8 de octubre de 2010

Mafia colombiana

Era un día soleado de mediados de setembro en Madrid.
Eu estaba bronceándome na piscina antes de ir traballar. Era mediodía.
So estabamos a socorrista e máis eu.
Eu aproveitaba para le-lo xornal mentres gozaba dos raios do sol.

Un home grande, robusto, con traxe e maletín entrou no recinto do edificio.
Algún empregado dunha axencia de aluguer de pisos, pensei eu.
Poucos minutos despois, outros catro homes entraron e saudaron ó do traxe dándolle-la man. Nada estrano. Catro homes con cara de suramericanos.
Un grupo de inmigrantes buscando piso, pensei eu.

Uns quinces minutos despois escóitanse berros.
Viñan do 3ºA (eu vivía no 2ºA). Unha muller suramericana, coa súa filla no colo, berraba que uns homes querían levar á súa nena e que roubaran na súa casa. Pedía axuda chorando e berrando sen parar.
Eu non o podía crer.
Erguinme, perdido, sen saber ben que facer.
Collín o móbil, como querendo chamar á policía, pero non sabía o número. Dirixinme cara a entrada do edificio e, nese intre, catro dos homes de antes pasaron rápido diante de min. Todo encaixaba, pero eu fíxenme o parvo. Eran eles os 'ladróns' e semellaba que eu estaba nunha película. A típica escea de mafiosos nas que sabes ben o que vai pasar. Sabes que van comezar a disparar en calquer momento.
Deixeinos ir e fun cara a porta de entrada, pero dinme conta de que non collera as chaves.
Nese intre, o último dos 'ladróns' saíu do edificio e, facéndose o despistado, preguntoume que que pasaba. Eu, facéndome o parvo, respondín que non sabía e, como non tiña chaves para entrar, agocheime detrás dunha columna mentres os deixaba escapar. Vin como, nada máis saír polo portal, botaban a correr e pensei que era entón cando ían comezar a disparar (se cadra o meu pensamento estaba influenciado polas películas estadounidenses). Eu, por se acaso, mantívenme agochadiño detrás da columna durante uns segundos.

Pouco despois, con moito medo no corpo, fun cara a piscina de novo, para intentar entender algo do que pasara.

Segundo a socorrista, a muller que berraba era venezolana e o seu home (colombiano) ten unha pequena tenda no barrio. Só unha pequena tenda que lle dá moitos cartos.
Iso, ou trafican con droga, que é o que todo o barrio sabe (supón). A socorrista díxome que iso era un axuste de contas.

Pouco despois do incidente, o marido colombiano chegou coxeando. Probablemente se atopara cos 'ladróns' polo camiño e recibira unha pequena malleira de aviso.

A versión da venezolana diante da policía foi que uns descoñecidos queríanlle roubar e violala.

Fora o que fora eu levei un susto sen comelo nin bebelo, vin a miña vida en perigo e, durante varios días, deume medo saír á rúa.

Chamádeme esaxerado se queredes.

1 comentario:

qieroqRamonSeaMiheroe dijo...

cm m gusta esta historia!