Como contei hai uns días, a experiencia en Malmö foi excepcional. Pero non tódalas cousas.
De feito, estiven a piques de non vivir nada diso.
O avión de Londres-Gatwick cara Copenhague saía ás 7.00 da mañá do domingo. O sábado traballei ata tarde e cheguei a casa pasadas as 2.00h. Tiña apenas unha hora para face-la maleta, ducharme e largarme, porque a conexión de autobuses nocturnos non é a ideal.
Correndo, conseguín facelo todo. Cheguei a Victoria con tempo abondo para colle-lo autobús cara o aeroporto, que tiña que saír ás 4.30h.
Saían autobuses cara Luton e Stansted. Pero o de Gatwick non chegaba. O motivo: break down. É dicir: avariado. E non sabían cando podería vir o seguinte.
Eu ía co tempo xusto para un aeroporto que non coñecía, así que fun correndo cara a cercana estación de trens e collín o primeiro que saía. Pero o primeiro rexional, non o express, porque era máis barato e chegaba a tempo. Ou iso cría.
Co chiste de perde-lo bus e coller un tren, xa pasaban das 5 da mañá, pero aínda tempo abondo para facturar.
Sae o tren. Son cinco paradas ata Gatwick nunha viaxe que duraría entre 45 e 50 minutos. Iso significaba que chegaría pouco antes das 6.00. E a porta de embarque pechaba ás 6.20h. Crucei os dedos para que todo fose ben.
De súpeto, á metade do camiño, o condutor do tren anuncia que imos tardar un pouco en saír dunha das estacións porque había traballos de mellora na vía. Un domingo ás cinco e pico da mañá hai traballos de mellora na vía?!?!?
Exactamente, 11 minutos (que corrían na miña contra) foi o que tardou o tren en poñerse en marcha de novo. Sinceramente, pensei que non chegaba. Era case imposible.
Finalmente, o tren chegou a Gatwick ás 6.02 horas. Corrín como puiden entre a multitude. Botei unha das carreiras da miña vida coa maleta ó lombo. Fun cara as portas de embarque e atopeime con 10 filas (10!) de uns 50 metros de lonxitude completamente cheas de xente. Cando pensaba que xa todo estaba arranxado, descubrín que aínda tiña que esperar unha moi longa cola. Comenteille o meu caso a unha azafata, e díxome cunha admirable tranquilidade que todo iría ben.
Pero, cando ía pola oitava fila, tiven que berrar e dicir que me colaran. Se non, nunca chegaría.
Ás 6.20 en punto estaba facturando. Xusto no límite.
Logo fun correndo cara a porta de embarque. Cheguei suando. Pero cheguei.
E (incriblemente) a aventura de Eurovisión 2013 comezou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario