19 de febrero de 2009

Pai ós trece

Un neno é pai con só trece anos.

Con esa exclusiva, cortesía do sempre serio e respectado xornal The Sun, espertabámonos os británicos (eu inclúome no saco) uns días atrás.
Que escándalo! E eu que pensaba que a miña nai apurara moito!

O curioso é que a nai da criatura (refírome ó bebé) pasou completamente desapercibida, como se fose a cousa máis normal do mundo parir ós quince anos.
E, ante semellante escándalo, faltoulle tempo ó resto de medios para poñerse a falar, criticar, xulgar, opinar, responsabilizar e condenar por algo que comeza a ser habitual nesta sociedade.
Expertos nisto, expertos naquelo, expertos en non sei que e en non sei que máis, enchían espacios na BBC News, SKY News, The Times ou The Guardian mentres o neno (o de trece anos) aseguraba que ía ser un bo pai (do bebé).

Cando xa parecía que non había máis chicha na historia, un días despois encóntrome na portada do diario gratuíto The London Paper o seguinte titular:
‘Papá-neno: Fareime a proba do ADN’
E subtitula: ‘Outros dous adolescentes din ser os pais do bebé’.

Con ese titular ninguén se pode resistir e continuar lendo.
Embaixo, aparecen as fotos de tres nenos e o pé de foto di:
‘¿Quen é o papi?: Alfie Patten, 13, Tyler Barker, 14, ou Richard Goodsell, 16’

¿A alguén realmente lle interesa a estas alturas quen é o pai? A min, sinceramente, non moito. Interésame moito máis coñecer a vida da nai, esa nena de quince anos que fornicou con canto adolescente había na zona.

Paso a traducirvos a noticia enteira que, por certo, non ten desperdicio.

‘O papá-neno Alfie Patten farase a proba de ADN para demostrar que el é o pai de Maisie, a filla da súa moza. O rapaz de trece anos anunciouno despois de que outros dous rapaces dixeran que eles eran os pais de Maisie.
Richard Goodsell, de 16 anos, e Tyler Barker, de 14, aseguraron que eles deitáranse ca nai do bebé, Chantelle Steadman, nos últimos nove meses.
Chantelle, de 15, púxose a chorar cando os rapaces, que viven na súa urbanización en Eastbourne, fixeron a declaración.
Alfie, de só doce anos cando o bebé foi concibido, dixo: ‘’Cando Chantelle se enterou de que ía ter o bebé, eu pregunteille se eu era o pai. Ela dixo que si, así que eu crinlle.’’
O escolar de 1,20 m. de altura engadiu: ‘’Eu non sabía nada sobre probas de ADN, pero a miña nai explicoume que é cando sacan saliva e dinche se es o pai. Así que, se o fago, todos poden calar.’’
O portavoz da familia, Max Clifford, confirmou: ‘’Farase unha proba de ADN’’.
Chantelle dixo: ‘’Amo a Alfie, perdín a miña virxindade con el. Non houbo ninguén máis’’.
Pero o aprendiz de cociñeiro Richard dixo: ‘’O bebé ten os meus ollos. Mesmo a miña nai pensa iso’’.
As familias dos pais adolescentes foron acusados de intentar beneficiarse economicamente da historia. Os servicios socias enfróntanse a varias reclamacións por descoidar á parella’.

Ocórrenseme tantas cousas que dicir que podería facer varios capítulos.
Vou deixar que vós opinedes mentres eu intento asimilar esta noticia.

Eu só vou dicir unha cousa: Rafa e Patri tede moito coidadiño co que facedes por aí.

No hay comentarios: