentres comía o delicioso sandwich que British Airways nos serviu e vexo claramente París. Podíase ver o río Sena perfectamente, o Arco do Triunfo, os Campos Elíseos e os estadios do PSG e Saint Denis. Iso foi todo o que puiden recoñecer (bastante, tendo en conta que nunca estiven na capital gala).
Uns minutos despois o GPS do avión indica que estamos sobrevoando Xenebra. Miro e vexo o lago Léman ca cidade ó seu carón. Precioso.
Pero a mellor paisaxe aínda estaba por chegar. Pasamos Suíza e entramos nos Alpes completamente nevados e sen ningunha nube que nos ocultara as preciosas vistas (así describiunas o piloto polo altofalante).
Teño viaxado moito e teño visto moitos tipos de paisaxes, pero, sen dúbida, a dos Alpes foi a mellor que vin na miña vida (e será moi difícil que alguén lle quite ese posto).
Poder ver desde o aire practicamente por completo unha das maiores cadeas montañosas do mundo, cos seus cumios nevados e sen que nada se interpoña, é un luxo. Alén diso, se temos en conta que todo isto se facía en movemento, á beleza en si mesma das montañas, engádenselle as diferentes perspectivas que tiña da paisaxe.
Non me vou molestar máis en intentar describir como eran as vistas porque, por moito que o faga, nunca imaxinaredes a incrible paisaxe. Simplemente recoméndovos que collades o voo Londres-Milán nun día despexado para ver o que eu vin.
E agora a anécdota do día:
Ramón non para de triunfar.
Fun ó baño do avión e ó saír o azafato e unha das azafatas dixéronme a coro:
-I like your jacket!
Eu mireinos, estrañado, porque non cría que se referiran a min.
-Seriously?, respondín eu cunha pregunta, coma bo galego.
-You don’t like your jacket?, preguntoume un deles.
-Yes, but..., dixen eu (pero non con ese entusiasmo co que vós mo decides, pensei eu). £8,81 in Primark!, continuei dicindo, como explicando que unha chaqueta tan barata non merece esas alabanzas.
-In Oxford Street?, preguntou o azafato.
-Yes!, contestei eu con contundencia. E entón volvín para o meu asento con chulería, triunfante.
Durante o resto do voo sabía que me ían ollar, así que eu facíame o interesante mentres colocaba ben a chaqueta.
Cando marchei (fun o último en saír adrede), puxen outra chaqueta por riba (como dicindo: se vos gustou a outra, esta vaivos encantar) saudei ós azafatos e comecei a camiñar polo corredor do avión con chulería, sabendo que eles me estaban ollando.
Sen dúbida, un voo para recordar.
3 comentarios:
benvenuto a Milano
:)
Grazie, bella!
yo tampoco puedo evitarlo.
cuando alguien me dice que le mola algo que me compré en el Prymark, no puedo evitar decirles el precio.
Publicar un comentario