26 de marzo de 2009

Luxemburgués

Téñenche boa razón a miña nai e a miña avoa: qué guapo soy, qué tipo tengo.

A primavera o sangue altera, e nin un matrimonio nin unha menopausa poden evitalo.

Volvía eu no metro para casiña, despois de axudar un pouco no restaurante, preocupado por problemas laborais. Quen me ía dicir a min que unha muller duns corenta e tantos anos, cunhas pintiñas un pouco raras e co que supuxen que era o seu home ó seu carón, íame alegrar o regreso a casa e o día enteiro.

Ía eu de pé, apoiado contra un dos laterais do vagón, co meu modelito fin de ano (o meu favorito) pensando nas miñas cousas.
A muller, que estaba xusto enfronte miña, sacou silenciosamente a súa cámara de fotos e dirixiuna cara min.
Eu dinme conta de que me estaba enfocando disimuladamente co obxectivo, así que mireina ós ollos e fíxenlle un xesto co que lle din a entender que non me importaba que me sacara unha foto.
Entón, ela, cun forte acento alemán, ou holandés, ou desa zona, díxome:
-You are a very nice guy!(Xa vedes o éxito que teño).

E despois de soltarme ese piropo, a mulleriña creu que tiña o dereito de sacarme tódalas fotos que quixese. Ela, ni corta ni perezosa, enfocou e sacoume dúas fotos (con un flash que chamou atención de todo o vagón) mentres eu facía que pasaba dela. Despois da sesión fotográfica, a muller mostroume os resultados e preguntoume:

-Are you from London?
Eu neguei ca cabeza mentres sorría.

-From England?

Continuei negando e sorrindo.

-From Scotland?
-Ireland?
Eu seguía negando sen dicir de onde era para facerme o interesante.

-China?, dixo ela de broma.

A muller seguía dicindo países para ver se cedía. A ver como lle explicaba eu que o meu país está dentro de España... Uf! Demasiado lío! Eu limitábame a negar ca cabeza sen dicir unha palabra e sorrir.

-Poland?
-Germany?
-Belgium?
Eu seguía negando e sorrindo.

-Ummmmmm... Luxemburg?!

Teño eu cara de luxemburgués? Non sei nin sequera se ese é o xentilicio. Que tipo de cara é esa? Xa me teñen preguntado se son italiano, portugués, francés, grego, inglés, turco e polaco. Pero nunca luxemburgués.

-From King’s Cross?, preguntou o seu home de broma.

Esa foi a estación na que parou a parella.
Mentres baixaban do tren, a muller fixo pucheiros ó mesmo tempo que me ollaba para ver se lle dicía algo.

Pero non. A alemana, holandesa ou de onde sexa, nunca saberá que ese rapaz tan sepsi da foto á que mira mentres se dá unha alegría ó corpo é galego; non luxemburgués.

Eu sigo preguntándome que haberá de luxemburgués na miña cara.

1 comentario:

alessia dijo...

me acuerdo de esta historia.. m hizo gracia.. xq cn gestos todo es mejor.. además saber la ropa q llevabas ayudaba muxo..