23 de junio de 2013

Famoso no aeroporto

Na historia anterior contei que case non chego a colle-lo avión que me levaba a Copenhague.
Sete días despois case perdo o avión de volta.

O sábado pola noite, despois da final de Eurovisión, fomos de festa ó Euroclub de Malmö. Como eran as últimas horas dunha semana excepcional, algúns de nós decidimos non durmir. Bailamos, rimos e bebemos ata que nos botaron de alí, xa de día.

Casualmente, dous amigos alemáns collían o seu avión á mesma hora ca min no aeroporto da capital danesa, así que decidimos quedar ás 8.00h na estación de Malmö para ir xuntos ata o país veciño.
Chegamos ó aeroporto, facturamos, e, como nos sobraba moito tempo, sentámonos a falar e tomar algo.

Media hora antes de que saíran os nosos voos, despedímonos. Eles cara Frankfurt. Eu cara Londres.

Fun amodo cara os controis de seguridade. Paseinos. E mesmo me permitín botar unha ollada ás tendas.
Logo buscquei unha pantalla para saber a que porta debía dirixirme. A miña sorpresa foi cando vin que poñía CLOSED. A porta de embarque estaba pechada. Ía perde-lo voo de volta a Londres por estar de leria.

Botei outra das carreiras da miña vida (ás que xa me estaba acostumando coas anécdotas que me estaban pasando ultimamente). Tiven sorte que os corredores estaban baleiros.
Faltaban uns metros para chegar e escoitei por megafonía o meu nome. Nunca me fixo ilusión ser coñecido nin que souberan como me chamo. E menos nunha situación coma esa. Un azafato berrou: Ramón?! Era por min, claro. E o policía de aduanas díxome con sorna: están esperando por ti; case non chegas.

Pero cheguei.
Segunda vez en 7 días que case perdo o meu voo. Segunda vez que o collo (por moi pouco).

(Por certo que, esa tarde, contándolle a aventura a un dos alemáns cos que estaba, díxome que lles parecera oí-lo meu nome por megafonía, pero que non crían que fose eu.
Pois si, era eu).

No hay comentarios: